19.1.07

Diei Irae

Non podo máis... Loito contra o tempo para asentar na miña cabeza conceptos que levaban sete anos mortos. O próximo día 22 (feliz aniversario, mamá!) enfróntome a Sallustius e a súa versión De Catilinae coniuratione. Tamén, ter que traducir a Caius Crispus neste día consagrado á festa... A isto engádese o feito de saber (xa o intuía, pero agora son consciente) que son miope. E ademais escollín o mellor día (vaia, eu non, a sanidade pública) para comprobalo: este mércores, o que significou ter as pupilas dilatadas polo líquido que me botaron ao longo dun día en que estivemos pendentes de Monte Pío (para rematar frustrad@s) e non parei de teclear e mirar para a pantalla. Xa o dicía a doutora, ben riquiña, por outra parte, (Soledad Pintos Peñaranda, será irmá de Mariluz?): "Buff, ordenadores... A primeira causa de miopía no século XXI". Pois vou dada...

Teño a cabeza a estourar de declinacións, infinitivos históricos e ablativos absolutos mentres tento aquelar a axenda de fin de semana e pór no seu sitio unha entrevista cun señor de Ordes, que me informou da impresionante exposición sobre Memoria Histórica que montaron alí. Descubro, polo camiño, que nacín o mesmo día que Foucellas: 22 de outubro. É curioso. Tamén Franz Listz, John Reed, Dámaso Alonso, Sarah Bernhardt, Catherine Deneuve e Joan Fontaine naceron ese día. De compositora non teño nadiña, por desgraza, pero fanme graza dous escritores e tres actrices. De guerrilleira non sei se teño moito, pero síndrome de Rebecca, un monte del. Que reviradiñ@s somos os que nacemos nese estraño límite entre balanzas e escorpións, cun pé rexido por Venus e outro por Marte. Amor e guerra, eros e thánatos.

7 comentários:

mariademallou disse...

sorte con sallustius!

eue disse...

Non podía ser doutro xeito, miña gherrilleira

A Raíña Vermella disse...

Acabo de sentirme como no instituto. Cando rematei 2º de BUP o único que pensaba era que non tería latín nunca máis... Aínda que agora penso que podería ter sido moi fermoso se a miña mestra non se empeñara en facermo aborrecer...

Lúa Neghra disse...

Eu aínda durei un aniño máis, no 3º de letras puras... En COU xa preferín grego. Si que é certo que a docencia das linguas crea auténticas aversións. E non só co latín... Por certo, penso que saiu bastante pasable... A ver cando saen as notas! Dios, hai anos que non sentía estes nervios!

A rapaza do arco disse...

A verdade é que a min o latín gustábame, supoño que todo está no profesor/a que che toque. De todos xeitos o máis flipante foi a lectura que entraba en selectividade coa asignatura de latín o meu ano: "O asno de ouro", un libro que trata fundamentalmente de prácticas de zoofilia, en serio.

Sorte cos resultados :)

Anónimo disse...

I am really Glad i came across this site.Added lua-neghra.blogspot.com to my bookmark!

Anónimo disse...

I'm Glad i discovered this web site.Added lua-neghra.blogspot.com to my bookmark!