11.6.07

Días no sagrado (ou fóra):

Xa non sei que facer co tempo dende que non teño a obriga de ler. Ou si que sei, pero aínda non saín do aturullamento post-Día X. Seguir lendo, e seguir escribindo, iso sobre todo. Xa teño o ánimo polas nubes dende que unha voz amiga dende Barcelona gabou algo que fixen con certo cariño. Xa estiven na mesma illa onde estivo Reyes Yáñez Pérez, un mariño ferrolán de 21 anos, de quen teño unha foto na carteira e algún xen na cadea do ADN, que morreu no Val por dicir un "NON", hai setenta anos. Contra o cardume sobrecolleume, en parte, por non poder deixar de pensar en se o (real) protagonista, Urbano Rodríguez Moledo, puido ter coincidido con Reyes. O seu crime fora escribir unha obra de teatro. De certo, as palabras (un "non" de viva voz, unha obra literaria), poden ser ben perigosas.

Por iso, aínda que houbese reaccións negativas a certo discurso, eu SI creo na revolución da escrita. Gústame crer, que lle vou facer. Gústanme a utopía, a inocencia e o soño. Se non crese, estaría morta. Voulle retrucar un pouco ao meigo que me leu a man a certas horas da madrugada (sempre dende o cariño). Pesoume que unha novela fose, se cadra e para algúns, perigosa de máis, como para non gañar, pero non teño dúbida de que o resultado foi o xusto. Foi un descubrimento, unha sorpresa e un pracer coñecer á autora da novela misteriosamente anónima (como a outra ducia delas que houben de ler) que resucitou por un momento a Marita, ás súas compañeiras de mesa de braseiro, ao Reyes que recibiu o disparo co sorriso e A Internacional no bico, e ao meu "cardume" particular, a ese banco de peixes do que formo parte. Ora ben, NECESITO saber quen mira as cousas "dende a porta" para darlle os parabéns polo seu valor (prometo non dicir ren) e desexarlle de corazón a mellor sorte, porque a merece.

Pesoume tamén que non se crea certo discurso como verdadeiro, auténtico, se cadra, por mor do corpo e da voz dos que sae. A palabra é perigosa. Cando sae de certas voces que xa temos marcadas, etiquetadas, catalogadas, aínda molesta máis. Tento mirar dende a distancia, por aquilo do rigor, pero non podo evitar pensar que se o discurso tivese outro corpo e outra cara non tentariamos relacionalo cun comportamento ou buscarlle a volta.

E aínda a última hora da noite comprobei como de perigosa é a palabra: logo da romaría a cargo deste artesán da música, aínda houbo noite de furancho e revolução a catro voces, xa totalmente fóra do sacro. Pero o meu non saber estar, o meu non saber aturar as palabras dalgunha toupa do fascio que anda ao axexo onde sabe que molesta, o meu non ser consciente de que son unha urbanita coa cabeza chea de utopías, e que nas aldeas hai certas cousas das que non se pode falar alto, por medo a represalias, case leva á crise. Fixeron falta moitos quilómetros entre a toupa en cuestión e máis eu. Xa de volta na casa, dous días despois, aínda me afogan o peito as palabras que non puideron saír.

17.5.07

Días piratas...

Contra a inxustiza, contra a fachenda dos que pensan que todo ten un prezo e que a propiedade é un dereito, e que a cultura ten dono, combatemos con letras. Hai un barquiño pirata de papel cunha tripulación de poemas/textos/imaxes rabudas por aí navegando, houbo un xuízo e hai unha espera: a de que se faga xustiza.

O barco pirata aportou tamén na ría, na mesma ría que se encheu de lanchiñas que desafiaron a un (outro) dos tantos monstros que enchen as rías de merda.

E neste día (dedicado ás letras), outro barco atravesa o atlántico dende Bos Aires. Un fío invisible tendido entre as herbas de prata e máis eu mándame unha aperta transoceánica, e sorrío ao pensar que non hai fronteiras. Para nada.

6.5.07

Día morriñento (II):

Ai, ondas que eu vin veer,
se me saberedes dizer
porque tarda meu amigo
sen mí?

Ai, ondas que eu vin mirar*,
se me saberedes contar
porque tarda meu amigo
sen mí?

