21.8.07

Días vaghos...

Nunca gocei tanto da folganza como estes días. Esa imaxe da sesta a dúo de Ghandoi e eue no sofá da casa é a metáfora perfecta. Logo da noite pallasa aínda demos unha voltiña por Boiro, por Moaña, onde gozamos do son de Oskorri e da hospitalidade de Albagal, e directiños para o paraíso de Ons, onde as estrelas se miran mellor ca en ningún outro lugar, a festa de músicas internacionais (da gaita á txalaparta, dos djembés á guitarra) estouraba cada noite á beira da praia, e as gaivotas e cormoráns son os auténticos habitantes. Antes tamén había araos, pero non sobreviviron á merda do Prestige.

Logo duns días de relax e aperturas de novos horizontes, rumbo á fronteira, e tres días de música e hipirmo (relativo, xa pasaron corenta anos de Woodstock e os novos festivaleiros sementan o campo de vasos de plástico e cabichas e levan o bañador posto cando se meten no río). Descubrimentos interesantísimos, sorpresa e abraio, festa a rachar e moita auga! Cinco horas seguidas sen parar de chover na noite do martes, que combatemos a golpe de Porto (bebido antes de entrar no recinto, o control policial non o deixou pasar).

E nada, volta ao fogar, recuperación a golpe de xaropes e vitamina C efervescente portuguesa, dous días na matria deixándome coidar polos meus e comer o peixe que non como o resto do ano (o interior e a vagancia, é o que teñen). Agora, cunha boa reserva de fósforo e ácidos graxos conseguida a base de marraxo, lirio, sardiñas e parrochas, aínda queda a metade do livin' easy ou dolce far niente, ou rascar a barriga. Dei co Summertime que quería, esta impresionante versión en directo en Estocolmo dunha das grandes señoras da música, xunto con Billie Holiday, Edith Piaf e La Lupe. Aí vos deixo a Janis e banda sonora para o tempo de verán... Apertas!


3.8.07

Hoxe teño o día pallaso...

Natural, con tanto nariz vermello agromando detrás de cada esquina. Como todo bo bufón, preciso moito humor, pero tamén moita carraxe. Levo varios días de sentimentos encontrados. Non sei se pasou un ciclo lunar enteiro dende o último post, pero si que as miñas mareas internas subiron e baixaron como tolas...

- Festa e contrafesta: eue celebrou por todo o alto a idade de Cristo, mentres loitaba contra os elementos. Eu gocei da festa como nunca, aproveitando os últimos folgos antes da fin de semana seguinte. Tamén foi festa abondo, pero previamente tiven que librar unha carreira de obstáculos. Amais, a chuvia enchoupou o último día e a operación de recollida de barra, tenderetes, instalación eléctrica... A nosa saúde pagou as consecuencias. Sorte que voltamos de Matamá cargadiños de limón e mel, que o curan todo.

- Dúas caras da cidade: estes días Compostela véndese ao Imperio. De repente baixan as cifras do paro, porque tododios conseguiu algún traballo precario na hostalaría, e prestámonos a servir ás leis da oferta e da demanda. Se polo camiño se perden cousas tan nimias como lingua, cultura, identidade e liberdade de expresión, que lle habemos facer, todo ten un prezo.

Tentando fuxir da grea humana que se congrega para ver a Soraya no Obradoiro, unha señora párame e dime en perfecto castelán "estás acreditada?" Mira ti, non levo o carné de prensa conmigo, nunca se sabe cando o podes necesitar para atravesares unha praza. "Non, pero só quero pasar... Non se pode?", "Pues no". "Hai que ghoderse", e dou volta por media cidade para un traxecto que me tería levado dous minutos. Pero chego a tempo de brindar co sangue do meu sangue e os seus colegas polos seus 21, e finalmente chego á macrofesta no piso dos gatiños cinéfilos, onde as risas e as conversas esconxuran o Apóstolo e toda a súa mitoloxía e merchandising. A xolda remata en Belvís, xa totalmente posuídos pola música e o "patriotismo", e veñen contarme que na Praza da miña aldea viñeron uns tipos drogados ata arriba e vestidos de azul cunha bandeira no ombro a meterlles de ostias, roubarlles e esnaquizarlles a festa aos que estaban a facer música. Dicían que había risco dun acto terrorista na cidade, e tiñan razón. O terror das porras e os descerebrados que as manexan fixo a súa aparición estelar na noite do 24.

Ao día seguinte cambiou o conto. Paso a correr polas congregacións do Toural e da Quintana, intercambio información coa xente que atopo sobre a(s) carga(s), e finalmente chego a Casa Felisa e consigo pórlle cara á voz que me acompaña todos os xoves ao lavar a louza, ás palabras que me chegan decote agarimosas, bulideiras e intelixentes polo correo, para que eu lles dea dúas puntadas e as coloque, brillantes e cheas de cor, no escaparate. Jan, O Breogán, A Pícara, Moralla e máis eu tivemos o pracer de xantar e conversar coa nosa querida Babel, e por un momento sentín como se fose un parente moi querido a quen hai anos que non ves, que un día decide volver. En certo modo, todos temos o pouso da emigración en nós.

