27.7.08

Manhã, tão bonita manhã...

Aínda que escribo pasadas as dez da noite. Hoxe foi un día - mañá, un día tranquilo, claro, en que as cousas volveron ao rego. Logo de comezar as vacacións de xeito máis ou menos accidentado, varios días na cidade, patrón na aldea e relax na casa materna, volvín a Compostela para gozar, na noite de onte, do espírito de Vinícius, resucitado por unha horiña e media na Quintana, da man de Toquinho e Maria Creuza.

E hoxe, como por arte de maxia, recuperei o bolso que pensaba roubado e que, non se sabe como, chegou (con todo o seu contido intacto) á Terra do Sol. Unha das preocupacións, fóra. A outra, tamén: logo dunha semana recibindo trabadas e rabuñadas dunha gata furibunda que non aturaba as sesións diarias de colirios, xaropes e antibióticos, xa pasou. Catuxa superou o herpes virus con éxito, come coma un pepe, vai soíña á area e cada vez é máis autónoma. Aquí, en brazos de Morfeo (ben, nos de eue, pero para o caso...)

18.7.08

Día para bailar...

Dende que mo descubriu eue, non podo deixar de mirar o ben que casan esta escena de Godard e esta canción de Nouvelle Vague:



Hoxe é un día especialmente feliz para querer bailar, amais... E botar carreiras, aínda que non sexa polo Louvre.

12.7.08

23 días

Por petición popular, sigo dando conta das evolucións da pequecha. Xa ten os ollos e as orellas totalmente abertos, miaña como é debido, e non como antes, que parecía un pitiño (eu diría que ten sete vogais e todo), e ten uns dentes que poñen medo (menos mal que o biberón non sofre nin padece, de ser o teto da nai moi mal o había pasar a pobre). Tamén é para sinalar que xa camiña, na vez de reptar, e a toda hostia, amais. Xa non a podo levar da excursión, porque a última vez que probei a metela no bolso non tardou nin medio minuto en chimpar fóra e aparecer na outra esquina da casa. Ten unha ganiña tola de explorar...

A socialización? Ela lévaa moi ben, Ghandoi, daquela maneira.

28.6.08

Xa ten 9 días!

Perdón polo monotemática que ando ultimamente. Xa parezo a clásica nai pesada que só fai falar da súa nena, pero é que medra tanto, come tan ben (esta frase quere un dativo de interese, cómeme tan ben), e é tan linda, que non o podo evitar. Temos cita coa veterinaria dentro dunha miga para quitar os parasitos todos, pero podo adiantar que Catuxa duplicou o seu peso (se non o triplicou, porque está repoluda que dá ghusto), é unha loitadora nata e está para abrir os ollos. Catuxa vai ser o nome oficial, no rexistro da clínica, para que me quiten ese horrísono e castelanófono "Gatita" que puxeron a semana pasada, pero logo cadaquén que a chame como queira. Total, aínda non oe nada... Que riquiño Zero, cando llo contei ("e nós, preocupándonos, o xoves pasado de falarlle en galego!") Aínda que ten ben razón, Ghandoi pasa olimpicamente das veterinarias, que lle falan o castelán (e chámano Gandoi, con g oclusivo velar sonoro :D).

A escolla? Pois non sei, supoño que os nomes coa orixe etimolóxica no grego katharós (pureza), tipo Catarina e os seus hipocorísticos, suxiren felinidade :D, pero tamén quería que tivese algunha marca que o situase no galego, e qué mellor que un x palatal, que, amais, é un son que aos michos lles encanta (veremos se as veterinarias non a chaman Catusa). E tamén é un nome moi xornalístico, pensando naquela publicación do XIX, A Tía Catuxa, "semanario galego de intereses e literatura rexionales". E a meniña xa pasou por dúas redaccións antes de ter unha semana de vida (como di m)alicia, vai saír "periodista incisiva"). Coa vidiña que teño, non me queda outra que levala ao chollo e chuzarlle o bibe entre noticia e noticia. Así andamos... Vai a ghata metida nun saco!