Martín Códax. Cancioneiro da Biblioteca Nacional 1284, Cancioneiro da Vaticana 890, Pergamino Vindel 7

* Como se nota que Códax era de Vigo...

28.4.07

Días de abril

Estes días teño unha música na cabeza (ben, dúas). É inevitable, logo dun 25 tan emotivo (levamos 20 anos sen el). Estou escoitando mentres escribo estas liñas o Cantar alentejano, e non podo evitar que se inunden os ollos. Polo contido da canción, e por lembrar que mentres peregrinaba, hai cousa dun ano, con eue, na súa busca da lembranza, disque, de Catarina Eufémia, outra señora morría en Pontevedra. Morría aos poucos. A que pariu á que me pariu a min. Nunca pensei que a había botar tanto de menos. Agora xa rematou esa canción e empezou Grândola, que dá máis ánimos (menos mal).

Vou lanzar un meme melancólico, pero non me fagades moito caso. Cinco cancións/ escenas de filmes (aínda que xa houbo un precedente)/ pasaxes de libros que vos solten unha bágoa. Eu confésovos que recursos utilizo para facer que o meu personaxe, Nuria, solte os mocos no colo de Sor María. Xa me dixo Xan Casas cando empezou a dirixirnos: "Tes dúas opcións: Stanislavski ou Grotovski; a túa nai morta ou cebolas picadas a dous milímetros dos ollos antes de saíres á escena". E claro, preferín chorar de sentimento que con química. O truco: concentrarse nunha imaxe e unha música que saibamos que nos vai tocar a fibra (ben, tampouco concentrarse tanto como para que se nos esqueza o texto...)

1. O Cantar Alentejano, como xa dixen.
2. Máis músicas: The Kids. Está no Berlín, de Lou Reed, e foi censurada en España, en tempos, pola súa intensidade. É a historia dos servizos sociais quitándolle os fillos a Caroline. A parte na que os cativos choran chamando por ela... Dios, hai que ser de pedra para soportalo!
3. Películas: cando Alfredo se despide de Toto na estación de tren en Cinema Paradiso, de Giusseppe Tornatore.
4. Imaxes: unha vez mandáronme un correo deses en cadea sobre as matanzas de focas. Teño gravada a lume unha foto de bebé foca morto a paos e cos ollos abertos... Non a poño no post porque non podo mirala diante!
5. Letras: no final d'Un cuarto de seu, de Virginia Wolf, no capítulo VI, este párrafo cargado de retranca:
Nunca (as mulleres) fixestes gran descubrimento ningún. Nunca fundastes imperios nin dirixistes exércitos. As obras de Shakespeare non as escrbistes vós, e nunca evanxelizastes a unha raza "bárbara" na bendita civilización. Que excusa tendes? Sería doado dicirdes, sinalando as rúas, prazas, e bosques do mundo, salferidos de xente branca, negra e de todas as cores, ocupada en circular, e emprender cousas e amarse, "nós tivemos outro traballo entre mans: sen a nosa feitura, os mares non terían sido navegados, e esas terras fértiles serían un ermo. Nós parimos, alimentamos, lavamos e ensinamos, até os seis ou sete anos, se cadra, os 1.623 millóns de seres humanos (daquela) da existencia. E iso levounos un pouquiño de tempo".
Emocióname, que pasa? (perdón pola tradución trapalleira, seguro que na edición galega se entende mellor). O dito, confesade que cousas vos emocionan até as bágoas... Eue, Jan, Indómita, Cesare e mariademallou... Pasamos da lubricidade da MMMeMMMe anterior a outro tipo de emocións!

