28.6.08

Xa ten 9 días!

Perdón polo monotemática que ando ultimamente. Xa parezo a clásica nai pesada que só fai falar da súa nena, pero é que medra tanto, come tan ben (esta frase quere un dativo de interese, cómeme tan ben), e é tan linda, que non o podo evitar. Temos cita coa veterinaria dentro dunha miga para quitar os parasitos todos, pero podo adiantar que Catuxa duplicou o seu peso (se non o triplicou, porque está repoluda que dá ghusto), é unha loitadora nata e está para abrir os ollos. Catuxa vai ser o nome oficial, no rexistro da clínica, para que me quiten ese horrísono e castelanófono "Gatita" que puxeron a semana pasada, pero logo cadaquén que a chame como queira. Total, aínda non oe nada... Que riquiño Zero, cando llo contei ("e nós, preocupándonos, o xoves pasado de falarlle en galego!") Aínda que ten ben razón, Ghandoi pasa olimpicamente das veterinarias, que lle falan o castelán (e chámano Gandoi, con g oclusivo velar sonoro :D).

A escolla? Pois non sei, supoño que os nomes coa orixe etimolóxica no grego katharós (pureza), tipo Catarina e os seus hipocorísticos, suxiren felinidade :D, pero tamén quería que tivese algunha marca que o situase no galego, e qué mellor que un x palatal, que, amais, é un son que aos michos lles encanta (veremos se as veterinarias non a chaman Catusa). E tamén é un nome moi xornalístico, pensando naquela publicación do XIX, A Tía Catuxa, "semanario galego de intereses e literatura rexionales". E a meniña xa pasou por dúas redaccións antes de ter unha semana de vida (como di m)alicia, vai saír "periodista incisiva"). Coa vidiña que teño, non me queda outra que levala ao chollo e chuzarlle o bibe entre noticia e noticia. Así andamos... Vai a ghata metida nun saco!

4 comentários:

Sun Iou Miou disse...

Non me digas que non che dan horas no choio? Éncheselles a boca coa conciliación da vida laboral e familiar e agora isto. Como se os gatos non fosen coma a xente, fóra a alma e a figura!

Lúa Neghra disse...

Hahaha! Canta razón, Sun. Inda menos mal que na redacción somos catro gatos (ben, agora, cinco), estamos en familia e se me permite levar á criatura, se non, a cousa habíase complicar bastante. Agora mesmo vimos as dúas da romaría das Festas do Barrio de San Pedro (chanteille o bibe entre o churrasco e os cafés), e foi a sensación da festa, a tipa, todo o mundo a tirarlle fotos e a preguntar que tempo tiña... Vaille tocando outra toma, por certo. Dios, non paro...

Biba_la_pantoha (ex Ciclópea) disse...

Tas encantada!!!

bibaaa, bibaaa!!!

Anónimo disse...

I am Glad i ran across this website.Added lua-neghra.blogspot.com to my bookmark!