23.3.09

Primavera



Dúas pegas marzas ou gaios (en perigo de extinción). A foto é de J. Fouarge (eu nunca as dei visto, e mesmo cheguei a pensar que eran seres mitolóxicos). Chegou a primavera (e o primeiro cabodano, snif)... E como me pasou toda a vida sempre que hai equinoccio ou solsticio, viran as cousas e cambia todo de sitio. Para ben.

2.3.09

Día de resaca electoral

Nunca tan acaído foi ese termo. O que nos queda, mimá.

9.2.09

Día para cagarse en todo


Hai xente experta en manipular palabras. "Libertad" (así, en castelán), a que máis.

1.2.09

Día da Candeloria

Chega o 2 de febreiro un ano máis, con todas as súas consecuencias:
1. Se a Candeloria chora, vai medio inverno fóra (xa pode!), pero se ri, medio inverno está por vir (cagho en...).
2. Fin das xaneiras (acabou o de espertar cos miaños desesperados de Ghandoi a chamar polas gatas da parroquia. A Catuxa o tema sópralla bastante de momento).
3. Casan os paxariños! E un pimpín e unha gaivota fan as vodas de... de cotón, seica.


Vía O cartafol de silencios acórdanme Marco Valerio Marcial e tamén Catulo. Sobre todo este:


Viuamus, mea Lesbia, atque amemus,
rumoresque senum seueriorum
omnes unius aestimemus assis.
Soles occidere et redire possunt:
nobis, cum semel occidit breuis lux,
nox est perpetua una dormienda.
Da mi basia mille, deinde centum,
dein mille altera, dein secunda centum,
deinde usque altera mille, deinde centum.
Dein, cum milia multa fecerimus,
conturbabimus illa, ne sciamus,
aut nequis malus inuidere possit,
cum tantum sciat esse basiorum.


Tiña unha tradución moi boa ao galego, pero desapareceume :( Se consigo recuperala xa a colgo.

27.1.09

Días vermellos

Esta non é unha loita polo "dereito a amar", é unha protesta contra a prisión moral, mesmo a do sentimento exteriormente máis libre. Esta é a rebelión das mulleres da nosa época de transición que aínda non aprenderon a harmonizar a liberdade interior e a independencia coa paixón do amor que todo o devora.
(...) a nova muller que se liberou da servidume do amor érguese en toda a súa estatura, gozosa e orgullosamente. "A servidume mental chegou á súa fin", alédase a heroína de Kredo despois de convencerse de que xa lle pasou a intoxicación da paixón. "Fóra as penas e a excitación e adeus ao medo, agora é libre e o seu corazón deixou de sufrir, pois Viktor, a quen amara, desapareceu da súa alma case sen se decatar". (...)
Liberación da prisión dos pensamentos estraños, liberación dos pesares e dores, estes "agudos e mordaces abrollos dos bicos", ser de novo unha mesma e atoparse con unha! Que ledicia para a muller que se sente un individuo e que sentimento incomprensible e totalmente descoñecido para a muller do pasado!


KOLLONTAI, Alexandra: "A nova muller", en Novaya moral' i rabochii klass (A nova moral e a clase traballadora), Moscova, 1918

Podémola ler na colección "As letras das mulleres", que coeditan Sotelo Blanco e o Servizo Galego de Igualdade, en tradución de Fe González, ou no Marxists Internet Archive (en inglés).

19.1.09

Día de coñac e rosas

Para deixar sobre un cadaleito de Baltimore.



As imaxes son de Das Cabinet des Dr. Caligari, de Robert Wiene (1920). A música, de Lou Reed (The Raven, 2003), e a voz que le o poema homónimo de Poe, de Willem Dafoe.

22.12.08

Días da fin do imperio

Decidín negarme a entrar na espiral de submisión ao consumo este nadal. Non sei de onde vou tirar o tempo (tempo, que cousa), pero ando a argallar regalos inmateriais, virtuais, artesanais, pobres ou piratas :D



Canto máis lles compramos,
máis nos vendemos.

PD. A imaxe é de Consume Hasta Morir.

18.12.08

Días caseiros...

