1.12.05

Día para sentirse Virginia Woolf

Xa tiña non 500 libras, pero si 736 euros ao mes
(o que pasa é que ela sacounas dunha herdanza dunha súa tía e eu teño que encher buratiños con letras durante oito horas cada día). E sobre todo: xa teño UN CUARTO PROPIO.
A búsqueda foi dura: volvín por preto da Casa Máxica que derrubou a Cobiza (coma nun intento inconsciente de seguir a facer dela a miña veciña, ou polo menos a súa esencia, xa que deixo de tela en fronte), e mesmo fun vítima da morriña, do cordón umbilical tan fino que é case transparente, que tira por min dende a Aldea, un cordón invisíbel que integran a música dos Estalotes, Julia do Mosquito, Angelillo, quedar no Cruceiro, a Churrería, as festas xusto despois do San Xoán, a boa xente da Xuntanza, as camisetas retranqueiras, a tenda de Ulises, cada fiestra, cada porta, cada pedra, cada vez que se tivo que arreglar cada lastro da estrada, cada maceta con cadanseu xeranio, da miña casa. O meu auténtico lar, que me acolleu no seu útero de pan e coiro, entre pegadas dos peregrinos do camiño francés, lendas de aforcados e fontes máxicas, durante máis da metade da miña vida. Que comparto co Alfonso, a señora Sofía, que adoptou parte da prole dos meus ghatos, coa mesma María Liñeira que me dicía as verbas de Cunqueiro: "ti chegaches a Compostela coma quen chega a unha miragre." E así foi: o barrio de San Pedro apertoume nos seus brazos de pedra e señoras en bata cando aínda non levantaba un metro do chan, e alí seguín até hoxe.
Este post está virando melancólico... Pero a tod@s nos custa deixar o niño. Hale, a voar...

6 comentários:

Indómita disse...

Xa escribiches as túas andanzas no encantado submundo de san pedro... agora comeza unha nova aventura con outras personaxes e lerias,... fai do franco a túa burbulla e todo será como ti queiras que sexa. Sorte no novo camiño ruliña, sorte no teu camiño

Jan disse...

Compostela é unha casa pequena, pensa que mudaches de andar, pero o resto das habitacións seguen non seu sitio, esperándote. Sorte in your own room, que escribas moito! Beiçinhos.

Jan disse...

Parabéns Nuria!!! Había tempo que non o pasabamos tan ben no teatro. Escachamos coa risa. Moitos que hai por aí tiñan que voltar a ver teatro afeccionado e recuperar a ilusión por subir ás táboas. Bicos!!!!

eue disse...

E se ese teatro é afeccionado... logo que pasa?, que "os outros" xa non lle teñen afección? Iso será...

Lúa Neghra disse...

Mil gracias ás dúas, Indómita e Jan! Xa sabedes o enderezo, cando queirades facer visitas, estarei encantada. E en canto ao teatro... profesional, afeccionado, cdg, fegatea, igaem, alternativo... Para min só hai un circuíto: @s que o aman. E penso que volos dous (eue e jan) sodes deses/as...

Anónimo disse...

I am really Glad i came across this blog.Added lua-neghra.blogspot.com to my bookmark!