23.10.07

Hai 670 días...

... naceu este blog. Hai un cuarto de século e un día saín disparada ao mundo, de cara, e non de cabeza, o que me causou unha lesión no esternocleidomastoideo, e non quero imaxinar como sufriu a miña nai. Ela sempre conta que lembra o 22 de outubro do 82 como o día en que nacín eu e o día en que comeu as primeiras castañas asadas daquel outono. E, seguindo a tradición, onte foi o primeiro día que volvín ver os carriños de castañas na rúa, neste outono que parece máis verán ca nunca. Hoxe, malia o paradoxal de collelas sen ter frío ningún nas mans e con terrazas cheas de xente tomando refrescos ao redor, merquei un cartucho delas, unha metáfora do ciclo vital que todos os anos se repite; de min mesma, que outro ano máis fun medrando, madurando e caendo de moitas pólas. Eu tamén abrín o meu ourizo e saín.

18.10.07

Ego quoque...



... solidarízome cos Aduaneiros. Xa abonda de lerias: que será o próximo?

10.10.07

E días máis vaghos aínda

Xa rematou o estío, xa chegou o equinoccio outravolta coa súa correspondente dose de cambios vitais, xa pasamos a tempada de dúbida existencial "non sei se quede ou se marche", e agora, gastando todos os días libres que me quedan antes de... marchar, apurando as últimas pingas do mosto froito da vendima deste domingo (ten que ser hoxe, que logo ferve e o viño do Ulla é para estómagos afoutos), solucionando temiñas pendentes, volvo ao ciberespazo unha miga.

Setembro foi un mes de cambios, de enxalzamento da amizade dende o extremo sur...



... até o corazón mesmo do país (ou incluso fóra).

E, sobre todo, días de reflexión. Eue xa está exercendo a docencia cos cativos da zona cero...



e eu non hei tardar en mudar de póla. Botarei moitas cousas de menos, pero cómpre cambiar. Sempre é bo...

Por certo, xa sei que se nota moito, pero teño xoghete novo e as miñas gadoupas andan experimentando con el. A ver que sae de aquí...