21.4.07

Días armados:

Xa sei que non é xeito de postear así, nunha fermosa mañá de sábado primaveral, pero é inevitable: o luns quedamos pampos cando escoitamos a nova do masacre na redacción. Horas despois volvín quedar pampa na casa cando vin que a cifra de vítimas case se duplicara. Ao día seguinte aínda lle damos voltas ao tema: o país con maior taxa de mortalidade por armas de lume, o que máis armas vende tanto dentro como fóra das súas fronteiras, ergueuse estarrecido polo masacre. E aínda vén a ANR dicindo que se o alumnado da Universidade Politécnica de Virxinia estivese armado, como corresponde a cidadáns que miran pola súa seguridade, non tería pasado tal masacre porque se terían defendido. A lóxica do país que soluciona os problemas con inxeccións letais, guerras preventivas ou torturas en Guantánamo, a de "morto o can, acabou a rabia". Pero a rabia é moito máis fonda. Ten que ver co poder, ou coas ansias de poder. E sigo quedando pampa cando, para ilustrar a nova, busco no flickr (por aquilo dos dereitos) algunha fotografía ilustrativa. Dou cunha chea de usuarios que teñen armas nas súas casas, e, orgullosos delas, exhíbenas ao mundo dende o seu espazo virtual. Escollo unha en que o rifle está pousado nun mantel ou cobertor de flores. O paradoxo posto sobre a mesa: a normalización, ou domesticación, do masacre. Un terzo dos fogares con armas na casa. Quedo pampa.

Outro episodio de violencia menos drástico, pero ben máis próximo, tivo lugar hai unha semana. Un sábado de abril ben bonito, o barrio cheo de vida, ensaio da coral polifónica kolhoseira a tarde para ese tributo que queren gravar, e remata o día do mellor xeito posible: kolhós, churrasco e República (14 de abril)! Unhas horas máis tarde, resolta a marchar para a casa, a barbarie estoura na praza: un individuo chama "sudacas de mierda" a outros, e convoca a berros aos "españoles" a unha cruzada contra a inmigración. Intervimos e o interfecto ameaza: "Que tengo una 9 milímetros aquí detrás!" A poeta das ortigas e máis eu retrucamos, case ao tempo (púxonolo a "güevo", francamente): "Que che mide 9 milímetros o que?" Ter non tiña nada, á parte de farlopa a cen por hora por todas as arterias e algún transtorno psicótico, pero o caso é que choven hostias, retíranlle unha botella que ten na man antes de que se lle ocorra escacharlla a alguén na cara, e reparo no sangue que lle escoa pola caluga. Chamo a unha ambulancia mentres tentamos manter ao ghicho tranquilo, e finalmente mándana (primeiro os coches da policía, a ambulancia despois, sonche a hostia). Intervén aínda outro rapaz, "dejarme a mí, que soy militar!", "carallo, o que nos faltaba para a festa", penso. E deixamos alí ás forzas da orde pública, ao lexionario orgulloso de selo falando con eles e dando o seu diagnóstico da situación, e máis ao xenófobo endinado con 9 milímetros ficticia, e cada moucho ao seu penedo (uns mouchos para a casa e outros para o Maycar, vaia). Sigo quedando pampa. Hai un ano ataques homófobos, e agora este tipo que vén evidentemente a buscar liorta no sitio indicado, onde sabe que as súas palabras doen. Por que violencia gratuíta? Que lles (nos) pasa? Que ansia de poder se agocha tras do exercicio da violencia? Exercicio lexitimado, ás veces: que sensación ten o militar cando afirma que el ten potestade para solucionar o problema e falar coa outra forza pública, e aparta ao resto dos presentes? Que tería pasado se isto chega a ser Virxinia e a nove milímetros non fose unha fantasmada, senón real? Sen ser tan extremista, que tería pasado de seguir chovendo hostias, de non quitarlle a botella da man, de non reparar en que hai sangue enchoupando o asunto?

5.4.07

Día MMMMM (ou RRRRR)

Non é porque estea rosmando de pracer como o Ghandoi cando lle fago mecos, é porque... Por fin temos R na casa! E por fin conseguín postear algo dende o meu portátil, xa que co Mac do eue (e cos Macs do mundo en xeral) non consigo entenderme. Pois agora que estamos conectad@s, vouno celebrar respondendo á petición da Rapaza do Arco, e facendo que rule esa luxuriosa cadea do blogomillo, tan axeitada para estas datas de abstención e recollemento. Aí van cinco das miñas moitas bandas sonoras X:
1. Rollo tantra: Within you without you dos Beatles (esa época na que George Harrison ía pola India e volvía inspirado).
2. Rollo "leather": Venus in Furs, de Lou Reed, evidentemente.
3. Calquera da banda sonora de 9 songs, ese filme de Michael Winterbottom (ver haicu nº 7)
4. Calquera dos Doors pode valer ben... A voz do Jim Morrison queda ben en calquera contexto, pero neste, no que máis (The Crystal Ship, verbigratia).
5. "L'amour est un ouseai rebelle", interpretado pola mezzo que cadre (Carmen, de George Bizet. Que pasa? Unha ten as súas rarezas...)

