29.12.07

Día de choiva...

Un sábado húmido e algo preguiceiro. Teño a primeira quenda de fin de semana nesta nova aventura, pero pásase bastante ben, logo da bomba informativa de onte que nos pillou baixo mínimos (dúas persoas na redacción). Aínda fago cousas divertidas, non hai queixa...



Teño gana de que remate este ano tan convulso dunha vez. Foi moi estraño: bótome de menos, non sei onde estou. A ver se me atopo.

4.12.07

Chegou o Día...

Hai tres anos, o 1 de xullo, baixei dun bus no Areal, en Vigo, nunha cidade que descoñecía practicamente, e preguntándolle á xente, aos poucos, dei coa Rúa Príncipe, aquel fervedoiro onde conflúen o Marco, o consumismo desaforado e os vendedores de Winston de batea.

Atravesei unha portiña escondida no fondo dunhas galerías, e a partir de aí comezaron tres meses moi intensos. Reconciliáronme cunha carreira que estaba a piques de rematar e que non me acababa de gustar, descubrín que o xornalismo podía ser outra cousa diferente a aquilo para o que me educaran. Algunhas das miñas mellores experiencias foron naquel verán.

Agora, tres anos despois, logo dun ano de prolongación artificial da vida estudantil, comezando un doutoramento que penso rematar este ano (a terceira vez que se di xa ten que ir sendo verdade) e dous anos de aprendizaxe continua, volvín. Velaquí o resultado. Agora teño unha cadeira nova, unha fiestra diante e moito por descubrir.



Post Scriptum: graciñas a todos os que acollestes tan agarimosamente á nova criatura.

Foi precioso, por certo: mentres escribía estas liñas teceuse un fiíño invisible que atravesou o Atlántico por obra e graza do messenger, e puiden botar unhas parolas con Torredebabel (xa había ben tempo e a botaba de menos). En Bos Aires aínda son horas de traballar, e aquí son horas de durmir, así que vou apagar o trebello por hoxe.