20.6.08

Cousa pequena...



Esta que atoparon onte @s ex compañeir@s soíña pola rúa. Aínda ten o cordón umbilical! Debeu nacer hai dous días como moitísimo. É femia, pesa 50 gramos e aínda non decidín que nome pórlle. Polo de agora, vou empezando a entender o cansazo das nais primeirizas, con isto de erguerme ás catro da mañá a facer biberóns... Aínda vou ter que pedir o permiso da hora de lactancia no chollo, para vir darlle o seu leitiño cada tres horas! Se alguén ten algunha suxestión onomástica... Eu pensei de todo, dende Ghumersinda ou Amparo ata Píxel, por chegar a min polos vieiros polos que chegou e porque é, de certo, unha unidade mínima.

6.6.08

Saíu o sol!

Orfeu negro (Marcel Camus, 1959)

3.6.08

Día roto

Industrial Symphony number 1. The dream of the brokenhearted.
David Lynch


27.5.08

Días grises

Chuviñentos, tristeiros, fríos... Non parece maio. Mellor, así concéntrome no que me teño que concentrar. Este blog vai quedar (máis aínda) inactivo até setembro ou así... Se non, vou conseguir o DEA para cando me xubile. Toca facer vida monacal...

2.5.08

Día do Corte Inglés

Unha estratexia comercial como outra calquera: mantendo o ritual católico, o 19 de marzo conságraselle a San Xosé, pai "exemplar", e o primeiro domingo do "virxinal" maio é para as nais. Como me cago bastante na familia nuclear, no catolicismo, no Corte Inglés e nos bos costumes, vou colgar aquí outra nai que seguramente non recibise agasallos nin neste día nin en día ningún, á que lle cantaba Víctor Jara, e que, á vez, a miña propia me cantaba a min para facerme adormecer de cativa (e que, ao tempo, a nai da miña nai poñía naquel radiocassette vello que aínda está en Pantín e cantaruxaba polo baixo mentres lavaba a louza, ou "fregaba de vertedero"). Seguramente eu siga a tradición familiar e a empregue un día como canción de berce.

21.4.08

Días de resaca

Pois si. As cousas como son. A martes, e aínda non me dei recuperado. Non hai Dios que dea feito logo dunha fin de semana de punk (parabéns pola entrevista, Zero) e poesía salvaxe. Pero son as dez da noite (van sendo horas de marchar da oficina), e aínda que non teña nada moi lúcido que dicir, aproveito un momento de empanada mental entre o traballo e o outro traballo (o de investigación titelado) que me agarda na casa para cambiar unha miga o blog, que xa abonda de loito. E, de paso, pór enteira esta entrevista con Carlo Frabetti. Saiu xa impresa, pero algo reducida (se alguén quere xogar a atoparlles as diferenzas...). Aquí vai en bruto (.pdf, 64 kB). Cando aprenda a colgar arquivos de son como é debido, xa irá un pouquiño máis lixeira a información. Abur!

20.3.08

Día de dor

Odio a Semana Santa dende pequena. A infancia en Ferrol cunha avoa devota significa tragar todas e cada unha das procesións da cidade e todas e cada unha das películas que boten na tele sobre a vida de Ghasús. A Semana Santa de adulta non é moito mellor, aínda que houbo bos momentos. Pero esta en concreto está a ser tortuosa de todo:
- O Venres de Dor propiamente, foi dolorosísimo topar con moi malas noticias no traballo. Pero ese día chegou un novo inquilino á casa, que lle regalaron os compañeiros e compañeiras de traballo a Eue. Vin moi moi difícil a convivencia do interfecto con Ghandoi, mais, finalmente non se levaron nada mal, como demostra este gráfico:



Pasamos cinco días convivindo moi pacificamente os tres na casa. Mentres Eue percorría os Alpes suízos cual Heidi eu tiña a miña versión doméstica de Alicia, perseguindo un coello que (polas présas coas que corría) parecía chegar tarde a algures.