E máis nada... Semana de traballo (tamén na fin de semana) non máis intenso do habitual, malia percibilo como máis duro. Cando sabemos que se achega o tempo da folganza, cada minuto de traballo faise máis e máis longo... Pero xa rematou! Escoito un aria de Gershwin, Summertime, como corresponde a este día que dá comezo ao meu auténtico verán, e prepárome para ir ver un pallaso, con moito humor pero tamén moita carraxe, que é imprescindíbel para calquera que se queira bufón.

E deixo este post de despedida, antes de marchar todo o lonxe que poida de ordenallo ningún, botarme ao monte, á praia, á festa, lembrar o que era mirar as estrelas, durmir debaixo dun carballo, subir ao máis alto dun monte, nadar até que a pel se enrugue e todas esas cousas que a cativa silvestre que teño dentro leva moito agardando por facer...

14.7.07

Días quentes

Quentura da febre traída directa dende o Entrimo. Logo dunha festa sen precedentes en que exorcizamos todos os demos que nos querían infundir co seu fétido alento Pablo Llorca e a SGAE, en que tod@s fomos piratas saltando á abordaxe, sábado de resaquiña caseira e viaxe flash-back cara á serra máis impresionante que pisei na vida. Se a Capelada non deixa de ser a miña matria, e os seus cantís a fin do mundo, o límite de todo, o Xurés - Gêres é a terra das repúblicas esquecidas pola historia, da fronteira, do pouso dos séculos, de miliarios romanos e lendas que sitúan alí o Río Leteo, convertendo o Limia nas augas do esquecemento. Sempre me encantou ese costume que temos os galegos de concentrarmos en nós todas as mitoloxías do mundo. O universo aseméllaselle un mundo a nós, que temos o Graal no Cebreiro, o Olimpo no Sintolo, a Caronte bogando polo Limia abaixo, varias fins do mundo e cando menos sete portas ao Alén. Á Medusa grega chamámoslle Orca Vella e cristianizamos a Iemanjá da outra beira do Atlántico na Virxe do Carme (tirabámoslle ofrendas ao mar ben antes de que chegase o culto católico). E falando de cruzar o Atlántico, teño unha ganiña de que chegue a Galiza a tan agardada Torre de Babel... De pórlle cara ás palabras con recendo a océano que todos os xoves mesturan acento porteño con rotacirmo e gheada, dozura bonaerense con orgullo de galega emigrada... Xa queda menos para térmola connosco.

O caso é que alí, no Xurés, eue, o Pándigo e máis eu revivimos, concentrando a intensidade de dúas semanas en día e medio, unha volta ao verán de hai dous anos. Que bonito foi daquela e que bonito volveu ser. Os cativos eran máis pequechos, e ter que marchar o domingo de madrugada co mel quente nos beizos foi o comezo do declive que me acompañou toda a semana. Iso, e o frío, o amago de gastroenterite e as febres que me torturan até hoxe (só queda unha miga de dor no ouvido esquerdo, polo demais xa estamos para outra...)

Quentura tamén da festa, que aínda segue, onte máis quente ca nunca en Caldas, onde nos entregamos a unha orxía de ritmos desenfrenados deses que levantan tanto po e terra que hannos saír os mocos marróns unha semana polo menos... E hoxe, festa hippy do abuelo nostálxico, ou 33 aniversario de eue. Pero se m)alicia e máis el decidiron quedar nos vinte e sete, algo de razón terán. Cómpre medrarmos só o necesario para non matar nunca aos cativos que temos dentro.

Ah, si! E a miña primeira intención ao redactar o post, que acabo metida nuns sarillos... Non puiden recitar estes poemas piratas na noite do venres 6 de xullo, e aínda por riba perdín as "Coplas á morte da SGAE" do Pándigo, por andar desquiciada loitando por que saísen ben as cousas na oficina (loitando contra a miña torpeza desmedida e o meu facer as cousas a última hora, máis ben), pero aquí vos deixo un poema de Anjela Duval, esa señora bretoa entrañable do pucho de la, que tivo unha escolarización moi básica, viviu sempre no agro e nunca casou, pero entre muxir as vacas e botar patacas escribía poemas na súa lingua e sobre o seu cada vez máis masacrado rural. Non traducín do bretón directamente porque non sei. Si do inglés, dunha tradución de Lenora Timm. Aí vos quedan:

ANOAZ (Resentimento)

Daquela, home rencoroso,
seica atopas pracer na miña pobreza,
e non o disimulas.

Coa túa enorme boca ben chea, dis:
"Eu acumulei cousas,
teño cartos, teño casas, teño terras...
E ti? Ti que fixeches?"

Pero quen ti andas a ridiculizar,
meu pobre,
loitou tanto coma ti.
Pero en camisa.
Non era grande coma ti.
Igual ca ti, non sabía
como carrexar auga para o seu muíño.

Pero eu terei que calar...
Os pobres non temos outro dereito
có dereito a estarmos calados.

