
Tamén abrín as portas de outro Mundo soterrado: o da sociolingüística. Matriculeime no TIT despois dunha mañá empregada en vagabundar por Filoloxía, percorrendo todas as secretarías de todos os departamentos (que facían ponte), e esquivando ás vendedoras de "Autogestión" que me tentan enguedellar nas redes da pseudosolidariedade cristiá.
Pero aparece el no momento preciso para me rescatar das gadoupas dun voitre con lentes que insiste en que merque a revista. Atravesamos a cidade mentres sae o sol, que sempre agarda aos momentos en que tes paraugas ou alguén te leva no coche para saír, triunfante, despois de te mollares coma un pito. É a lei de Murphy.
Chegamos ao COIE, facemos cola durante media hora para conseguir unha carpeta e máis unha axenda de mala calidade e quedar oficialmente rexistrad@s coma presunt@s investigadores. Lembrámonos case ao unísono dun verso dunha pretendida poeta que sempre nos ha de acordar cando temos que aparentar formalidade: "as cousas que fixemos onte á noite", despois dos licores cafés do Atlántico e de cantar pola Rúa do Medio. A obriga de agardar na cola faise máis lixeira entre miradas de complicidade.
Cadaquén volve ao seu. Xantar cos meus. Tarde tranquila. Contra a noite comezan a chamarme as meigas da música e da noite. Presinto un aquelarre, unha noite de lúa neghra, as portas do Alén abertas para nos acoller.