Podería esbardallar sobre as cancións axeitadas para o momento pre e o post, pero son horas de cear... Así que vou encomendarlle a cinco blogueir@s que sigan co tema e facer unha tortilla, que morro coa fame. @s elexid@s son...
1. Cesare, xa estás tardando!!!
2. Dreeu, ponte a pensar en musiquidades eróticas.
3. Fontiala, que levas moito sen postear.
4. Ber.toooooo!!! Despois de ver as túas "dez", non podo vivir sen coñecer as túas MMM!!!
5. Jan, tamén levas bastante tempo sen dáresnos novas... Aínda que entendo que hai pouco tempo.

Hala, xa tendes "deberes" para Semana Santa!

21.3.07

Días violetas


Non paramos: dende que empezou o mes levo unha actividade febril que non me deixa tempo para nada. Nunha data tan representativa como o 8 de marzo, demos a luz a esta criatura. Aos días anteriores chegoulle de movemento, tamén: puiden asistir a un acto que me tiña intrigada (que pode dicir un directivo de Ence despois de ser proxectado este documental?), onde, por certo, tiven a sorte de atopar a un dos meus ex profes máis queridos (Xabi, tres anos de ética, filosofía de COU e clases moi bonitas tamén fóra das aulas. Cando estaba bo tempo saíamos a tirarnos na herba na vez de quedar nos pupitres...), falar de feminismo, seguir falando de feminismo (estamos argallando unha cousiña... Outra "criatura" máis. Con tempo...), traballar moitas horas e asistir a moitos actos... Foi moi interesante contrastar os dous oitos de marzo: o do salón de actos e o da rúa.

E aínda queda unha fin de semana ben movida por diante... En fin, hoxe empezou a primavera, e iso xa dá azos abondo como para ter gana de seguir facendo cousas.

26.2.07

Dia Sem Terra

Xa o dicía o Raymundo, a terra queima. E Mijail, que a terra é de quen a traballa. Pero hoxe quería escoitar que sae pola boca deste cativo, adulto precoz. Outro trabalhador rural sem terra.



14.2.07

Día de amor cecais...

Non comungo cunha festa cristiá que enxalza o amor monógamo, heterosexual e politicamente correcto, que nos fai consumir coma greas produtos de luxo que lle custan a saúde ou a vida á xente que naceu na parte do mundo que a outra parte expoliamos. Pero hoxe, igual que hai un ano, mamá non deixa de alegrarme o día.

Pero andamos a outra cousa. A transcribir as palabras salgadas da xente que hai trinta anos defendía a súa terra, con paraugas, con carraxe. Quero ir máis alá do mito, pensar no día de hoxe, pensar porque seguimos sendo a comunidade que bota ao aire un TERZO das emisións de dióxido de xofre no Estado. Levo unha semana coa inquedanza fervendo no sangue. Aínda bebo información de boa fonte que a fai ferver máis forte: "O sector industrial galego, cativo e desartellado, e nalgúns casos altamente contaminante, xunto cunha permisividade lexislativa que lembra máis aos países do Terceiro Mundo que aos da CEE (daquela), é causa e orixe de que os galegos teñamos que soportar un grao de contaminación que nos acerca aos países industrializados de Europa, cando de ningunha maneira podemos compararnos noutros aspectos (nivel de vida, sector industrial, etc.). As indústrias que veñen instalarse á Galiza fan tan só algunhas das fases dos procesos de produción, e curiosamente as fases máis contaminantes". Así escribía Ramón Varela n'A Nosa Historia, decenario publicado por A Nosa terra no 1980, nun artigo titulado "A contaminación industrial". Tamén o podemos escoitar aquí:

Poñía como exemplo a pasta de papel fabricada en Pontevedra, "que se exporta porque o proceso de elaboración de cartón, papel, etc., é moito máis limpo". Lembro o día en que fixen 22 anos (cando eu traballaba, precisamente, no "prestixioso semanario") porque os administrativos de Ence tomaran por asalto un pleno no Teatro Principal de Pontevedra. Aínda teño a cinta no que se escoita aos que estaban na porta (a policía non me deixara entrar por non estar acreditada) asegurando que se nos quitaban celulosas, Pontevedra había morrer de fame. "E o delito ecolóxico e de saúde que cometen?", preguntei. "Boh, aquí hai dous cancros e en seguida lle botan a culpa a Celulosas" (!!!). Ogallá fosen só dous cancros, meus. Un día hei subir a entrevista en mp3...
Somos unha grea: convéncennos de que para comer e vivir temos que defender un posto de traballo nunha industria que mata o noso ecosistema e a nós e nolo cremos. O que máis graza me fixo aquel día é que aquela xente que se manifestaba eran persoal administrativo, á que tanto lle tiña se a fábrica estaba en Lourizán ou non. Non eran traballadores dos de DENTRO do monstro, deses que morren cando hai fugas de cloro e así. Algo cheira a podre...

2.2.07

Día das Candeas

Hale, acabouse. Outro venres que dan as tres e media e sigo na oficina, pero marcho a comer (lixeiro, que esta noite hai churrasco... Ou algo) e a prender candeas, aínda que a misa non as levo, non. Primeiro, porque non podo entrar nas igrexas ao non estar bautizada, e segundo porque non me peta. Préndoas na casa, e cadaquén que celebre a Candeloria como Dios lle dea a entender ou non. Encántame este día: casan os paxariños e aos gatos remátalles a xaneira... entendido, Ghandoi? A ver se é verdade.

19.1.07

Diei Irae

Non podo máis... Loito contra o tempo para asentar na miña cabeza conceptos que levaban sete anos mortos. O próximo día 22 (feliz aniversario, mamá!) enfróntome a Sallustius e a súa versión De Catilinae coniuratione. Tamén, ter que traducir a Caius Crispus neste día consagrado á festa... A isto engádese o feito de saber (xa o intuía, pero agora son consciente) que son miope. E ademais escollín o mellor día (vaia, eu non, a sanidade pública) para comprobalo: este mércores, o que significou ter as pupilas dilatadas polo líquido que me botaron ao longo dun día en que estivemos pendentes de Monte Pío (para rematar frustrad@s) e non parei de teclear e mirar para a pantalla. Xa o dicía a doutora, ben riquiña, por outra parte, (Soledad Pintos Peñaranda, será irmá de Mariluz?): "Buff, ordenadores... A primeira causa de miopía no século XXI". Pois vou dada...

Teño a cabeza a estourar de declinacións, infinitivos históricos e ablativos absolutos mentres tento aquelar a axenda de fin de semana e pór no seu sitio unha entrevista cun señor de Ordes, que me informou da impresionante exposición sobre Memoria Histórica que montaron alí. Descubro, polo camiño, que nacín o mesmo día que Foucellas: 22 de outubro. É curioso. Tamén Franz Listz, John Reed, Dámaso Alonso, Sarah Bernhardt, Catherine Deneuve e Joan Fontaine naceron ese día. De compositora non teño nadiña, por desgraza, pero fanme graza dous escritores e tres actrices. De guerrilleira non sei se teño moito, pero síndrome de Rebecca, un monte del. Que reviradiñ@s somos os que nacemos nese estraño límite entre balanzas e escorpións, cun pé rexido por Venus e outro por Marte. Amor e guerra, eros e thánatos.

28.12.06

Día de calor (e de inocencia)

Cambiou o conto. Uns días no lar, volta ao traballo á espera de noticias, nestes días de fútbol, a volta á casa de eue onte á noite, que andaba tamén polo seu lar... Acabo de chamar á mellor contadora de contos do mundo para entrevistala e desexarlle moita merda para o sábado, estou soíña na redacción (os homes van no fútbol, o que son as cousas), e aproveito cinco minutiños entre novas culturais para colgar esta cousa bonita que me deu moita calor:
está na Galería Sargadelos, é obra de Rosalía Pazo, e enmárcase nunha exposición de Implicad@s sobre a explotación de mulleres no sector téxtil. Logo de falar con tres desas mulleres e convertilas nas miñas heroínas, faime graza atopar o meu nome bordado neste contexto. A intención era que as artistas collesen roupa feita co sangue, suor e bágoas de mulleres explotadas, xa usada (pezas de Zara, Bershka, etc.) e as "decorasen".
Ben, a seguir traballando. Inocencia e caloriña para tod@s!