Pero escóitame unha cousa:
todos os teus bens?
Non chos quero para nada!
En cambio ti, ti nunca tes abondo.
Habíache gustar teres tamén todo o meu.
Deixarme núa no chan.
E aínda rirías, coa túa enorme boca.

Así a todo, fachendoso,
un día vas ver
como as túas cinsas
non valen moito máis
cás miñas.

APREIXAR (Bac'ham)

Ai, si, énchete de orgullo,
superhome da era atómica.
Éncheteme ben de orgullo. Es o vencedor.
Es o amo. Que peniña...
Apreixaches o lume,
domesticaches a electricidade,
apreixaches a auga,
apreixaches a fala e a música
na gaiola das radios.
Apreixaches sombras e cores
detrás dos cristais dos televexos,
apreixaches os números
na caixa do computador.
Apreixaches a Ilustración
detrás dos muros das bibliotecas.
Chantaches a túa bandeira na lúa,
e chantaches ao que non pensa coma ti no cárcere.
Meteches a Deus no peto.
Canto traballiño...
Si que debes ser un superhome.
Énchete de orgullo.
Mentres poidas...

3.7.07

Días escuros...

Xa foi alá o solsticio, xa saltei cantas veces foron necesarias por riba da luminaria, xa collín as herbas (as poucas que atopei entre a casa e o Pedroso, non atopei rosas, nogueira nin torvisco), xa lavei a cara coa auga do San Xoán... E nada, seguen a ser días escuros, de choiva, está o tempo, como diría alguén
Está o tempo como un chourizo cando rebenta.
Pero non rebenta.
Non rebenta.

Xa foi alá outro plenilunio, que ademais coincidiu cunha época de especial efervescencia anímica. Quen xa somos pouco estábeis emocionalmente e aínda por riba toleamos coas fases da lúa acabamos desgastadiños de pasar por vinte e cinco (ou máis) estados de ánimo no mesmo día. E se a iso lle sumamos festas, traballo na fin de semana, e cansazo acumulado, a tolemia é total. Agora parece que as cousas van volvendo ao rego.
Onte estabamos no sofá e o Ghandoi saltou disparado para o chan: había algo indefinido que chamaba a súa atención. Era un paxariño que arfaba sen parar. Saqueino da casa para pólo lonxe das gadoupas do Ghandoi, pero non quedei tranquila. Case non se movía e respiraba con dificultade. Metémolo na casa de novo, fixémoslle un niño con trapos vellos na caixa de transportar a Ghandoi nas mudanzas e tentamos que comese, pero nin abría o peteiro xa. Metemos a caixa nun cuarto, fóra do alcance do gato, con algo de auga e farangullas de pan mínimas. Era unha cría, xa que aínda tiña o tipo de plumón indefinido dos paxaros que naceron hai pouco, unha peluxe homoxénea. De gaivota, se cadra. Eue quería alimentalo como fose, pero non había que facerlle. Esta mañá xa estaba morto. E teño unha sensación estraña hoxe.

11.6.07

Días no sagrado (ou fóra):

Xa non sei que facer co tempo dende que non teño a obriga de ler. Ou si que sei, pero aínda non saín do aturullamento post-Día X. Seguir lendo, e seguir escribindo, iso sobre todo. Xa teño o ánimo polas nubes dende que unha voz amiga dende Barcelona gabou algo que fixen con certo cariño. Xa estiven na mesma illa onde estivo Reyes Yáñez Pérez, un mariño ferrolán de 21 anos, de quen teño unha foto na carteira e algún xen na cadea do ADN, que morreu no Val por dicir un "NON", hai setenta anos. Contra o cardume sobrecolleume, en parte, por non poder deixar de pensar en se o (real) protagonista, Urbano Rodríguez Moledo, puido ter coincidido con Reyes. O seu crime fora escribir unha obra de teatro. De certo, as palabras (un "non" de viva voz, unha obra literaria), poden ser ben perigosas.

Por iso, aínda que houbese reaccións negativas a certo discurso, eu SI creo na revolución da escrita. Gústame crer, que lle vou facer. Gústanme a utopía, a inocencia e o soño. Se non crese, estaría morta. Voulle retrucar un pouco ao meigo que me leu a man a certas horas da madrugada (sempre dende o cariño). Pesoume que unha novela fose, se cadra e para algúns, perigosa de máis, como para non gañar, pero non teño dúbida de que o resultado foi o xusto. Foi un descubrimento, unha sorpresa e un pracer coñecer á autora da novela misteriosamente anónima (como a outra ducia delas que houben de ler) que resucitou por un momento a Marita, ás súas compañeiras de mesa de braseiro, ao Reyes que recibiu o disparo co sorriso e A Internacional no bico, e ao meu "cardume" particular, a ese banco de peixes do que formo parte. Ora ben, NECESITO saber quen mira as cousas "dende a porta" para darlle os parabéns polo seu valor (prometo non dicir ren) e desexarlle de corazón a mellor sorte, porque a merece.