Coas frieiras, as temperaturas e o moito chollo acumulado, non dá gana ningunha de saír da casa. Xa onte perdín a Festaleiro, pero hoxe vou ver os meus nenos, vivedios! Sorte que para a semana conseguín un día libre, e así podo enganchar catro días na casiña materna, que é onde mellor se está (son unha moñas, sei, pero é así). Así que o día 24 fago a mochila (o que inclúe a Ghandoi e a Catuxa en cadansúa caixa) e marcho para aquí:




Domondó (parroquia de Pantín, Valdoviño) fotografado por Fermín Goiriz Díaz o 1 de decembro. Non sei se alá haberá cobertura 3G (dubídoo moito!), pero se consigo unha miga dela, xa vos conto.

16.12.08

Queridos Reis Magos...

... quero carbón.

Andei estes días detrás da pista do Apalpador, ese ser mitolóxico da montaña luguesa que, polo solsticio, lles apalpa a barriga aos cativos para ver se están ben mantidos e lles deixa castañas. É carboeiro, coma o Olentzero vasco. En Cataluña teñen o Tió, un toriño de madeira que "caga" os agasallos, e pola costa cantábrica tamén existe o costume do Esteru, que é leñador. Faime graza que os Reis Magos, esa figura creada polo cristianismo para cargarse este tipo de tradicións pagás, traen carbón se nos portamos mal. Un xeito nada sutil de dicirnos que, de non comportármonos como se agarda de nós, merecemos un castigo: unha icona da tradición popular, rural, connotada positivamente para os cativos que pasan frío e fame. Que se nos portamos ben, agasallos caros e que saen pola tele, e se nos portamos mal, o agasallo dos pobriños pailáns.

Quero carbón este ano. Porteime fatal.

Carbón para Mike

Contáronme que en Ohio,
a comezos do século,
vivía en Bidwell unha muller,
Mary McCoy, viúva dun gardavía
chamado Mike McCoy, en plena miseria.

Pero cada noite, dende os trens enxordecedores da Wheeling Railroad,
os gardafreos guindaban un anaco de carbón
por riba do valo da leira das patacas
berrando ao pasaren coa voz rouca:
"Para Mike!"

E cada noite, cando o anaco de carbón para Mike
petaba na parede posterior da chabola,
a vella erguíase, poñía,
adurmiñada, a saia, e gardaba o anaco de carbón,
agasallo dos gardafreos a Mike, morto
pero non esquecido.

Erguíase tan cedo, e agochaba
os seus agasallos aos ollos da xente,
para que os gardafreos non tivesen dificultades
coa Wheeling Railroad.

Este poema está dedicado aos compañerios do guardafreos McCoy
(morto por ter os pulmóns febles de máis
nos trens carboeiros de Ohio)
en sinal de solidariedade.

Bertolt Brecht

4.12.08

Días de frieiras

Non paro coa dor! O luns notei que os pés se me conxelaban aos poucos mentres estaba na oficina, e pensei "non, merda, xa están aquí". Tentei movelos e quentalos, pero non houbo xeito, a miña ración anual de necrose estaba servida. Frieiras, esa afección da pel que hoxe a todo o mundo lle soa a swahili, pero que os pais e avós que viviron a posguerra, ou os traballiños do rural ao frío, á choiva, lembran perfectamente, e que eu, na miña querenza polas antigüidades, padezo puntualmente cada inverno. Onte non podía parar quieta no asento do Cineclube, e hoxe propuxéronme ir a un serán (será por ganas!), pero paréceme a min que bailar muiñeiras e rumbas non lles vai sentar moi ben...

Unha cousa está clara: recorrer a internet nestes casos é perigosísimo: 1. porque se es un pouco hipocondríac@, tardas 0.5 segundos en asociar as frieiras con certas variantes de lupus, leucemia e síndrome de Raynaud; 2. porque pode ser peor o remedio que a enfermidade. Hai quen recomenda restregalas cun limón (non o quero nin pensar), ou abrir unha uva e levala apegada cunha tirita todo o día en cada frieira (ghasús, e que calzado poño?). Acórdame miña abuela, insistíndome en que fixese por, cando estivese na ducha ou así, mexar por riba delas, que é man de santo (como cando pican as medusas). E decidín que mellor vou á parafarmacia, que sempre me socorre nestes casos. A semana pasada xa descubrira que o xabrón Lagarto é o mellor cicatrizante do mundo. A ver que fago con isto... Se alguén coñece máis remedios caseiros (e menos escatolóxicos), ben vidos sexan...

