30.11.07

Días dos nervios...

Entre o arrefriado, a tournée, e as présas de última hora, non dou feito... Penso que non vou bloguear máis nada até que pase este prazo...


14.11.07

Día (un pouco) triste

Vou botar de menos moitas cousas: as rexoubas polo messenger, o básquet de oficina (ou tiro á papeleira), os ordenadores que se apagan cando se pon en marcha a cafeteira, botarlle cantigas a Ictio, comentar friqueríos con Modesto, o sorriso de Jan cando baixa facer café ou comer e falamos da programación cultural, ese tema que nos uniu tanto tempo, os risos, mesmo os momentos de agobio. Vou botar de menos os correos que me chegan dende Bos Aires, apertas ao lonxe, paquetiños de información sempre cunha nota agarimosa pegada. Hoxe vin a miña cadeira baleira e deume un aquel de saudade (tranquilo, Zerovacas, déixoche a boa, non a que ten "trampa").

Debe ser algo parecido a cambiar de país: miras por última vez e cada lugar está cheo de significado. Agora lembro cada momento e o gardo como un lugar querido na memoria: a loucura da sala de partos cando demos a luz á criatura, as noites ao pé da noticia, as fins de semana de teletraballo, novas e preciosas relacións, un aniversario en concreto, moitos aniversarios con pinchos degustados na mesa de xuntanzas, o recordo dos que estiveron e xa non están (a lista é longa, longa, longa), a inmensa e continua aprendizaxe. O xoves pasado, o consello de redacción máis riquiño que coñecín arrincoume literalmente as mans do teclado e levoume de cañas. O venres estaba sentando nunha mesa nova, con xente nova. Hai moitas esperanzas e proxectos, pero, non o vou negar, unha enormísima morriña tamén. Unha aperta enorme, compañeiros.

5.11.07

Día tolo!

Hai días que parecen vinte pola cantidade de cousas que conteñen. Logo de loitar contra os elementos toda a infinita xornada, podo ver o resultado do noso traballo realizado, e síntome como se dese a luz. Botei moito de menos estes días a Ian e á súa enorme paciencia para ser quen de coordinarnos sen perder os nervios nesta ardua empresa que pesaba como unha espada de Damocles sobre as nosas cabezas todos os novembros. Pero xa está. Conseguímolo. Parir debe ser algo parecido: cando lle ves a cara ao fillo, esqueces todos os traballos.
E como sempre, vinte tarefas pendentes e moi pouco tempo: matricularse de novo no TIT (esta ten que ser a boa), recoller, deixalo todo ben aquelado, marchar, chegar... Parece que a cousa vai de tangos, todos soan a bandoneón polo blogomillo adiante, e a min estes días hai un que me soa con especial intensidade na cabeza...
Estaba por contestarlle a Zerovacas con outros oito tangos, pero tampouco estou tan posta no tema, malia telos mamado a esgalla grazas á paixón do meu abuelo e nai por eles. Así que voulle responder ao convite de Antuán (escachei coa risa mirando as túas, por certo). Oito cousas... Mmmm (agora entendo por qué lles chaman memes). Pois bótome de cabeza ao multimedia, e como xa escribín bastante, vou meter vídeos. Oito xoias das artes escénicas, musicais ou fílmicas que contaxian emocións. Deleitaivos:
1. Le Sacré du Printemps, de Igor Stravinski, por Pina Bausch. Stravinski en si e esta obra máis en concreto foron unha completa transgresión para a música no seu tempo. Esta brutal coreografía aínda multiplica o efecto:


2. Jimmi Hendrix en Woodstock: o mellor guitarrista do mundo está rematando 'Purple Haze' e, de repente, convértese nun animal eléctrico, instintivo, visceral...


3. Singin' in the rain. Si, que pasa, gústanme os musicais! Polo menos, esa cariña de Gene Kelly (que por certo, é o meu abuelo de Ferrol en campaña, si, o dos tangos) cantando debaixo da choiva fai sorrir á persoa máis deprimida do mundo.


4. Máis películas: último e precioso plano de Cinema Paradiso, cando o protagonista descobre unha fita que lle deixou Alfredo, con todas as escenas "cortadas" durante anos. O cine dentro do cine.


5. Non é vídeo propiamente, só unha sucesión de imaxes con son. Descubriuma Jan hai un ano e hai un par de semanas tiven o pracer de escoitala en directo. Pero poucas versións hai como esta de Ella Fitsgerald e Louis Armstrong:


6. Outra señora impresionante: Billie Holiday. Lady Day. Unha canción tristísima (estiven a piques de poñer estoutra, pero impresionoume moitísimo My man). Cando di 'He beats me too', sabe do que fala. É terrible:


7. Final do II Acto da Traviata. Violetta despídese de Alfredo.


8. Xa? Quédame curto... Pois nada, rematamos como cómpre... The End.


Teño que facer oito encargas, tamén? Van ser moitas... Seguro que as hai repetidas, pero van para Jan, Eue (dende hoxe na distancia), Sun Iou Miou, A Fontiala, Dreeu, a ver se revives ;), Ictio e... Pándigo, estréate nisto das memes, que morro de curiosidade de saber que oito cousas podes escoller... Ala, xa fixen os deberes.