Pesoume tamén que non se crea certo discurso como verdadeiro, auténtico, se cadra, por mor do corpo e da voz dos que sae. A palabra é perigosa. Cando sae de certas voces que xa temos marcadas, etiquetadas, catalogadas, aínda molesta máis. Tento mirar dende a distancia, por aquilo do rigor, pero non podo evitar pensar que se o discurso tivese outro corpo e outra cara non tentariamos relacionalo cun comportamento ou buscarlle a volta.

E aínda a última hora da noite comprobei como de perigosa é a palabra: logo da romaría a cargo deste artesán da música, aínda houbo noite de furancho e revolução a catro voces, xa totalmente fóra do sacro. Pero o meu non saber estar, o meu non saber aturar as palabras dalgunha toupa do fascio que anda ao axexo onde sabe que molesta, o meu non ser consciente de que son unha urbanita coa cabeza chea de utopías, e que nas aldeas hai certas cousas das que non se pode falar alto, por medo a represalias, case leva á crise. Fixeron falta moitos quilómetros entre a toupa en cuestión e máis eu. Xa de volta na casa, dous días despois, aínda me afogan o peito as palabras que non puideron saír.

17.5.07

Días piratas...

Contra a inxustiza, contra a fachenda dos que pensan que todo ten un prezo e que a propiedade é un dereito, e que a cultura ten dono, combatemos con letras. Hai un barquiño pirata de papel cunha tripulación de poemas/textos/imaxes rabudas por aí navegando, houbo un xuízo e hai unha espera: a de que se faga xustiza.

O barco pirata aportou tamén na ría, na mesma ría que se encheu de lanchiñas que desafiaron a un (outro) dos tantos monstros que enchen as rías de merda.

E neste día (dedicado ás letras), outro barco atravesa o atlántico dende Bos Aires. Un fío invisible tendido entre as herbas de prata e máis eu mándame unha aperta transoceánica, e sorrío ao pensar que non hai fronteiras. Para nada.

6.5.07

Día morriñento (II):

Ai, ondas que eu vin veer,
se me saberedes dizer
porque tarda meu amigo
sen mí?

Ai, ondas que eu vin mirar*,
se me saberedes contar
porque tarda meu amigo
sen mí?

Martín Códax. Cancioneiro da Biblioteca Nacional 1284, Cancioneiro da Vaticana 890, Pergamino Vindel 7

* Como se nota que Códax era de Vigo...

28.4.07

Días de abril

Estes días teño unha música na cabeza (ben, dúas). É inevitable, logo dun 25 tan emotivo (levamos 20 anos sen el). Estou escoitando mentres escribo estas liñas o Cantar alentejano, e non podo evitar que se inunden os ollos. Polo contido da canción, e por lembrar que mentres peregrinaba, hai cousa dun ano, con eue, na súa busca da lembranza, disque, de Catarina Eufémia, outra señora morría en Pontevedra. Morría aos poucos. A que pariu á que me pariu a min. Nunca pensei que a había botar tanto de menos. Agora xa rematou esa canción e empezou Grândola, que dá máis ánimos (menos mal).

Vou lanzar un meme melancólico, pero non me fagades moito caso. Cinco cancións/ escenas de filmes (aínda que xa houbo un precedente)/ pasaxes de libros que vos solten unha bágoa. Eu confésovos que recursos utilizo para facer que o meu personaxe, Nuria, solte os mocos no colo de Sor María. Xa me dixo Xan Casas cando empezou a dirixirnos: "Tes dúas opcións: Stanislavski ou Grotovski; a túa nai morta ou cebolas picadas a dous milímetros dos ollos antes de saíres á escena". E claro, preferín chorar de sentimento que con química. O truco: concentrarse nunha imaxe e unha música que saibamos que nos vai tocar a fibra (ben, tampouco concentrarse tanto como para que se nos esqueza o texto...)

1. O Cantar Alentejano, como xa dixen.
2. Máis músicas: The Kids. Está no Berlín, de Lou Reed, e foi censurada en España, en tempos, pola súa intensidade. É a historia dos servizos sociais quitándolle os fillos a Caroline. A parte na que os cativos choran chamando por ela... Dios, hai que ser de pedra para soportalo!
3. Películas: cando Alfredo se despide de Toto na estación de tren en Cinema Paradiso, de Giusseppe Tornatore.
4. Imaxes: unha vez mandáronme un correo deses en cadea sobre as matanzas de focas. Teño gravada a lume unha foto de bebé foca morto a paos e cos ollos abertos... Non a poño no post porque non podo mirala diante!
5. Letras: no final d'Un cuarto de seu, de Virginia Wolf, no capítulo VI, este párrafo cargado de retranca:
Nunca (as mulleres) fixestes gran descubrimento ningún. Nunca fundastes imperios nin dirixistes exércitos. As obras de Shakespeare non as escrbistes vós, e nunca evanxelizastes a unha raza "bárbara" na bendita civilización. Que excusa tendes? Sería doado dicirdes, sinalando as rúas, prazas, e bosques do mundo, salferidos de xente branca, negra e de todas as cores, ocupada en circular, e emprender cousas e amarse, "nós tivemos outro traballo entre mans: sen a nosa feitura, os mares non terían sido navegados, e esas terras fértiles serían un ermo. Nós parimos, alimentamos, lavamos e ensinamos, até os seis ou sete anos, se cadra, os 1.623 millóns de seres humanos (daquela) da existencia. E iso levounos un pouquiño de tempo".
Emocióname, que pasa? (perdón pola tradución trapalleira, seguro que na edición galega se entende mellor). O dito, confesade que cousas vos emocionan até as bágoas... Eue, Jan, Indómita, Cesare e mariademallou... Pasamos da lubricidade da MMMeMMMe anterior a outro tipo de emocións!