3.12.08

Días nas barricadas

Sempre. Pero estes días máis ca nunca:

a. Unha banda de fascistas queren evitar o que eles chaman "unha homenaxe a dous terroristas". O peor é que dá igual a cor política, todos os grupos coinciden en chamalos terroristas (cando a condena dicía outra cousa) e en escandalizarse. Pero vai haber festa, e non vai ser máis ca iso: festa e reivindicación.

b. Hai cousa dun ano, escribín isto: outra banda de fascistas gozaba da súa liberdade de expresión lanzando consignas propias do franquismo na rúa. Cando a xente que non estaba de acordo se expresou libremente bailando e tocando a pandeireta, a policía cargou sobre eles. Os fascistas aplaudiron. Un ano despois, emprenden unha caza de bruxas, buscan nomes no Google, poñen denuncias, eles que teñen tempo e cartos para gastar nos xulgados, e catro apelidos para teren impunidade. Tentan espallar o medo, reprimir, silenciar, demostrar, por medio do poder, que eles poden e eu, ti, nós, non. O seu é liberdade de expresión, o outro é terrorismo.

Aquí, a definición que A.P. Schmidt fai do termo "terrorismo":

"O terrorismo é un método produtor de ansiedade baseado na acción violenta repetida por parte dun individuo ou grupo (semi) clandestino ou por axentes do estado, por motivos idiosincráticos, criminais ou políticos, nos que — a diferenza do asasinato — os brancos directos da violencia non son os brancos principais. As vítimas humanas inmediatas da violencia son xeralmente elixidas ao azar (brancos de oportunidade) dunha poboación branco, e son usadas como xeradoras dunha mensaxe. Os procesos de comunicación baseados na ameaza — e na violencia — entre o terrorista (a organización terrorista), as vítimas postas en perigo e os brancos principais son usados para manipular ás audiencias branco, converténdoas en branco de terror, branco de demandas ou branco de atención, segundo que se busque primariamente a súa intimidación, a súa coerción ou a propaganda".

Que cadaquén saque as súas conclusións. Eu xa estou nas barricadas.

13.11.08

Noite de lúa vella (e San Martiño, aínda por riba)

Chegou outro plenilunio, tolería para @s que andamos aluad@s e momento que aproveitei para pór moitas cousas en orde, lavar roupa (o vranciño de San Martiño deunos unha tregua neste mes de choivas para pór a roupa a secar) e iniciar (ou retomar, máis ben) vellos retos.

Neste día neghro, neghro na memoria colectiva dende hai seis anos, acórdame Pavese (ando aí ás voltas c'O oficio de vivir), cando di que a única alegría da vida é comezar. O outro (prisión, costume, enfermidade) é morte. Gana de comezar cousas, e gana de combater con outras... Cabreo.

8.11.08

Día morriñento... III, IV? Xa perdín a conta

Empecei a ter días destes hai moito tempo, e pensei que, co paso dos días, dos meses, dos anos, a morriña marcharía. Pero non.


28.10.08

Noite de lúa nova

Ou novilunio. Bo momento para podar árbores pequenas, emprender cousas dende cero, e non deixármonos levar pola tristura @s aluad@s do mundo. Cando xa case rematei a mudanza da casa, tamén teño que me mudar de oficina. Vou levar moi mal marchar deste paraíso onde podo ver case a Praza de Abastos por vinte minutos de camiñada para chegar a un baixo no Ensanche, pero doulle grazas á sorte de que non acabasemos no Polígono do Tambre ou cousa así.

Mentres, fago por afacerme (que cacofonía, non é?) á casa nova. Non custa traballo ningún, se non fose porque teño que ter un ollo cos meus túzaros... Onte decidiron marchar de expedición e tiven que rescatalos dende o patio da veciña de abaixo cunha esqueira que me emprestou (é unha riquiña) para subir ao tellado (a Ghandoi, vaia, que Catuxa ben que buscou a vida e baixou por si soa, nótase que a moza tivo que loitar na rúa). A ver como vai indo este ciclo lunar, logo, que despois de tanto cambio xa o corpo vai querendo unha miga de acougo...

22.10.08

Día feliz!