- Xoves Santo: á mañá descubrín horrorizada que Ghusiluz (o nome púxollo Eue) non respiraba. Mentres compaxino o traballo nesta redacción inhóspita e solitaria coas bágoas, penso na mellor forma de darlle sepultura. Ironías da vida, onte escribía sobre unha exhumación e hoxe teño que encargarme dun enterramento. Agora, o noso amigo descansa no camiño ao Pedroso, non lonxe daquela gavotiña acabada de nacer que tampouco sobreviviu ao dura que é a vida cando se é unha cría. Mario xa me enviou o seu pésame e xa me vou sentindo mellor...

4.3.08

Días de mel...

Levo tempo descolgada da rede, pero é que só fago andar a mil historias... Entre o traballo remunerado, o traballo voluntario e os preparativos para o Gran Día, case non toquei esta bitácora. Ando sachando noutra leira, que me ten máis ocupada. Pero agora que xa relaxamos un pouco a máquina, e que os felices marido e muller xa están de lúa de mel polos cantís máis altos de Europa, volvo ao rego. E volvo case para despedirme e anunciar que si, que por fin, que non era sen tempo... Voume centrar no doutoramento. Até xuño, ou mesmo setembro!

P.D. Ah, os da foto son a miña torpe versión escultórica de Mamá e Vali, que (coloreados e algo máis xeitosiños) presidiron o queixo de Arzúa que fixo de torta nupcial este venres no Castro, en Pantín. Foron un dos nosos agasallos, xunto co mercado, que é o máis soso, e unha interpretación da Aquarela de Toquinho no medio dos cafés, a cargo de Eue e a súa guitarra.

9.2.08

Días "como guitarra...

... en tensión" Dende que dei con que esta marabilla se podía escoitar na rede (cousa que me descubriu Ciclópea hai tempo, cando aínda escribiamos unha fronte á outra), teño o vicio de escoitar a esta muller a todas horas. Non hai outra voz tan capaz de expresalo todo. Todo... todo.

P.D. Pindruxeiro, tómao como un agasallo de aniversario ;)

28.1.08

Días de busca:

Dióxenes, co seu bocoi, a súa lámpada e as súas cebolas, por John William Waterhouse

Parece incrible, pero xa estou de novo en plan Dióxenes. E non só busco un sitio onde me meter: desta volta, igual que o cínico de Sinope, "busco un home honesto", ou unha muller, vaia. Se alguén sabe dun piso xeitoso en Compostela e cun/ha dono/a decente que faga as cousas como é debido (que teña o piso declarado, que poña no contrato o mesmo que cobra realmente e non un terzo menos, que non estea perseguido por Facenda, etc.), que mo comunique. Diosvolopaghe.

P.D. Que razón ten Zerovacas: había que volver á folga de pisos do 79!

22.1.08

O día dela:

Este ha ser, con diferenza, o máis críptico dos meus post. Só o entendemos eu e mais ela, pero así e todo... Felicidades, mamá. Ti ben me entendes...



E mais...

14.1.08

Días de réquiem:

Teño o día carpideiro, síntoo.

Un:

EL OTOÑO SE ACERCA

El otoño se acerca con muy poco ruido:
apagadas cigarras, unos grillos apenas,
defienden el reducto
de un verano obstinado en perpetuarse,
cuya suntuosa cola aún brilla hacia el oeste.

Se diría que aquí no pasa nada,
pero un silencio súbito ilumina el prodigio:
ha pasado
un ángel
que se llamaba luz, o fuego, o vida.

Y lo perdimos para siempre.



Outro:
(de Guerra civil e represión en Ferrol e comarca, Xosé Manuel Suaréz)

O caso do acorazado "España".
Deu lugar a varios sumarios, o 58/36 é un dos máis importantes pola cantidade de procesados (71 militares) e o que máis condenas a morte produce (32). Tén como instructor ó tenente coronel auditor Jesús de Cora, que o 14 de agosto inicia as actuacións coa declaración do auxiliar naval Alfonso Raja, preso no Plus Ultra, paseado tres días despois xunto a tres procesados máis na causa e outros (Quintanilla, García Niebla...).

