18.12.09

Último día por aquí...

... que, como o filme de Chantal Akerman... Demain on déménage (mañá mudámonos!). Abur!

17.12.09

Noite da lúa neghra en branco

ou cancións para saír do Ruta...

But I'm a creep
I'm a weirdo
What the hell am I doin' here?
I don't belong here, ohhhh, ohhhh

She's running out again
She's running out
She run run run run...
run... run...

(e tamén)

Estreliña do luceiro
amai-la da claridá,
vaise o día, vaise a noite,
vaise a nosa mocidá

14.9.09

Penúltimo día nunha redacción

Non podía ser menos: vén o equinoccio, e con el, cambios. E dos gordos. Hai cinco anos entrei por primeira vez na redacción dun xornal, na Rúa Príncipe de Vigo. Pasei por outras varias, dúas no Pombal (baixo e soto, respectivamente), a preciosidade do Preguntoiro e esta última. E mañá colgo os hábitos de xornalista e cambio de gremio.

Arriba o pano. A función vai comezar.

4.6.09

Días de rabia (e despedida)

Represión sobre os traballadores do metal, censura informativa, arrincar linguas, que queiran ghobernar no meu útero... Moitas razóns para estar en pé de guerra. Declaro este chiringo pechado por reformas... Hai máis que facer.

5.5.09

Días de bossa nova

O que fai o subconsciente. Nos últimos días eu notaba que non podía parar de cantar "Irene", de Caetano Veloso (graciñas pola corrección, Bouzafría).

Eu quero ir, minha gente,
eu não sou daqui.
Eu não tenho nada, nada,
quero ver Irene rir.
Quero ver Irene dar sua risada.
Irene ri, Irene ri, Irene.
Quero ver irene dar sua risada



E o luns a eue pasáballe o mesmo. Logo démonos de conta: tiña que ver co libro que eu tiña sobre a mesiña de noite, e que logo lle emprestei (o mellor que lin en moito tempo, amais). Isto é coma cando, sen sabermos por que, cada vez que un dos dous poñía unha lavadora empezaba a entoar "Allons enfants de la Patrie, Le jour de gloire est arrivé!" Un día reparamos no que poñía na botella de deterxente: Marseille. Seguro que tiña que ver. É curioso como hai teclas visuais que nos activan melodías na cabeza :)

24.4.09

Resaca do Día do Copyright

Día do Libro, seica, un inferno para quen se dedique ao xornalismo cultural (aínda que o peor este ano está por vir, cando chegue maio, mes das flores e de Ulm Roam). Eu tiven un agasallo precioso nese día do Libro e dos Dereitos de Autor (isto nunca colle nos titulares): a David González vino recitar o ano pasado na Capela do Torrente, na Semana da Poesía Salvaxe de Ferrol, e traspasoume. Na nosa recente viaxe ao sur, eue levaba El demonio te comía las orejas no coche, e non puiden soltalo ata que o rematei. Agora comparto o meu agasallo (chegado da rede, libre e de balde) con quen queira, e convido a todo o mundo a celebrar o Día do Copyright agasallando libros piratas, compartidos ou, en calquera caso, libres:

Sparrings, David González

17.4.09

Día ghallegho...


Os días que chove e vai sol
anda o demo por Ferrol...

7.4.09

E a coisa mais divina que há no mundo...



Tomara
Que você volte depressa
Que você não se despeça
Nunca mais do meu carinho
E chore, se arrependa
E pense muito
Que é melhor se sofrer junto
Que viver feliz sozinho
Tomara
Que a tristeza te convença
Que a saudade não compensa
E que a ausência não dá paz
E o verdadeiro amor de quem se ama
Tece a mesma antiga trama
Que não se desfaz

E a coisa mais divina
Que há no mundo
É viver cada segundo
Como nunca mais

Vinícius de Moraes

1.4.09

Día dos enganos

Ou 1 de abril, cando van os burros onde non deben ir :D. Fóra chanzas, a cousa é que o outro día alguén me preguntou o porqué da tatuaxe que levo ás costas dende hai sete anos (e que lle dá nome ao blog) e expliqueime fatal, así que aquí vai:

Segundo o astrólogo Stefan Nitschke, A Lúa Negra, tamén chamada Lilith, non é un planeta, senón un punto sensíbel que se pode identificar mediante determinados cálculos: observando a órbita elíptica da lúa arredor da Terra, e o eixo que forman os dous puntos máis afastados da Terra na elipse, a lúa negra estaría, nese eixo, no punto que se atopa á mesma distancia da Terra que do centro da elipse. Tarda uns nove anos en darlle a volta completa aos doce signos.



