21.5.06

Días de Letras

Conseguímolo. Amais de querérmonos tod@s moito, esta semana tamén saíu á rúa (e á Rede) todo o choio da última semana e máis. Somos do que non hai.

Tamén conseguimos que o martes a Alameda estourase en música, en ganas de empanada, de viño, de licor café, de cervexa (ao final, acabamos os 650 litros unha hora antes de rematar o concerto!!!) e de festa. Acabamos malladiños, pero alí estabamos, itaqueir@s, parrul@s, encantad@s, abert@s e sobre todo nov@s. Tamén funkis, brasileiros, powerpopeiros, punkis, kañautor e rockeiros estiveron tremendos.

Así nos custou ao día seguinte, a Eue e a min, chegar até o Obradoiro. Pero ver as nos@s pícar@s coa súa pancarta pagou a pena.

E así andamos, gozando de festas e máis festas para celebrar que aínda temos unha lingua de noso. Aínda falta a Resaka... (ei, rapás, non te queixes, que aínda che fago publicidade). Eu acabo de redescubrir o pracer de ler na miña nova e silenciosa casiña. Devoro libros, e o Ghandoi tamén (pero el literalmente). Para ser tan noviño xa ten uns gustos literarios bastante perfilados: Cervantes non lle cae nadiña, xa zapateou as novelas exemplares polo cuarto. tamén tirou do andel outra das miñas xoias, a edición ilustrada por Tenniel das dúas Alicias que me regalou miña nai ao facer sete anos. Pero Lewis Carroll xa lle debe de gustar máis, que o deitou de xeito que caese aberto e o puidese ler.

E agora que estou arrasando cos de Narrativa de Xerais, el métese na cama comigo e está ben tranquiliño até que lle dá a fame: a Navaza débeo atopar soso (non o vin eu así, eu limítome a interpretar as impresións do ghato), porque Erros e Tánatos non mereceu as mesmas mordidas apaixoadas que recibe agora Suso de Toro (Calzados Lola é grande de máis, así a todo, para a dentamia deste pequecho, e non dá feito). Onde roímos os dous con auténtica entrega foi en Rivas: En salvaxe compaña tívome entregada e intrigada durante dúas noites, amais de facerme escarallar por veces de xeito que os meus veciños xa deben empezar a ter medo de que lles tocase unha tola no segundo. E Ghandoi atopouno delicioso, a xulgar polo xeito en que lle chantou os dentes. Se cadra é polos ratiños que ten dentro... Hai que lles ter un respecto, que eran almas de paso cara Teixido. Cando o pensei mireino aos ollos (xa sans, "lerchos e azuis")... El non haberá algunha alma perdida no corpo deste siamés-palleiro? Quedáballe preto, Maniños non está lonxe de esoutra fin do mundo que son os cantís de Santo André... Vou mirar ben o que falo con el, non vaia ser que logo ande lercheando cos gatos da casa do lado coma os ratiños de Rivas...

4 comentários:

Anónimo disse...

Best regards from NY! Code promo tax turbo web Kitchen remodeling sf bay area electronically file income tax Drug addiction in ultram

Anónimo disse...

I am really Glad i discovered this web site.Added lua-neghra.blogspot.com to my bookmark!

Anónimo disse...

I'm Glad i found this website.Added lua-neghra.blogspot.com to my bookmark!

Anónimo disse...

I'm really Glad i ran across this web site.Added lua-neghra.blogspot.com to my bookmark!