14.11.07

Día (un pouco) triste

Vou botar de menos moitas cousas: as rexoubas polo messenger, o básquet de oficina (ou tiro á papeleira), os ordenadores que se apagan cando se pon en marcha a cafeteira, botarlle cantigas a Ictio, comentar friqueríos con Modesto, o sorriso de Jan cando baixa facer café ou comer e falamos da programación cultural, ese tema que nos uniu tanto tempo, os risos, mesmo os momentos de agobio. Vou botar de menos os correos que me chegan dende Bos Aires, apertas ao lonxe, paquetiños de información sempre cunha nota agarimosa pegada. Hoxe vin a miña cadeira baleira e deume un aquel de saudade (tranquilo, Zerovacas, déixoche a boa, non a que ten "trampa").

Debe ser algo parecido a cambiar de país: miras por última vez e cada lugar está cheo de significado. Agora lembro cada momento e o gardo como un lugar querido na memoria: a loucura da sala de partos cando demos a luz á criatura, as noites ao pé da noticia, as fins de semana de teletraballo, novas e preciosas relacións, un aniversario en concreto, moitos aniversarios con pinchos degustados na mesa de xuntanzas, o recordo dos que estiveron e xa non están (a lista é longa, longa, longa), a inmensa e continua aprendizaxe. O xoves pasado, o consello de redacción máis riquiño que coñecín arrincoume literalmente as mans do teclado e levoume de cañas. O venres estaba sentando nunha mesa nova, con xente nova. Hai moitas esperanzas e proxectos, pero, non o vou negar, unha enormísima morriña tamén. Unha aperta enorme, compañeiros.

10 comentários:

torredebabel disse...

vaia... quedei cun no na garganta. Coñezo a sensación, claro. Pero como estou implicada, dicir que eu xa che boto en falta. Moito. En serio.

Sun Iou Miou disse...

Ánimo, muller, que deus aperta pero non afrouxa, e logo se lle colle cariño á cadeira nova.

Lúa Neghra disse...

Non afrouxa? Vaia repunante, este Deus. Eu sabía "aperta pero non afoga". :) Xa me vou afacendo á nova cadeira, e ademais teño o enorme privilexio de ter unha fiestra diante e ver como reloce San Fiz de Solovio cando lle dá o soliño pola tarde.

Mario disse...

Coa miña habitual perspicacia aínda me entero agora do cambio e das súas consecuencias. Alégrome moito, e agardo que che vaia moi ben.

Anónimo disse...

:)
:)

Anónimo disse...

Que feito o Ghandoi detras do portátil,a quen me lembrará, je, je!!

Grazas polas túas palabras Lúa neghra...dentro dunhas semaniñas terei o corazón partío entre dous xornais...

Moitos bicos e apreta

;)

Anónimo disse...

Nós tamén te botamos de menos. :)

Caufield disse...

fermoso post, coma fermosas son as cousas que che acordan cando te marchas dun sitio (as malas pasan a segundo plano, a saber por que :)
sorte na nova aventura!bicos!

besbe disse...

Que che vaia moi ben nesa nova casa e que te traten igual de ben que te trataron na antiga :) Moita sorte.

Lúa Neghra disse...

Minto, non é San Fiz. Corrixiume Cesare: é Santo Agostiño.