Por que se escolleu a Lilith para nomear este punto inmaterial e escuro do ceo? Foi a primeira muller de Adán, antes ca Eva, segundo a literatura rabínica e a Cábala (e foi feita de barro coma Adán, non a partir de ningunha costela), pero fuxiu do paraíso por non se querer someter a el, e cando mandaron anxiños ao Mar Vermello para pedirlle que volvese ao Edén, ela negouse. Foi castigada a parir nenos mortos. A tradición (babilónica e asiria) presentábaa coma unha deusa do mal, unha deidade feminina demoníaca, un súcubo.

A primeira representación dela aparece nunha terracota sumeria do 2000 a.C., onde aparece espida, con ás e poutas de ave, arrodeada de mouchos. A referencia literaria máis antiga está no prólogo da Epopea de Xilgamés, texto babilónico do 2000-1900 a.C.: "unha serpe que non podía ser dominada aniñou nas raíces dunha árbore chamada Huluppu. O paxaro Anzu colocou o seu pitiño nas pólas desa árbore, e Lilith, a lúa negra, construíu o seu fogar no tronco". Aparece só unha vez na Biblia (no Antigo Testamento, o libro de Isaías sitúaa na descrición dos lugares de perdición, no medio do deserto, entre sátiros e animais), e nos apócrifos (Testamento de Salomón, Talmud...) aparece sempre coma orixe do mal.

A lúa negra aínda é un territorio escuro para a astronomía e a astroloxía, polos contidos negativos que se lle atribúen, relacionados coa tebra, coa apocalipse. É algo así coma a sombra da lúa, igual que Lilith é a sombra da "femininidade": se se identificaba o home co sol e a muller coa lúa, Lilith non ten xénero, ten que ver co que se rebela ás leis, coa sombra, co oculto e o non visible. De aí que Lilith se convertese tamén nunha icona feminista e das reivindicacións LGTB.

Hala, aí queda.

23.3.09

Primavera



Dúas pegas marzas ou gaios (en perigo de extinción). A foto é de J. Fouarge (eu nunca as dei visto, e mesmo cheguei a pensar que eran seres mitolóxicos). Chegou a primavera (e o primeiro cabodano, snif)... E como me pasou toda a vida sempre que hai equinoccio ou solsticio, viran as cousas e cambia todo de sitio. Para ben.

2.3.09

Día de resaca electoral

Nunca tan acaído foi ese termo. O que nos queda, mimá.

9.2.09

Día para cagarse en todo


Hai xente experta en manipular palabras. "Libertad" (así, en castelán), a que máis.

1.2.09

Día da Candeloria

Chega o 2 de febreiro un ano máis, con todas as súas consecuencias:
1. Se a Candeloria chora, vai medio inverno fóra (xa pode!), pero se ri, medio inverno está por vir (cagho en...).
2. Fin das xaneiras (acabou o de espertar cos miaños desesperados de Ghandoi a chamar polas gatas da parroquia. A Catuxa o tema sópralla bastante de momento).
3. Casan os paxariños! E un pimpín e unha gaivota fan as vodas de... de cotón, seica.


Vía O cartafol de silencios acórdanme Marco Valerio Marcial e tamén Catulo. Sobre todo este:


Viuamus, mea Lesbia, atque amemus,
rumoresque senum seueriorum
omnes unius aestimemus assis.
Soles occidere et redire possunt:
nobis, cum semel occidit breuis lux,
nox est perpetua una dormienda.
Da mi basia mille, deinde centum,
dein mille altera, dein secunda centum,
deinde usque altera mille, deinde centum.
Dein, cum milia multa fecerimus,
conturbabimus illa, ne sciamus,
aut nequis malus inuidere possit,
cum tantum sciat esse basiorum.


Tiña unha tradución moi boa ao galego, pero desapareceume :( Se consigo recuperala xa a colgo.

