23.4.06

Días de memoria


Hai 160 anos, en San Martiño Pinario, a estas horas máis ou menos, ía ao tacho unha revolución. Non sei que ten abril que é data de revolucións, de cambios, de darlle a volta ao mundo.
Neste día da memoria dos mártires non podo evitar lembrar a memoria da vitoria dunha voz sobre as ondas (puiden pegarme o gustazo de pinchala en directo o venres, e pregunteime que debeu de sentir a persoa que, un 25 de abril hai 32 anos, puxo este tema en antena). Vimos da viaxe, e todo nestes días lembra que o Miño non é unha fronteira (nin o Gêres /Xurés).
Mais non puidemos agardar ao 25: a viaxe tivo que ser no noso período vacacional, coincidindo co 14 (Porto-Coimbra-Lisboa), outro día revolucionario, abofé. Tamén é o día no que a miña madriña Reyes fai anos. O nome venlle de que os seus pais eran monárquicos dereitos, e iso de que a filla lles fose nacer un 14 de abril non lles gustara nadiña...
Outro Reyes que tiña ben pouco que ver coa monarquía foi o meu tío bisavó. Tiña 21 anos e era mariño. Acababa de casar e ía ser pai. Pero ía nun barco con bandeira republicana, e cando lle preguntaron se renegaba desa bandeira, el dixo que non. A miñabuela Marita, a de Ferrol, a nai da miña nai, aínda lembra. Memoria. Cando era pequena, foron a San Simón, onde el estaba preso, a falar de que ían buscar un avogado. Ela era pequena. Pero aínda lembra como atravesaban a ría de Vigo en barca, de volta de San Simón, e escoitou os tiros. Chamábase Reyes, pero era republicano. Mariño. 21 anos. Acababa de casar e ía ser pai.
Miña abuela tenlle moita querencia a Vigo, porque é onde pasou a súa infancia, naqueles anos macabros. Os irmáns esparexéranse en varias casas familiares, por Ferrol e Compostela, e a ela tocáralle Vigo. Pero non pode evitar pasalo mal cando atravesa Rande, cando pasamos pola Ría e mira San Simón. A memoria, é o que ten.

1 comentário:

eue disse...

Abril Sempre!
Mólame a nosa revolución de todos os días ;-)