(...)

Para o fiscal:

"(...) es indudable que la dotación del "España" fue la primera en unirse al movimiento revoluciona­rio rompiendo el fuego contra la oficialidad; como si esto al ser oído fuese una señal convenida de antemano, le secundó la dotación del "Cervera" y casi simultáneamente las de Brigadas y "Contramaes­tre Casado". Como en todos estos buques, un grupo principal llevó la dirección del movimiento; figurando a su cabeza, como queda dicho, los oficiales Mouriño y López Amor, (...); y a parte, si bien colaborando sus compañeros, figuraba un núcleo de marinería y fogoneros comunistas, que tenían organizado su correspondiente comité.

A vista da causa 58/36 enceta na Academia de Maquinistas da Armada o venres 30 de outubro. Este día dedícase á lectura do sumario e á presentación de testemuñas e procesados que son interrogados polo fiscal, o tenente coronel auditor Merino, e polos defensores -uns nomeados polos reos e outros de oficio-. O 31 continúan as preguntas ós procesados, o 1 de novembro termina a vista e redacta a sentencia o tribunal presidido polo contralmirante Sánchez Barcaizteigui (edil no concello ferrolán), que tén como vocais ós capitáns de navío Piña, Samper e Pita da Veiga, ó coronel de infantería de Mariña Liaño e ó tenente coronel Enrique de La Huerta,do rexemento de infantería Mérida 35.

No veredicto considérase demostrado que a rebelión no "España" estivo dirixida polo oficial de artillería Mouriño, secundado por:

"(...) los Maquinistas, Don Pedro López Amor [fusilado], Monteagudo y Canosa, Auxiliares Navales, Raja y Serantes [os catro paseados o 17 de agosto], Auxiliar de Artillería, Ramonde [suicidio], Cabo Agras Pedreira, marineros López Victorero y López Fernández y fogonero García Eiroa [fusilados os catro], juzgados unos y fallecidos otros y los procesados en estos autos, marineros, Ángel Méndez García, Manuel Calvo Arribas, Manuel Gallego Méndez, Manuel Martínez Inclán y fogonero Reyes Yáñez Pérez, de matiz comunista estos cinco e individuos de un Comité de tal carácter en el barco.


O consello de guerra condena a reclusión perpetua a catorce procesados, e a morte a trinta e dous do "España" polos delitos de rebelión e sedición, sen recoller, nin nas conclusións do fiscal nin na sentencia, os feitos concretos de cada procesado, só frases como: "estuvo en la torre directora", "por sus malos informes y estar armado es de suponer fuera de los que disparaban contra el citado Oficial", "los dos declarados indeseables en informe unido a los autos y que fueron vigilantes de los Oficiales detenidos", "se dedicaba a registrar las torres, en busca de fascistas", "tenía grandes concomitancias con el Oficial Mouriño".

Os condenados a morte, e fusilados, son os auxiliares Díaz Vales, de Serantes, e Bellafont Ginart, de Ferrol, adscrito á Escuela de Marinería, que se unira á tripulación o día 20, además de dez cabos e vinte mariñeiros (de entre 18 e 25 anos de idade) e fogoneiros. O fusilamento colectivo, con dúas ametralladoras, tén lugar no adro da igrexa do Val (Narón) ó anoitecer do 26 de decembro. Os mariños enfróntanse á morte con cánticos como A Internacional. Segundo a inscrición das defuncións no rexistro parroquial, dezasete dos condenados néganse a recibir os sacramentos dos frades mercedarios que os acompañan, o resto, que os recibira en Ferrol, renega deles pouco antes da execución. Os defensores do réxime republicano reciben sepultura nunha foxa común.

O texto completo, aquí.