27.1.09

Días vermellos

Esta non é unha loita polo "dereito a amar", é unha protesta contra a prisión moral, mesmo a do sentimento exteriormente máis libre. Esta é a rebelión das mulleres da nosa época de transición que aínda non aprenderon a harmonizar a liberdade interior e a independencia coa paixón do amor que todo o devora.
(...) a nova muller que se liberou da servidume do amor érguese en toda a súa estatura, gozosa e orgullosamente. "A servidume mental chegou á súa fin", alédase a heroína de Kredo despois de convencerse de que xa lle pasou a intoxicación da paixón. "Fóra as penas e a excitación e adeus ao medo, agora é libre e o seu corazón deixou de sufrir, pois Viktor, a quen amara, desapareceu da súa alma case sen se decatar". (...)
Liberación da prisión dos pensamentos estraños, liberación dos pesares e dores, estes "agudos e mordaces abrollos dos bicos", ser de novo unha mesma e atoparse con unha! Que ledicia para a muller que se sente un individuo e que sentimento incomprensible e totalmente descoñecido para a muller do pasado!


KOLLONTAI, Alexandra: "A nova muller", en Novaya moral' i rabochii klass (A nova moral e a clase traballadora), Moscova, 1918

Podémola ler na colección "As letras das mulleres", que coeditan Sotelo Blanco e o Servizo Galego de Igualdade, en tradución de Fe González, ou no Marxists Internet Archive (en inglés).

19.1.09

Día de coñac e rosas

Para deixar sobre un cadaleito de Baltimore.



As imaxes son de Das Cabinet des Dr. Caligari, de Robert Wiene (1920). A música, de Lou Reed (The Raven, 2003), e a voz que le o poema homónimo de Poe, de Willem Dafoe.

22.12.08

Días da fin do imperio

Decidín negarme a entrar na espiral de submisión ao consumo este nadal. Non sei de onde vou tirar o tempo (tempo, que cousa), pero ando a argallar regalos inmateriais, virtuais, artesanais, pobres ou piratas :D



Canto máis lles compramos,
máis nos vendemos.

PD. A imaxe é de Consume Hasta Morir.

18.12.08

Días caseiros...

Coas frieiras, as temperaturas e o moito chollo acumulado, non dá gana ningunha de saír da casa. Xa onte perdín a Festaleiro, pero hoxe vou ver os meus nenos, vivedios! Sorte que para a semana conseguín un día libre, e así podo enganchar catro días na casiña materna, que é onde mellor se está (son unha moñas, sei, pero é así). Así que o día 24 fago a mochila (o que inclúe a Ghandoi e a Catuxa en cadansúa caixa) e marcho para aquí:




Domondó (parroquia de Pantín, Valdoviño) fotografado por Fermín Goiriz Díaz o 1 de decembro. Non sei se alá haberá cobertura 3G (dubídoo moito!), pero se consigo unha miga dela, xa vos conto.

16.12.08

Queridos Reis Magos...

... quero carbón.

Andei estes días detrás da pista do Apalpador, ese ser mitolóxico da montaña luguesa que, polo solsticio, lles apalpa a barriga aos cativos para ver se están ben mantidos e lles deixa castañas. É carboeiro, coma o Olentzero vasco. En Cataluña teñen o Tió, un toriño de madeira que "caga" os agasallos, e pola costa cantábrica tamén existe o costume do Esteru, que é leñador. Faime graza que os Reis Magos, esa figura creada polo cristianismo para cargarse este tipo de tradicións pagás, traen carbón se nos portamos mal. Un xeito nada sutil de dicirnos que, de non comportármonos como se agarda de nós, merecemos un castigo: unha icona da tradición popular, rural, connotada positivamente para os cativos que pasan frío e fame. Que se nos portamos ben, agasallos caros e que saen pola tele, e se nos portamos mal, o agasallo dos pobriños pailáns.

Quero carbón este ano. Porteime fatal.

Carbón para Mike

Contáronme que en Ohio,
a comezos do século,
vivía en Bidwell unha muller,
Mary McCoy, viúva dun gardavía
chamado Mike McCoy, en plena miseria.

Pero cada noite, dende os trens enxordecedores da Wheeling Railroad,
os gardafreos guindaban un anaco de carbón
por riba do valo da leira das patacas
berrando ao pasaren coa voz rouca:
"Para Mike!"