21.4.07

Días armados:

Xa sei que non é xeito de postear así, nunha fermosa mañá de sábado primaveral, pero é inevitable: o luns quedamos pampos cando escoitamos a nova do masacre na redacción. Horas despois volvín quedar pampa na casa cando vin que a cifra de vítimas case se duplicara. Ao día seguinte aínda lle damos voltas ao tema: o país con maior taxa de mortalidade por armas de lume, o que máis armas vende tanto dentro como fóra das súas fronteiras, ergueuse estarrecido polo masacre. E aínda vén a ANR dicindo que se o alumnado da Universidade Politécnica de Virxinia estivese armado, como corresponde a cidadáns que miran pola súa seguridade, non tería pasado tal masacre porque se terían defendido. A lóxica do país que soluciona os problemas con inxeccións letais, guerras preventivas ou torturas en Guantánamo, a de "morto o can, acabou a rabia". Pero a rabia é moito máis fonda. Ten que ver co poder, ou coas ansias de poder. E sigo quedando pampa cando, para ilustrar a nova, busco no flickr (por aquilo dos dereitos) algunha fotografía ilustrativa. Dou cunha chea de usuarios que teñen armas nas súas casas, e, orgullosos delas, exhíbenas ao mundo dende o seu espazo virtual. Escollo unha en que o rifle está pousado nun mantel ou cobertor de flores. O paradoxo posto sobre a mesa: a normalización, ou domesticación, do masacre. Un terzo dos fogares con armas na casa. Quedo pampa.

Outro episodio de violencia menos drástico, pero ben máis próximo, tivo lugar hai unha semana. Un sábado de abril ben bonito, o barrio cheo de vida, ensaio da coral polifónica kolhoseira a tarde para ese tributo que queren gravar, e remata o día do mellor xeito posible: kolhós, churrasco e República (14 de abril)! Unhas horas máis tarde, resolta a marchar para a casa, a barbarie estoura na praza: un individuo chama "sudacas de mierda" a outros, e convoca a berros aos "españoles" a unha cruzada contra a inmigración. Intervimos e o interfecto ameaza: "Que tengo una 9 milímetros aquí detrás!" A poeta das ortigas e máis eu retrucamos, case ao tempo (púxonolo a "güevo", francamente): "Que che mide 9 milímetros o que?" Ter non tiña nada, á parte de farlopa a cen por hora por todas as arterias e algún transtorno psicótico, pero o caso é que choven hostias, retíranlle unha botella que ten na man antes de que se lle ocorra escacharlla a alguén na cara, e reparo no sangue que lle escoa pola caluga. Chamo a unha ambulancia mentres tentamos manter ao ghicho tranquilo, e finalmente mándana (primeiro os coches da policía, a ambulancia despois, sonche a hostia). Intervén aínda outro rapaz, "dejarme a mí, que soy militar!", "carallo, o que nos faltaba para a festa", penso. E deixamos alí ás forzas da orde pública, ao lexionario orgulloso de selo falando con eles e dando o seu diagnóstico da situación, e máis ao xenófobo endinado con 9 milímetros ficticia, e cada moucho ao seu penedo (uns mouchos para a casa e outros para o Maycar, vaia). Sigo quedando pampa. Hai un ano ataques homófobos, e agora este tipo que vén evidentemente a buscar liorta no sitio indicado, onde sabe que as súas palabras doen. Por que violencia gratuíta? Que lles (nos) pasa? Que ansia de poder se agocha tras do exercicio da violencia? Exercicio lexitimado, ás veces: que sensación ten o militar cando afirma que el ten potestade para solucionar o problema e falar coa outra forza pública, e aparta ao resto dos presentes? Que tería pasado se isto chega a ser Virxinia e a nove milímetros non fose unha fantasmada, senón real? Sen ser tan extremista, que tería pasado de seguir chovendo hostias, de non quitarlle a botella da man, de non reparar en que hai sangue enchoupando o asunto?

