27.7.08

Manhã, tão bonita manhã...

Aínda que escribo pasadas as dez da noite. Hoxe foi un día - mañá, un día tranquilo, claro, en que as cousas volveron ao rego. Logo de comezar as vacacións de xeito máis ou menos accidentado, varios días na cidade, patrón na aldea e relax na casa materna, volvín a Compostela para gozar, na noite de onte, do espírito de Vinícius, resucitado por unha horiña e media na Quintana, da man de Toquinho e Maria Creuza.

E hoxe, como por arte de maxia, recuperei o bolso que pensaba roubado e que, non se sabe como, chegou (con todo o seu contido intacto) á Terra do Sol. Unha das preocupacións, fóra. A outra, tamén: logo dunha semana recibindo trabadas e rabuñadas dunha gata furibunda que non aturaba as sesións diarias de colirios, xaropes e antibióticos, xa pasou. Catuxa superou o herpes virus con éxito, come coma un pepe, vai soíña á area e cada vez é máis autónoma. Aquí, en brazos de Morfeo (ben, nos de eue, pero para o caso...)

18.7.08

Día para bailar...

Dende que mo descubriu eue, non podo deixar de mirar o ben que casan esta escena de Godard e esta canción de Nouvelle Vague:



Hoxe é un día especialmente feliz para querer bailar, amais... E botar carreiras, aínda que non sexa polo Louvre.

12.7.08

23 días

Por petición popular, sigo dando conta das evolucións da pequecha. Xa ten os ollos e as orellas totalmente abertos, miaña como é debido, e non como antes, que parecía un pitiño (eu diría que ten sete vogais e todo), e ten uns dentes que poñen medo (menos mal que o biberón non sofre nin padece, de ser o teto da nai moi mal o había pasar a pobre). Tamén é para sinalar que xa camiña, na vez de reptar, e a toda hostia, amais. Xa non a podo levar da excursión, porque a última vez que probei a metela no bolso non tardou nin medio minuto en chimpar fóra e aparecer na outra esquina da casa. Ten unha ganiña tola de explorar...

A socialización? Ela lévaa moi ben, Ghandoi, daquela maneira.