E cada noite, cando o anaco de carbón para Mike
petaba na parede posterior da chabola,
a vella erguíase, poñía,
adurmiñada, a saia, e gardaba o anaco de carbón,
agasallo dos gardafreos a Mike, morto
pero non esquecido.

Erguíase tan cedo, e agochaba
os seus agasallos aos ollos da xente,
para que os gardafreos non tivesen dificultades
coa Wheeling Railroad.

Este poema está dedicado aos compañerios do guardafreos McCoy
(morto por ter os pulmóns febles de máis
nos trens carboeiros de Ohio)
en sinal de solidariedade.

Bertolt Brecht

4.12.08

Días de frieiras

Non paro coa dor! O luns notei que os pés se me conxelaban aos poucos mentres estaba na oficina, e pensei "non, merda, xa están aquí". Tentei movelos e quentalos, pero non houbo xeito, a miña ración anual de necrose estaba servida. Frieiras, esa afección da pel que hoxe a todo o mundo lle soa a swahili, pero que os pais e avós que viviron a posguerra, ou os traballiños do rural ao frío, á choiva, lembran perfectamente, e que eu, na miña querenza polas antigüidades, padezo puntualmente cada inverno. Onte non podía parar quieta no asento do Cineclube, e hoxe propuxéronme ir a un serán (será por ganas!), pero paréceme a min que bailar muiñeiras e rumbas non lles vai sentar moi ben...

Unha cousa está clara: recorrer a internet nestes casos é perigosísimo: 1. porque se es un pouco hipocondríac@, tardas 0.5 segundos en asociar as frieiras con certas variantes de lupus, leucemia e síndrome de Raynaud; 2. porque pode ser peor o remedio que a enfermidade. Hai quen recomenda restregalas cun limón (non o quero nin pensar), ou abrir unha uva e levala apegada cunha tirita todo o día en cada frieira (ghasús, e que calzado poño?). Acórdame miña abuela, insistíndome en que fixese por, cando estivese na ducha ou así, mexar por riba delas, que é man de santo (como cando pican as medusas). E decidín que mellor vou á parafarmacia, que sempre me socorre nestes casos. A semana pasada xa descubrira que o xabrón Lagarto é o mellor cicatrizante do mundo. A ver que fago con isto... Se alguén coñece máis remedios caseiros (e menos escatolóxicos), ben vidos sexan...

3.12.08

Días nas barricadas

Sempre. Pero estes días máis ca nunca:

a. Unha banda de fascistas queren evitar o que eles chaman "unha homenaxe a dous terroristas". O peor é que dá igual a cor política, todos os grupos coinciden en chamalos terroristas (cando a condena dicía outra cousa) e en escandalizarse. Pero vai haber festa, e non vai ser máis ca iso: festa e reivindicación.

b. Hai cousa dun ano, escribín isto: outra banda de fascistas gozaba da súa liberdade de expresión lanzando consignas propias do franquismo na rúa. Cando a xente que non estaba de acordo se expresou libremente bailando e tocando a pandeireta, a policía cargou sobre eles. Os fascistas aplaudiron. Un ano despois, emprenden unha caza de bruxas, buscan nomes no Google, poñen denuncias, eles que teñen tempo e cartos para gastar nos xulgados, e catro apelidos para teren impunidade. Tentan espallar o medo, reprimir, silenciar, demostrar, por medio do poder, que eles poden e eu, ti, nós, non. O seu é liberdade de expresión, o outro é terrorismo.

Aquí, a definición que A.P. Schmidt fai do termo "terrorismo":

"O terrorismo é un método produtor de ansiedade baseado na acción violenta repetida por parte dun individuo ou grupo (semi) clandestino ou por axentes do estado, por motivos idiosincráticos, criminais ou políticos, nos que — a diferenza do asasinato — os brancos directos da violencia non son os brancos principais. As vítimas humanas inmediatas da violencia son xeralmente elixidas ao azar (brancos de oportunidade) dunha poboación branco, e son usadas como xeradoras dunha mensaxe. Os procesos de comunicación baseados na ameaza — e na violencia — entre o terrorista (a organización terrorista), as vítimas postas en perigo e os brancos principais son usados para manipular ás audiencias branco, converténdoas en branco de terror, branco de demandas ou branco de atención, segundo que se busque primariamente a súa intimidación, a súa coerción ou a propaganda".

Que cadaquén saque as súas conclusións. Eu xa estou nas barricadas.