5.4.07

Día MMMMM (ou RRRRR)

Non é porque estea rosmando de pracer como o Ghandoi cando lle fago mecos, é porque... Por fin temos R na casa! E por fin conseguín postear algo dende o meu portátil, xa que co Mac do eue (e cos Macs do mundo en xeral) non consigo entenderme. Pois agora que estamos conectad@s, vouno celebrar respondendo á petición da Rapaza do Arco, e facendo que rule esa luxuriosa cadea do blogomillo, tan axeitada para estas datas de abstención e recollemento. Aí van cinco das miñas moitas bandas sonoras X:
1. Rollo tantra: Within you without you dos Beatles (esa época na que George Harrison ía pola India e volvía inspirado).
2. Rollo "leather": Venus in Furs, de Lou Reed, evidentemente.
3. Calquera da banda sonora de 9 songs, ese filme de Michael Winterbottom (ver haicu nº 7)
4. Calquera dos Doors pode valer ben... A voz do Jim Morrison queda ben en calquera contexto, pero neste, no que máis (The Crystal Ship, verbigratia).
5. "L'amour est un ouseai rebelle", interpretado pola mezzo que cadre (Carmen, de George Bizet. Que pasa? Unha ten as súas rarezas...)

Podería esbardallar sobre as cancións axeitadas para o momento pre e o post, pero son horas de cear... Así que vou encomendarlle a cinco blogueir@s que sigan co tema e facer unha tortilla, que morro coa fame. @s elexid@s son...
1. Cesare, xa estás tardando!!!
2. Dreeu, ponte a pensar en musiquidades eróticas.
3. Fontiala, que levas moito sen postear.
4. Ber.toooooo!!! Despois de ver as túas "dez", non podo vivir sen coñecer as túas MMM!!!
5. Jan, tamén levas bastante tempo sen dáresnos novas... Aínda que entendo que hai pouco tempo.

Hala, xa tendes "deberes" para Semana Santa!

21.3.07

Días violetas


Non paramos: dende que empezou o mes levo unha actividade febril que non me deixa tempo para nada. Nunha data tan representativa como o 8 de marzo, demos a luz a esta criatura. Aos días anteriores chegoulle de movemento, tamén: puiden asistir a un acto que me tiña intrigada (que pode dicir un directivo de Ence despois de ser proxectado este documental?), onde, por certo, tiven a sorte de atopar a un dos meus ex profes máis queridos (Xabi, tres anos de ética, filosofía de COU e clases moi bonitas tamén fóra das aulas. Cando estaba bo tempo saíamos a tirarnos na herba na vez de quedar nos pupitres...), falar de feminismo, seguir falando de feminismo (estamos argallando unha cousiña... Outra "criatura" máis. Con tempo...), traballar moitas horas e asistir a moitos actos... Foi moi interesante contrastar os dous oitos de marzo: o do salón de actos e o da rúa.

E aínda queda unha fin de semana ben movida por diante... En fin, hoxe empezou a primavera, e iso xa dá azos abondo como para ter gana de seguir facendo cousas.

26.2.07

Dia Sem Terra

Xa o dicía o Raymundo, a terra queima. E Mijail, que a terra é de quen a traballa. Pero hoxe quería escoitar que sae pola boca deste cativo, adulto precoz. Outro trabalhador rural sem terra.



14.2.07

Día de amor cecais...

Non comungo cunha festa cristiá que enxalza o amor monógamo, heterosexual e politicamente correcto, que nos fai consumir coma greas produtos de luxo que lle custan a saúde ou a vida á xente que naceu na parte do mundo que a outra parte expoliamos. Pero hoxe, igual que hai un ano, mamá non deixa de alegrarme o día.

Pero andamos a outra cousa. A transcribir as palabras salgadas da xente que hai trinta anos defendía a súa terra, con paraugas, con carraxe. Quero ir máis alá do mito, pensar no día de hoxe, pensar porque seguimos sendo a comunidade que bota ao aire un TERZO das emisións de dióxido de xofre no Estado. Levo unha semana coa inquedanza fervendo no sangue. Aínda bebo información de boa fonte que a fai ferver máis forte: "O sector industrial galego, cativo e desartellado, e nalgúns casos altamente contaminante, xunto cunha permisividade lexislativa que lembra máis aos países do Terceiro Mundo que aos da CEE (daquela), é causa e orixe de que os galegos teñamos que soportar un grao de contaminación que nos acerca aos países industrializados de Europa, cando de ningunha maneira podemos compararnos noutros aspectos (nivel de vida, sector industrial, etc.). As indústrias que veñen instalarse á Galiza fan tan só algunhas das fases dos procesos de produción, e curiosamente as fases máis contaminantes". Así escribía Ramón Varela n'A Nosa Historia, decenario publicado por A Nosa terra no 1980, nun artigo titulado "A contaminación industrial". Tamén o podemos escoitar aquí:

Poñía como exemplo a pasta de papel fabricada en Pontevedra, "que se exporta porque o proceso de elaboración de cartón, papel, etc., é moito máis limpo". Lembro o día en que fixen 22 anos (cando eu traballaba, precisamente, no "prestixioso semanario") porque os administrativos de Ence tomaran por asalto un pleno no Teatro Principal de Pontevedra. Aínda teño a cinta no que se escoita aos que estaban na porta (a policía non me deixara entrar por non estar acreditada) asegurando que se nos quitaban celulosas, Pontevedra había morrer de fame. "E o delito ecolóxico e de saúde que cometen?", preguntei. "Boh, aquí hai dous cancros e en seguida lle botan a culpa a Celulosas" (!!!). Ogallá fosen só dous cancros, meus. Un día hei subir a entrevista en mp3...
Somos unha grea: convéncennos de que para comer e vivir temos que defender un posto de traballo nunha industria que mata o noso ecosistema e a nós e nolo cremos. O que máis graza me fixo aquel día é que aquela xente que se manifestaba eran persoal administrativo, á que tanto lle tiña se a fábrica estaba en Lourizán ou non. Non eran traballadores dos de DENTRO do monstro, deses que morren cando hai fugas de cloro e así. Algo cheira a podre...

