21.5.06

Días de Letras

Conseguímolo. Amais de querérmonos tod@s moito, esta semana tamén saíu á rúa (e á Rede) todo o choio da última semana e máis. Somos do que non hai.

Tamén conseguimos que o martes a Alameda estourase en música, en ganas de empanada, de viño, de licor café, de cervexa (ao final, acabamos os 650 litros unha hora antes de rematar o concerto!!!) e de festa. Acabamos malladiños, pero alí estabamos, itaqueir@s, parrul@s, encantad@s, abert@s e sobre todo nov@s. Tamén funkis, brasileiros, powerpopeiros, punkis, kañautor e rockeiros estiveron tremendos.

Así nos custou ao día seguinte, a Eue e a min, chegar até o Obradoiro. Pero ver as nos@s pícar@s coa súa pancarta pagou a pena.

E así andamos, gozando de festas e máis festas para celebrar que aínda temos unha lingua de noso. Aínda falta a Resaka... (ei, rapás, non te queixes, que aínda che fago publicidade). Eu acabo de redescubrir o pracer de ler na miña nova e silenciosa casiña. Devoro libros, e o Ghandoi tamén (pero el literalmente). Para ser tan noviño xa ten uns gustos literarios bastante perfilados: Cervantes non lle cae nadiña, xa zapateou as novelas exemplares polo cuarto. tamén tirou do andel outra das miñas xoias, a edición ilustrada por Tenniel das dúas Alicias que me regalou miña nai ao facer sete anos. Pero Lewis Carroll xa lle debe de gustar máis, que o deitou de xeito que caese aberto e o puidese ler.

E agora que estou arrasando cos de Narrativa de Xerais, el métese na cama comigo e está ben tranquiliño até que lle dá a fame: a Navaza débeo atopar soso (non o vin eu así, eu limítome a interpretar as impresións do ghato), porque Erros e Tánatos non mereceu as mesmas mordidas apaixoadas que recibe agora Suso de Toro (Calzados Lola é grande de máis, así a todo, para a dentamia deste pequecho, e non dá feito). Onde roímos os dous con auténtica entrega foi en Rivas: En salvaxe compaña tívome entregada e intrigada durante dúas noites, amais de facerme escarallar por veces de xeito que os meus veciños xa deben empezar a ter medo de que lles tocase unha tola no segundo. E Ghandoi atopouno delicioso, a xulgar polo xeito en que lle chantou os dentes. Se cadra é polos ratiños que ten dentro... Hai que lles ter un respecto, que eran almas de paso cara Teixido. Cando o pensei mireino aos ollos (xa sans, "lerchos e azuis")... El non haberá algunha alma perdida no corpo deste siamés-palleiro? Quedáballe preto, Maniños non está lonxe de esoutra fin do mundo que son os cantís de Santo André... Vou mirar ben o que falo con el, non vaia ser que logo ande lercheando cos gatos da casa do lado coma os ratiños de Rivas...