24.12.06

Días no frío

Non se para. Andamos aí preto dos cero graos, e todo está frío. As rúas, os ánimos, as forzas... Neste día en que se celebraba antigamente o solsticio de inverno, e, despois da cristianización, o nacemento dun cativo nun cortello (como se non nacesen cativos en cortellos todos os días), volvo ao lar materno, nesta viliña cheirenta que me viu nacer. Vai frío, un frío de ausencia que se coa por ente os ósos. Tento empezar Rayuela, que xa ten delito non lela despois de tanto cavilar sobre literatura e hipertextualidade. Poreime ao día cos apuntes de 1º, tamén. Volvo ser unha alumna aplicada no medio de rapaces máis novos aínda có meu irmán, e síntome tan estraña... Pero aí estamos, aprendendo a mesóclise dos pronomes átonos portugueses, lendo a Coseriu e lembrando a Retórica. Iso gárdame un pouco do frío: era necesario ir quentando a cabeciña, que se me empezaba a conxelar. Mellor tela ocupada.
Na casa nova non vai tanto frío, pero non se pode esquecer que estamos na Poza, en Bar (seguramente veña dunha raíz precéltica *barr que ten que ver cunha forma do terreo fonda, en forma de val, Cabeza Quiles dixit). O Ghandoi non dá socializado co gato do veciño, que se lle achega a tomar contacto como animal educado que é, pero este meu toutizo asústase e vén ás miñas saias ou entra na casa, cando non lle funga. O outro pobre ha botar de menos á moito máis sociable Ulises (sigo infundíndolle ánimos mentalmente todos os días que miro o seu antigo territorio).
Vou buscar no medio desa cantidade inxente de roupa que deixou Marita co seu labor cosido polos bordes, en concepto de enxoval, cousas que dean calor.

30.11.06

Día dos Andreses

Non podo deixar que remate o día sen felicitar a dous Andreses ben importantes na miña vida: aquel co que comparto ADN (este hai uns dezaseis anos), e aquel con quen compartín pupitre e moitas cousas máis. Feliz Santo Andrés aos dous!

25.11.06

O día despois

Mimadrequirida. Estou feitiña pó despois da macroinauguración do niño novo. Cheguei acontar vinte e sete persoas! (e máis o ghato) a bailar, beber e rir. Momentos míticos: m)alicia e máis eu bailando na bañeira, conga pola sala e a cociña, momento cantautor vestido de soldado do Berlín Leste do eue con acompañamento de pandeiretas, a performance de Chus facendo escenas pronográficas entre unha vaquiña de peluche (que se lle apretas a barriga fai "muuuu") e a vaquiña que hai pintada nun vaso (que tamén pon Moooo, conócese que a vaca do vaso é anglófona) e os exercicios ximnásticos coa barra. E, mágoa que fose vivido en solitario, o momento no que volvo a casa e descubro que non teño as chaves, tento aghabear e entrar pola fiestra da cociña, que está entreaberta, non dou (ben, a casa é segura, é imposible que nos entren a roubar), e descubro que as chaves quedaron preto da fiestra, na mesa da cociña, tento enganchalas cun boli, pero móvoas o xusto para que caian ao chan e esgoto a miña última posibilidade. Quero chamar a eue, pero o móbil tamén quedou dentro. As cabinas da Porta Faxeira coñéanse de min, solto varios improperios contra Telefónica, subo ao Avante, onde deixei ao kolhós todo, e non están, chamo dende Cervantes. Están no Maycar (como non!). Pois veña, a seguila.
Pero hoxe, de tranqui! Imos ver a un colega que hai tempo que non miramos... Outro animaliño escénico. E para a cama cediño, que falando de animalidades escénicas, mañá tócanos en Porto do Son, e hai que estar espelida para cargar a escenografía, descargala, montala, preparar o atrezzo, desmontala, recoller, volver cargar, volver descargar... Ah, si, e representar a obra tamén. Veña, ata outro día en que teña máis lucidez e algo máis interesante que contar...