2.2.07

Día das Candeas

Hale, acabouse. Outro venres que dan as tres e media e sigo na oficina, pero marcho a comer (lixeiro, que esta noite hai churrasco... Ou algo) e a prender candeas, aínda que a misa non as levo, non. Primeiro, porque non podo entrar nas igrexas ao non estar bautizada, e segundo porque non me peta. Préndoas na casa, e cadaquén que celebre a Candeloria como Dios lle dea a entender ou non. Encántame este día: casan os paxariños e aos gatos remátalles a xaneira... entendido, Ghandoi? A ver se é verdade.

19.1.07

Diei Irae

Non podo máis... Loito contra o tempo para asentar na miña cabeza conceptos que levaban sete anos mortos. O próximo día 22 (feliz aniversario, mamá!) enfróntome a Sallustius e a súa versión De Catilinae coniuratione. Tamén, ter que traducir a Caius Crispus neste día consagrado á festa... A isto engádese o feito de saber (xa o intuía, pero agora son consciente) que son miope. E ademais escollín o mellor día (vaia, eu non, a sanidade pública) para comprobalo: este mércores, o que significou ter as pupilas dilatadas polo líquido que me botaron ao longo dun día en que estivemos pendentes de Monte Pío (para rematar frustrad@s) e non parei de teclear e mirar para a pantalla. Xa o dicía a doutora, ben riquiña, por outra parte, (Soledad Pintos Peñaranda, será irmá de Mariluz?): "Buff, ordenadores... A primeira causa de miopía no século XXI". Pois vou dada...

Teño a cabeza a estourar de declinacións, infinitivos históricos e ablativos absolutos mentres tento aquelar a axenda de fin de semana e pór no seu sitio unha entrevista cun señor de Ordes, que me informou da impresionante exposición sobre Memoria Histórica que montaron alí. Descubro, polo camiño, que nacín o mesmo día que Foucellas: 22 de outubro. É curioso. Tamén Franz Listz, John Reed, Dámaso Alonso, Sarah Bernhardt, Catherine Deneuve e Joan Fontaine naceron ese día. De compositora non teño nadiña, por desgraza, pero fanme graza dous escritores e tres actrices. De guerrilleira non sei se teño moito, pero síndrome de Rebecca, un monte del. Que reviradiñ@s somos os que nacemos nese estraño límite entre balanzas e escorpións, cun pé rexido por Venus e outro por Marte. Amor e guerra, eros e thánatos.

28.12.06

Día de calor (e de inocencia)

Cambiou o conto. Uns días no lar, volta ao traballo á espera de noticias, nestes días de fútbol, a volta á casa de eue onte á noite, que andaba tamén polo seu lar... Acabo de chamar á mellor contadora de contos do mundo para entrevistala e desexarlle moita merda para o sábado, estou soíña na redacción (os homes van no fútbol, o que son as cousas), e aproveito cinco minutiños entre novas culturais para colgar esta cousa bonita que me deu moita calor:
está na Galería Sargadelos, é obra de Rosalía Pazo, e enmárcase nunha exposición de Implicad@s sobre a explotación de mulleres no sector téxtil. Logo de falar con tres desas mulleres e convertilas nas miñas heroínas, faime graza atopar o meu nome bordado neste contexto. A intención era que as artistas collesen roupa feita co sangue, suor e bágoas de mulleres explotadas, xa usada (pezas de Zara, Bershka, etc.) e as "decorasen".
Ben, a seguir traballando. Inocencia e caloriña para tod@s!