Os trasnos existen: son uns seres máxicos que andan por entre nós coma quen que son xente normal. Pero un trasno distínguese do resto da humanidade por varias cousas:

- Levan música e festa alá onde van.
- Adoitan levar puchos de cores vivas e con formas divertidas.
- Sempre locen un sorriso enoooorme. É máis: teñen o poder máxico de contaxiarlle o seu sorriso a todo o mundo.

Eu hoxe topei as sorpresas que me deixou un trasniño penduradas nunha árbore, na Porta do Camiño, e dende primeira hora da mañá teño un sorriso enoooorme e non o dou quitado. Nin quero :D

21.10.08

Última noite (no xardín do ben e do mal... perdón, na Poza de Bar)

Por fin, chegou o día! Mañá levo as últimas cousas (os seres vivos, vaia, Ghandoi, Catuxa e o xeranio, que aínda non ten nome), e acabouse. Hoxe limpei por derradeira vez este puto báter!

Xa sei que parece unha patochada, pero para min está cargado de simbolismo: non volver tocar un estropallo nesta casa faime inmensamente feliz. :D

15.10.08

Días de censura

Esklabu erremintaria
Sartaldeko oihanetan gatibaturik
erromara ekarri zinduten, esklabua,
erremintari ofizioa eman zizuten
eta kateak egiten dituzu.
Labetik ateratzen duzun burdin goria
nahieran molda zenezake,
ezpatak egin ditzakezu
zure herritarrek kateak hauts deitzaten,
baina zuk, esklabu horrek,
kateak egiten dituzu, kate gehiago.

O escravo ferreiro
Preso nas selvas de occidente
trouxéronte a Roma, escravo,
déronche o oficio de ferreiro
e fas cadeas.
O ferro vermello que sacas dos fornos
pódelo moldear como queiras,
podes facer espadas
para que os teus paisanos rachen as súas cadeas,
pero ti, ese escravo,
fas cadeas, máis cadeas.

Joseba Sarrionandia

Prohibir a poesía é puro fascismo. Prohibir un espectáculo de danza baseado en poesía, unha patochada coma un mundo, directamente.

12.10.08

Reflexións (en voz alta) de eue mentres dorme

(ou 'Os anacos da revolución son pequenos' II):

eue: Acabamos de inventar...
eu: O que?
eue: (rindo) ...o papel moeda estatal.
eu: O papel moeda estatal???
eue: Si... os tres, acabamos de inventalo.
eu: Quen, Catuxa, ti e máis eu? (os tres que estabamos na cama nese momento).
eue: (rindo) ...si, nós os tres.

25.9.08

Habemus...

Catuxa, Ghandoi e mais eu marchamos para aquí. Pequerrecho, pero ben apañado e moi curriño, e no mellor barrio do mundo. As próximas semanas van ser unha festa da caixa continua... En canto estea un algo decente, convido a merendas, ceas, cafés ou bebidas espiritosas.

23.9.08

Cabodano



La sombra que indagué ya no me pertenece.
Yo tengo la alegría duradera del mástil,
la herencia de los bosques, el viento del camino
y un día decidido bajo la luz terrestre.

No escribo para que otros libros me aprisionen
ni para encarnizados aprendices de lirio,
sino para sencillos habitantes que piden
agua y luna, elementos del orden inmutable,
escuelas, pan y vino, guitarras y herramientas.

Escribo para el pueblo, aunque no pueda
leer mi poesía con sus ojos rurales.
Vendrá el instante en que una línea, el aire
que removió mi vida, llegará a sus orejas,
y entonces el labriego levantará los ojos,
el minero sonreirá rompiendo piedras,
el palanquero se limpiará la frente,
el pescador verá mejor el brillo
de un pez que palpitando le quemará las manos,
el mecánico, limpio, recién lavado, lleno
de aroma de jabón mirará mis poemas,
y ellos dirán tal vez: "Fue un camarada".

Eso es bastante, ésa es la corona que quiero.

Quiero que a la salida de fábricas y minas
esté mi poesía adherida a la tierra,
al aire, a la victoria del hombre maltratado.
Quiero que un joven halle en la dureza
que construí, con lentitud y con metales,
como una caja, abriéndola, cara a cara, la vida,
y hundiendo el alma toque las ráfagas que hicieron
mi alegría, en la altura tempestuosa.

"La gran alegría", Canto general, 1950