3.11.06

Día de paz... Por fin!

Non o podo crer. Rematou outubro. A muda de pel, a muda de casa, a muda de tantas cousas... Teño unhas maniotas que non podo con elas, ademais de feridas e negróns varios, pola carga, descarga e transporte dos meus efectos persoais dun lugar a outro. Paso de ver aos peregrinos que entraban polo Camiño Francés, coa Catedral como guieiro, a orientar aos que non se conforman co Camiño cristianizado, e fan a viaxe de verdade, ata a Fin da Terra. Do Medio á Poza. Estou tan feliz que non o acabo de crer.
Sobrevivimos á mudanza, sobrevivimos a tantas cousas... Na última semana vivín o desgaste físico e intelectual máis "jevi" da vida. Levaba moito acumulado, tamén. Coa de veces que teño montado e desmontado escenografías, a verdade é que a mudanza non debía significar nada. Pero o caso é que xa foi, xa pasou, xa están miles de libros, de cedés, de pezas de roupa e de cacharros de cociña onde teñen que estar, xa está na Rede o que ten que estar, e xa debe estar na UXA, tamén a matrícula que máis rapidamente resolvín na vida: unha hora e media entre teclear sinopses de filmes de Ghobadi e Kaurismaki abondou. Xa podo respirar...

Comezou novembro, un Samaín novo que se anuncia tranquilo. Só queda baleirar caixas, ordenar as cousas, e ordenar a vida. Estou como o Ghandoi, que anda flipado pola nova casa investigándoo todo, cheirándoo todo (rastros de Ulises, se cadra), e gozando do novo espazo por percorrer. Xa mudei a pel, como un verme na crisálida. Agora que temos cadanseu cuarto propio dentro dun espazo común, volvo ter a mesma sensación de hai case un ano. A ver que me inspira esta casa que Cesare deixou cargada de boas vibracións... De momento, o impresionante escritorio que seica saíu dun barco aportado e Mugardos xa incita abondo.

6.10.06

Días para mudar de pel (ou eterno retorno)

Levo case un ano con esta bitácora aberta. Aínda lembro o primeiro post, que xurdiu da resaca do meu vixésimo terceiro aniversario. É incrible como daquela quería reflectir todos os cambios que levaba vividos no último mes, e agora boto a vista atrás e dame vertixe mirar para os 23. O outro día, correndo do Clube Internacional de Prensa para o Concello, extasiada despois de escoitar a Galeano, volvín sentir ese formiguiño xornalístico na boca do estómago dos vellos tempos. Eterno retorno...

Mudo de pel literalmente. Nesta época caen as follas, remata a vendima, comezan as castañas e o viño novo, e eu tamén cambio de casca e renazo. Fisicamente, na miña loita que non decae, malia ter un momento de autocondescendencia este sábado en Serbia-Monterroso (pero é que despois dun cocido impresionante, ben acompañada, con banda sonora inmellorable e no momento café-chupitos tiña que ser...) E emocionalmente tamén: xa van tres este ano. Cheguei á conclusión de que padezo algo parecido á síndrome de Dióxenes, pero ao revés: na vez de buscar lixo para traer á casa, busco casa na que meterme cos meus bultos. Son adicta ás mudanzas. Ás mudas de casa e de pel. Primeiro foi Plattdorf quen nos prestou o seu "niño" durante aqueles catro días. E agora que Cesare marcha, "herdamos" casa. Quedan convidad@s á inauguración oficial, ou "festa da caixa", como diría m)alicia, aí polo Samaín, máis ou menos!

22.9.06

Días de cambio

Consumado xa o equinocio, confirmo que cambiamos de estación asistindo a cambios moi grandes no meu entorno inmediato: contaba que levo un ano aquí, pero nese ano xa marchou moita xente. A indómita non aturaba, e agora está centrada na súa fábrica de imaxes... Cesare despediuse hoxe, e xa tiven novas m)aliciosas... E sei que a "jefa" quere deixar de ser jefa tamén... Cantas cousas.

