3.7.07

Días escuros...

Xa foi alá o solsticio, xa saltei cantas veces foron necesarias por riba da luminaria, xa collín as herbas (as poucas que atopei entre a casa e o Pedroso, non atopei rosas, nogueira nin torvisco), xa lavei a cara coa auga do San Xoán... E nada, seguen a ser días escuros, de choiva, está o tempo, como diría alguén
Está o tempo como un chourizo cando rebenta.
Pero non rebenta.
Non rebenta.

Xa foi alá outro plenilunio, que ademais coincidiu cunha época de especial efervescencia anímica. Quen xa somos pouco estábeis emocionalmente e aínda por riba toleamos coas fases da lúa acabamos desgastadiños de pasar por vinte e cinco (ou máis) estados de ánimo no mesmo día. E se a iso lle sumamos festas, traballo na fin de semana, e cansazo acumulado, a tolemia é total. Agora parece que as cousas van volvendo ao rego.
Onte estabamos no sofá e o Ghandoi saltou disparado para o chan: había algo indefinido que chamaba a súa atención. Era un paxariño que arfaba sen parar. Saqueino da casa para pólo lonxe das gadoupas do Ghandoi, pero non quedei tranquila. Case non se movía e respiraba con dificultade. Metémolo na casa de novo, fixémoslle un niño con trapos vellos na caixa de transportar a Ghandoi nas mudanzas e tentamos que comese, pero nin abría o peteiro xa. Metemos a caixa nun cuarto, fóra do alcance do gato, con algo de auga e farangullas de pan mínimas. Era unha cría, xa que aínda tiña o tipo de plumón indefinido dos paxaros que naceron hai pouco, unha peluxe homoxénea. De gaivota, se cadra. Eue quería alimentalo como fose, pero non había que facerlle. Esta mañá xa estaba morto. E teño unha sensación estraña hoxe.

3 comentários:

Anónimo disse...

á pota...

Lúa Neghra disse...

Que animaliño es, ti tamén. Xa está enterrado, meu pobre. Aínda que o gato había de agradecer máis a outra opción...

Anónimo disse...

Meu pobre! Hai tempadas así, pero despois de maio vén o San Xoán, asì que ás veces é cuestión de agardar con tranquilidade aos tempos mellores.