O mércores celébrase outra efeméride: en 1863, unha muller publicou o primeiro poemario en galego. Pero se titulaba, como diría o titor dese meu traballo que nunca dou arrincado, "Cantares gallegos." En memoria dese primeiro Día das Letras, levamos unha semaniña de traballo esgotador... E non me queixo, que non fun das que acaban ceando pizza na oficina entre maquetacións e axustes de última hora, pero chegoulle ben. Jan e máis eu pateamos bibliotecas buscando a documentación para o proxecto en cuestión, que mesmo O Breogán acabou escaneando portadas, o noso equipazo de deseñadores non parou, Cesare e Ian fixeron malabarismos para coordinar o proceso, e tamén programadores, demais xente de contidos, e todas aquelas persoas de quen descoñezo blogs e heterónimos pero seguro que teñen, sufriron os efectos da presión de última hora. Pero xa está aquí.
Ademais, o día das Letras, de Internet e de non sei cantas cousas máis é tamén o noso día da Música e da Lingua. Outros xa tiveron que loitar cos xestores culturais da cidade para faceren a súa festa, que finalmente foi un éxito malia que lles cortasen a luz ás doce da noite. Os músicos seguiron tocando, e mesmo baixaron do escenario e se mesturaron coa xente para demostrar que a cultura facémola nós, os que estamos na rúa, os que pegamos cartaces que a policía arrinca, os que subimos a música á rede por moito que "a nasa nos roube os discos de cumbias," os que contrainformamos, os que non calamos.
E nesas andamos, preparando o noso cuarto concerto, tirándonos dos pelos porque a ver a quen se lle ocorreu a animalada de 650 litros de cervexa, cando quedamos en que 400 eran abondo (alá vos quero ver a tod@s bebendo coma cosac@s!), decidindo a orde dos grupos, e se vai haber empanada de luras ou de mexilóns. Eue xa foi hoxe á casa materna a celebrar o aniversario (outro aniversario máis) paterno, e a ver se Nievitas tiña preparado o vestiario para a próxima actuación da gran diva. Xa tivo que ir socorrela en Oia, a ver que sorpresa nos agarda o martes... Máis fusión galaico-faralaes? Cravo ou rosa na orella? Volantes e topos ou dengue e mandil de gala? Basquiña ou escotazo de Rocío Jurado? A resposta, a partir das sete e media na Alameda...
E máis aniversarios. Falando de Eue, bótase de menos despois de marchar onte a Monterroso a mirar unha obra de arte. Nestes días tivemos moito que celebrar. Lembrei o maio de festas da Ascensión no que comezou todo, cando as rúas comezaban a cheirar a verán, e andabamos afanados por botalos... Os seminarios en común de xuño, cando estudabamos tirados na herba en fronte da facultade até que os apuntes de Monteagudo saían voando co aire... Aquel xullo de idas e vindas en campamentos e cursos da CTNL, a quincena de agosto no Entrimo, co pándigo dirixindo unha das experiencias máis bonitas das nosas vidas de monitores, o setembro dos cambios, o outubro en que a súa dobre vida só permitía vérmonos media hora comendo castañas na porta do ILG, o novembro de magostos e cineuropa, que non dabamos esgotado o bono, o decembro de máis cambios, o xaneiro do seu cambio, o febreiro de fríos e entroidos de última hora, o marzo en que comezamos a okupar as ondas, o abril da viagem, e de novo maio. De novo cheiro a verán na Rúa de San Pedro. E aínda o levo na pel.
Días de aniversario... Por certo, este é o meu post 33, xa! A idade de... Henry Miller cando escribiu A crucifixión rosada (Sexus, Nexus e Plexus). Parabéns para tod@s...
14.5.06
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
3 comentários:
De hoxe nun ano, Pichiña...
Creo que este non é o lugar mais apropiado, mais como non atopo o enderezo mail para enviar, colo aquí a invitación para a autora deste blog e para @s blogueir@s en xeral:
Desde a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra organizamos, para o martes 23 de Maio,ás 16:15, a Resaca das Letras 2006 [RdL06], unha xornada na que buscamos reivindicar a web galega. Queremos convidarvos a asistir, xa que o interese está asegurado ao falaren Amador Loureiro (dorfun), Berto Yáñez (chuza, aduaneiros), María Yáñez (Vieiros, todonada), Carlos Santiago (Arredemo), Marcus Fernández (codigocero) e Luis Álvarez Pousa (Tempos Novos).
Tamén agradeceriamos que puxesedes unha nota nos vosos blogs a cerca do evento, xa que da asistencia dependerá a continuidade do certame en anos vindeiros.
Un saúdo a animádevos a vir a Pontevedra este martes!
Para calquera cousa: resaka06@gmail.com
Cool blog, interesting information... Keep it UP »
Enviar um comentário