A verdade é que a miña situación non cambiou moito nun ano, se ben mellorei algo a miña competencia lingüística e para me entender co fedello. A independencia trouxo moitas cousas, pero tamén suprimiu outras. Agora penso en prioridades, que hei deixar noutras mans que teñen máis dispoñibilidade, que hei levar adiante, con que seguir loitando...

Un/ha non para de cambiar e atravesar espellos...

15.9.06

Días de equinoccio

Como estou, xa non escribo dende o solsticio, polo menos. Ten que pasar unha estación enteira e teño que estar na oficina coa resolución de que entre os axustes de última hora que teño que facer, despois de demostrar que as miñas gadoupas non se levan ben co ordenador, e o ensaio que empeza ás catro e media na outra punta da cidade, mellor meter un post e comer outra empanadilla/bocata/sucedáneo que ir pola casa. A verdade é que para estar de vacacións tiven moi pouco tempo, e moi mal organizado. Vacacións sufridas por unha parte, na fin da terra e na fin das miñas enerxías. Pero houbo tempo para todo, incluso para ver mundo (graciñas, plattdorf). E para volver ao útero (un pouquiño).

Acábome de dar conta de que hoxe fago un ano aquí...

7.7.06

Días de festa (malia todo)

Pois si, a vida segue sen ela. O máis duro foi xusto despois do post anterior, chegar á miña casa. Soa. Entón fun consciente. O peor son eses momentos de consciencia da morte, cando realmente te decatas de que rematou. O resto do tempo non acaba de ser real. Pero teño unhas ganas tolas de ir a Pantín a apañar careixós...

Fixemos cousas moi raras, como rescatar as flores que quedaban apodrecendo en cCtabois e encher a casa de Pantín con elas. Outras levámosllas a Teixido, que foi a súa última viaxe (aínda menos mal). Aproveitei para coller sanandresiños para todo Dios, un cirio laranxa para os estudos (as opos de Eue e o meu... algo) e roscas, brancas e morenas. A señora que mas vendeu deume un pouquiño de herba ("Sabes como funciona, non? Se tes un amoriño por aí tes que lla meter no peto, pero sen que se dea de conta...") Aqueles cantís si que son a fin do mundo.

Falando de cirios, tremendo cirio montamos o sábado pasado. Tanto foi así que quedei co cirio en cuestión na casa (tamén cun paquete de tizas de pintar oui-jas e un vasiño que houbo que tiralo, porque o espírito de Rosalía o arrefreghou tanto contra a pedra que tiña o bordo escachado). Nunca estivo tan bonito o barrio, coa rúa toda para a xente, sen coches a pasar. Alá o sábado á tardiña eue e máis eu fixemos de mestres de cerimonias, estilo Marina Abramovic, camiñando por riba do muro, dun acontecemento precioso. Dani describiu aos homes dos países pequenos (os que comen porco e votan fascio?), Antía vestiuse toda de poemas (e eu arrinqueille tres, nunca pensei que ía espir poetas en público), Branca meteunos nun hotel co seu corpo, e como remate apareceron tres tolas que lle puxeron o punto metateatral (ou metapoético, xa non sei) á tarde. Que cousa bonita. Milleiros de grazas dende aquí a tod@s, a todo o público, e sobre todo ao público aqueixado de resaca que estivo alí, tamén (e aos que non estaban porque a resaca e as trinta horas sen durmir puideron con eles pero estaban en espírito, tamén ;)

O día anterior fora moita festa tamén, e, tendo en conta que era o último día para nós vacinar contra a meninxite e alá fumos Nerea e mais eu, e claro, despois de meter aquilo no corpo non podía beber, e quedáranme as chaves na casa e as do eue non abrían ben (a de fóra, só) e non era plan chamar aos veciños ás doce da noite, e non puidemos facer programa porque o aparello non nos fai caso, e tiña a regra e moi mala hostia... Fóra diso, tudo bem. Estar no barrio coa xente que coñeces dende pequena, ou dende hai menos tempo pero que queres ben, escoitando músicas bonitas, sándao todo. Ui, que tarde, marcho, que vou de gala!