14.5.06

Días de aniversario

O mércores celébrase outra efeméride: en 1863, unha muller publicou o primeiro poemario en galego. Pero se titulaba, como diría o titor dese meu traballo que nunca dou arrincado, "Cantares gallegos." En memoria dese primeiro Día das Letras, levamos unha semaniña de traballo esgotador... E non me queixo, que non fun das que acaban ceando pizza na oficina entre maquetacións e axustes de última hora, pero chegoulle ben. Jan e máis eu pateamos bibliotecas buscando a documentación para o proxecto en cuestión, que mesmo O Breogán acabou escaneando portadas, o noso equipazo de deseñadores non parou, Cesare e Ian fixeron malabarismos para coordinar o proceso, e tamén programadores, demais xente de contidos, e todas aquelas persoas de quen descoñezo blogs e heterónimos pero seguro que teñen, sufriron os efectos da presión de última hora. Pero xa está aquí.
Ademais, o día das Letras, de Internet e de non sei cantas cousas máis é tamén o noso día da Música e da Lingua. Outros xa tiveron que loitar cos xestores culturais da cidade para faceren a súa festa, que finalmente foi un éxito malia que lles cortasen a luz ás doce da noite. Os músicos seguiron tocando, e mesmo baixaron do escenario e se mesturaron coa xente para demostrar que a cultura facémola nós, os que estamos na rúa, os que pegamos cartaces que a policía arrinca, os que subimos a música á rede por moito que "a nasa nos roube os discos de cumbias," os que contrainformamos, os que non calamos.
E nesas andamos, preparando o noso cuarto concerto, tirándonos dos pelos porque a ver a quen se lle ocorreu a animalada de 650 litros de cervexa, cando quedamos en que 400 eran abondo (alá vos quero ver a tod@s bebendo coma cosac@s!), decidindo a orde dos grupos, e se vai haber empanada de luras ou de mexilóns. Eue xa foi hoxe á casa materna a celebrar o aniversario (outro aniversario máis) paterno, e a ver se Nievitas tiña preparado o vestiario para a próxima actuación da gran diva. Xa tivo que ir socorrela en Oia, a ver que sorpresa nos agarda o martes... Máis fusión galaico-faralaes? Cravo ou rosa na orella? Volantes e topos ou dengue e mandil de gala? Basquiña ou escotazo de Rocío Jurado? A resposta, a partir das sete e media na Alameda...
E máis aniversarios. Falando de Eue, bótase de menos despois de marchar onte a Monterroso a mirar unha obra de arte. Nestes días tivemos moito que celebrar. Lembrei o maio de festas da Ascensión no que comezou todo, cando as rúas comezaban a cheirar a verán, e andabamos afanados por botalos... Os seminarios en común de xuño, cando estudabamos tirados na herba en fronte da facultade até que os apuntes de Monteagudo saían voando co aire... Aquel xullo de idas e vindas en campamentos e cursos da CTNL, a quincena de agosto no Entrimo, co pándigo dirixindo unha das experiencias máis bonitas das nosas vidas de monitores, o setembro dos cambios, o outubro en que a súa dobre vida só permitía vérmonos media hora comendo castañas na porta do ILG, o novembro de magostos e cineuropa, que non dabamos esgotado o bono, o decembro de máis cambios, o xaneiro do seu cambio, o febreiro de fríos e entroidos de última hora, o marzo en que comezamos a okupar as ondas, o abril da viagem, e de novo maio. De novo cheiro a verán na Rúa de San Pedro. E aínda o levo na pel.

Días de aniversario... Por certo, este é o meu post 33, xa! A idade de... Henry Miller cando escribiu A crucifixión rosada (Sexus, Nexus e Plexus). Parabéns para tod@s...

7.5.06

Día das nais...

Porque alguén decidiu que os días consagrados á Virxe son axeitados para gastar os cartos en agasallar ás que nos pariron. Polo tanto estou no Lérez, coa que me pariu e coa que a pariu a ela, ao mesmo tempo. Eu parir non parín, pero teño un pequecho que coidar na casa. Ten un olliño enfermo e ademais teño medo de que para combatir o aburrimento lle dea por arañar as cadeiras e destrozar documentos importantes, que son as afeccións felinas por excelencia. Foi unha fin de semana movida, despois de días de mudanza, de traballo intenso, de asumir responsabilidades novas, de facer o mellor programa de radio en moito tempo grazas ao bo facer de m)alicia, e de facer de assistant manager nunha das paraxes máis fermosas da nosa costa, para unha diva a quen o despiste levou a experimentar coa hibridación galaico-andalusí, e resultou unha interesante mestura de cabeza lolailo (os pendentes vermellos e a flor, cortesía de Nievitas) e corpo de bailadora galega (eu tiña que velar pola integridade do traxe, e a verdade e que se pasa mal mirando a un punki facer cousas de punki cun dengue e un mandil de gala que teñen que rematar con todos os abalorios de azabache íntegros). Días intensos, si. E agora voume despedir da miña nai e da nai da miña nai e volver á miña casa a facer de nai co Ghandoi (o nome vén de Fene, como el... Non me preguntar polo significado).