12.1.08

Días de relectura




Ao fío dunha efeméride, logo de cumprir moi polo aire coas esixencias laborais, releo O Segundo Sexo, de Simone de Beauvoir. Ao longo destes días escoitei (e tomei parte) en varios debates sobre as diversas posicións feministas, e penso que cómpre reler, ler entre liñas, ler por detrás do texto e mesmo ler o texto non escrito antes de emitir xuízos.

Hai unha serie de contraposicións que non acabo de ver xustificadas: feminismo da igualdade versus feminismo da diferenza, racionalismo versus experiencia da vida... A única que eu lle atopo clara ao texto é existencialismo / esencialismo. A postura é evidente, rexéitase toda inmanencia, os suxeitos somos responsábeis dos nosos actos. É o noso devir, a nosa transcendencia, o que nos sitúa no mundo. O interesante precisamente de De Beauvoir é que non é doutrinaria en absoluto, pon a cuestión sobre a mesa, faina visíbel, pero non dita sentenza. Emprega a moral existencialista, pero observa que as mulleres carrexamos un pasado histórico e vivimos nun contexto que nos oprime. Compáranos co proletariado, pero vai moito máis alá do emancipacionismo como solución. Hai quen a critica por asumir que os valores masculinos son os positivos e as mulleres deben acadar ese estadio de dominio, ou quen fai unha lectura simplificada de máis das súas teses sobre a maternidade, pero interpreto que vai moito máis alá. A liberdade, pero liberdade colectivizada, para todas e todos. Non sei se é que o miro todo polo meu prisma, digamos, anarcofeminista (aínda que me custa pórlle nome ao meu pensamento), ou que. Cada un(ha) conta a feira segundo lle vai nela, e cada un(ha) le cos seus ollos. O bonito disto dos blogs é que me permite dialogar co mundo, así que o debate queda aberto :)

29.12.07

Día de choiva...

Un sábado húmido e algo preguiceiro. Teño a primeira quenda de fin de semana nesta nova aventura, pero pásase bastante ben, logo da bomba informativa de onte que nos pillou baixo mínimos (dúas persoas na redacción). Aínda fago cousas divertidas, non hai queixa...



Teño gana de que remate este ano tan convulso dunha vez. Foi moi estraño: bótome de menos, non sei onde estou. A ver se me atopo.

4.12.07

Chegou o Día...

Hai tres anos, o 1 de xullo, baixei dun bus no Areal, en Vigo, nunha cidade que descoñecía practicamente, e preguntándolle á xente, aos poucos, dei coa Rúa Príncipe, aquel fervedoiro onde conflúen o Marco, o consumismo desaforado e os vendedores de Winston de batea.

Atravesei unha portiña escondida no fondo dunhas galerías, e a partir de aí comezaron tres meses moi intensos. Reconciliáronme cunha carreira que estaba a piques de rematar e que non me acababa de gustar, descubrín que o xornalismo podía ser outra cousa diferente a aquilo para o que me educaran. Algunhas das miñas mellores experiencias foron naquel verán.

Agora, tres anos despois, logo dun ano de prolongación artificial da vida estudantil, comezando un doutoramento que penso rematar este ano (a terceira vez que se di xa ten que ir sendo verdade) e dous anos de aprendizaxe continua, volvín. Velaquí o resultado. Agora teño unha cadeira nova, unha fiestra diante e moito por descubrir.



Post Scriptum: graciñas a todos os que acollestes tan agarimosamente á nova criatura.

Foi precioso, por certo: mentres escribía estas liñas teceuse un fiíño invisible que atravesou o Atlántico por obra e graza do messenger, e puiden botar unhas parolas con Torredebabel (xa había ben tempo e a botaba de menos). En Bos Aires aínda son horas de traballar, e aquí son horas de durmir, así que vou apagar o trebello por hoxe.

30.11.07

Días dos nervios...

Entre o arrefriado, a tournée, e as présas de última hora, non dou feito... Penso que non vou bloguear máis nada até que pase este prazo...