24.12.06

Días no frío

Non se para. Andamos aí preto dos cero graos, e todo está frío. As rúas, os ánimos, as forzas... Neste día en que se celebraba antigamente o solsticio de inverno, e, despois da cristianización, o nacemento dun cativo nun cortello (como se non nacesen cativos en cortellos todos os días), volvo ao lar materno, nesta viliña cheirenta que me viu nacer. Vai frío, un frío de ausencia que se coa por ente os ósos. Tento empezar Rayuela, que xa ten delito non lela despois de tanto cavilar sobre literatura e hipertextualidade. Poreime ao día cos apuntes de 1º, tamén. Volvo ser unha alumna aplicada no medio de rapaces máis novos aínda có meu irmán, e síntome tan estraña... Pero aí estamos, aprendendo a mesóclise dos pronomes átonos portugueses, lendo a Coseriu e lembrando a Retórica. Iso gárdame un pouco do frío: era necesario ir quentando a cabeciña, que se me empezaba a conxelar. Mellor tela ocupada.
Na casa nova non vai tanto frío, pero non se pode esquecer que estamos na Poza, en Bar (seguramente veña dunha raíz precéltica *barr que ten que ver cunha forma do terreo fonda, en forma de val, Cabeza Quiles dixit). O Ghandoi non dá socializado co gato do veciño, que se lle achega a tomar contacto como animal educado que é, pero este meu toutizo asústase e vén ás miñas saias ou entra na casa, cando non lle funga. O outro pobre ha botar de menos á moito máis sociable Ulises (sigo infundíndolle ánimos mentalmente todos os días que miro o seu antigo territorio).
Vou buscar no medio desa cantidade inxente de roupa que deixou Marita co seu labor cosido polos bordes, en concepto de enxoval, cousas que dean calor.

30.11.06

Día dos Andreses

Non podo deixar que remate o día sen felicitar a dous Andreses ben importantes na miña vida: aquel co que comparto ADN (este hai uns dezaseis anos), e aquel con quen compartín pupitre e moitas cousas máis. Feliz Santo Andrés aos dous!

25.11.06

O día despois

Mimadrequirida. Estou feitiña pó despois da macroinauguración do niño novo. Cheguei acontar vinte e sete persoas! (e máis o ghato) a bailar, beber e rir. Momentos míticos: m)alicia e máis eu bailando na bañeira, conga pola sala e a cociña, momento cantautor vestido de soldado do Berlín Leste do eue con acompañamento de pandeiretas, a performance de Chus facendo escenas pronográficas entre unha vaquiña de peluche (que se lle apretas a barriga fai "muuuu") e a vaquiña que hai pintada nun vaso (que tamén pon Moooo, conócese que a vaca do vaso é anglófona) e os exercicios ximnásticos coa barra. E, mágoa que fose vivido en solitario, o momento no que volvo a casa e descubro que non teño as chaves, tento aghabear e entrar pola fiestra da cociña, que está entreaberta, non dou (ben, a casa é segura, é imposible que nos entren a roubar), e descubro que as chaves quedaron preto da fiestra, na mesa da cociña, tento enganchalas cun boli, pero móvoas o xusto para que caian ao chan e esgoto a miña última posibilidade. Quero chamar a eue, pero o móbil tamén quedou dentro. As cabinas da Porta Faxeira coñéanse de min, solto varios improperios contra Telefónica, subo ao Avante, onde deixei ao kolhós todo, e non están, chamo dende Cervantes. Están no Maycar (como non!). Pois veña, a seguila.
Pero hoxe, de tranqui! Imos ver a un colega que hai tempo que non miramos... Outro animaliño escénico. E para a cama cediño, que falando de animalidades escénicas, mañá tócanos en Porto do Son, e hai que estar espelida para cargar a escenografía, descargala, montala, preparar o atrezzo, desmontala, recoller, volver cargar, volver descargar... Ah, si, e representar a obra tamén. Veña, ata outro día en que teña máis lucidez e algo máis interesante que contar...

3.11.06

Día de paz... Por fin!

Non o podo crer. Rematou outubro. A muda de pel, a muda de casa, a muda de tantas cousas... Teño unhas maniotas que non podo con elas, ademais de feridas e negróns varios, pola carga, descarga e transporte dos meus efectos persoais dun lugar a outro. Paso de ver aos peregrinos que entraban polo Camiño Francés, coa Catedral como guieiro, a orientar aos que non se conforman co Camiño cristianizado, e fan a viaxe de verdade, ata a Fin da Terra. Do Medio á Poza. Estou tan feliz que non o acabo de crer.
Sobrevivimos á mudanza, sobrevivimos a tantas cousas... Na última semana vivín o desgaste físico e intelectual máis "jevi" da vida. Levaba moito acumulado, tamén. Coa de veces que teño montado e desmontado escenografías, a verdade é que a mudanza non debía significar nada. Pero o caso é que xa foi, xa pasou, xa están miles de libros, de cedés, de pezas de roupa e de cacharros de cociña onde teñen que estar, xa está na Rede o que ten que estar, e xa debe estar na UXA, tamén a matrícula que máis rapidamente resolvín na vida: unha hora e media entre teclear sinopses de filmes de Ghobadi e Kaurismaki abondou. Xa podo respirar...

Comezou novembro, un Samaín novo que se anuncia tranquilo. Só queda baleirar caixas, ordenar as cousas, e ordenar a vida. Estou como o Ghandoi, que anda flipado pola nova casa investigándoo todo, cheirándoo todo (rastros de Ulises, se cadra), e gozando do novo espazo por percorrer. Xa mudei a pel, como un verme na crisálida. Agora que temos cadanseu cuarto propio dentro dun espazo común, volvo ter a mesma sensación de hai case un ano. A ver que me inspira esta casa que Cesare deixou cargada de boas vibracións... De momento, o impresionante escritorio que seica saíu dun barco aportado e Mugardos xa incita abondo.