14.2.07

Día de amor cecais...

Non comungo cunha festa cristiá que enxalza o amor monógamo, heterosexual e politicamente correcto, que nos fai consumir coma greas produtos de luxo que lle custan a saúde ou a vida á xente que naceu na parte do mundo que a outra parte expoliamos. Pero hoxe, igual que hai un ano, mamá non deixa de alegrarme o día.

Pero andamos a outra cousa. A transcribir as palabras salgadas da xente que hai trinta anos defendía a súa terra, con paraugas, con carraxe. Quero ir máis alá do mito, pensar no día de hoxe, pensar porque seguimos sendo a comunidade que bota ao aire un TERZO das emisións de dióxido de xofre no Estado. Levo unha semana coa inquedanza fervendo no sangue. Aínda bebo información de boa fonte que a fai ferver máis forte: "O sector industrial galego, cativo e desartellado, e nalgúns casos altamente contaminante, xunto cunha permisividade lexislativa que lembra máis aos países do Terceiro Mundo que aos da CEE (daquela), é causa e orixe de que os galegos teñamos que soportar un grao de contaminación que nos acerca aos países industrializados de Europa, cando de ningunha maneira podemos compararnos noutros aspectos (nivel de vida, sector industrial, etc.). As indústrias que veñen instalarse á Galiza fan tan só algunhas das fases dos procesos de produción, e curiosamente as fases máis contaminantes". Así escribía Ramón Varela n'A Nosa Historia, decenario publicado por A Nosa terra no 1980, nun artigo titulado "A contaminación industrial". Tamén o podemos escoitar aquí:

Poñía como exemplo a pasta de papel fabricada en Pontevedra, "que se exporta porque o proceso de elaboración de cartón, papel, etc., é moito máis limpo". Lembro o día en que fixen 22 anos (cando eu traballaba, precisamente, no "prestixioso semanario") porque os administrativos de Ence tomaran por asalto un pleno no Teatro Principal de Pontevedra. Aínda teño a cinta no que se escoita aos que estaban na porta (a policía non me deixara entrar por non estar acreditada) asegurando que se nos quitaban celulosas, Pontevedra había morrer de fame. "E o delito ecolóxico e de saúde que cometen?", preguntei. "Boh, aquí hai dous cancros e en seguida lle botan a culpa a Celulosas" (!!!). Ogallá fosen só dous cancros, meus. Un día hei subir a entrevista en mp3...
Somos unha grea: convéncennos de que para comer e vivir temos que defender un posto de traballo nunha industria que mata o noso ecosistema e a nós e nolo cremos. O que máis graza me fixo aquel día é que aquela xente que se manifestaba eran persoal administrativo, á que tanto lle tiña se a fábrica estaba en Lourizán ou non. Non eran traballadores dos de DENTRO do monstro, deses que morren cando hai fugas de cloro e así. Algo cheira a podre...

11 comentários:

A Raíña Vermella disse...

O problema, ao meu entender, é a falta de sentido crítico que se promove, a completa incapacidade para informarse, meditar e chegar a unha conclusión propia. Semella que todo ten que vir masticado e dixerido, como se a xente fose parva e non soubera pensar por si mesma. O que ocorre é que non temos hábito.
P.D: a min tampouco che me gusta nadiña esa definición do amor monógamo,heterosexual, restrictivo e estereotipado que se nos vende, como se só houbese un xeito de amar e fose, que casualidade, para todos igual. Ás veces semella que as relacións "de parella" son como un prato precociñado.

Anónimo disse...

Estou de acordo, viva a amor libremente escollido cada día!!

Sobre Ence normal que non queiran movelo, paghan unha miseria polo terreo, o mesmo que cando o alquilaron por primeira ves, así que un cancro máis ou menos... porque iso do ecosistema é un invento masón e comunista pra levarnos a todos á anarquía!! Sube a entrevista se podes, oh!(Exclamación galega que ven a dicir; "por favor se foras tan amable..")
E que ben que volten as Encrobas a pedir contas pois só hai que darse unha volta por alí para sentir medio cancro...
Moi bó o post!!

bouzafria disse...

Sobre ENCE eu flipo co comportamento dun sindicato: non me estrana que a valoración das centrais sindicais nos inquéritos esté polo chan.
Había unha preciosa canción de Fuxan os Ventos sobre As Encrobas, gostariame recuperala. Teño a lonxana idea que o autor era Manuel María pero non apostaría por elo.

Lúa Neghra disse...

Certo, Bouzafría, Manuel María. Temos a letra en Vieiros. Por certo... "Que bonito está Vieiros hoxe!" ;) Quería poñela tamén en mp3, pero non me deu tempo. Había tanto material... Foi precioso saber que a señora Francisca se emocionou cando lle leron a entrevista.
A ver cando atopo esa conversa cos de Ence, Fontiala. É difícil obter datos sobre as consecuencias da merda que botan ao aire e a auga, porque teñen Pontevedra mercada (hospitais, persoas, medios, todo), pero aí lle andamos. Hai xente que non ten medo de falar claro, afortunadamente. Por serto, felís antruido e felís Taíña ;)
Estou coa raíña vermella: amor libre, ideas libres

Anónimo disse...

Pois si que tiañen a xente mercada na tiarra do Lerez. A miña prima (tián aghora 6 anos) marchou con tres anos da Fontiala pra alí e ao pouco tempo dectectáronlle asma e "alerxias". Antídoto que lle deu a médica; "fuxir de alí a onde poda". Tudo tián amaño, nun ié? Ié mui cultural o de botarnos fóra...

...hai mulleres que luitan toda a vida, isas son as imprescindibles!

Lúa Neghra disse...

Aí estamos, que faltiña facía feminizar a frase de Brecht! :) Si que é moi cultural o de "se non che gusta, marcha". Así lles fixeron tamén nas Encrobas, pero pola forza. A seguir loitando ;)

Caufield disse...

moi bo, lembroume as historias que escoitaba en casa de pequeniña, cando contaban que se ían bañar na Ría, um, e eu soñaba con poder facelo un día e con que aparecese un xigante e pisara aquela fábrica para que desaparecera aquel cheiro cando íamos de visita por alí.
Agora creo que só me queda seguir crendo en xigantes
e pode que digas que o teu non son as ccdacomunicación pero comunicas e transmites de marabilla!un gran descubrimento este blog!saúdos!

Lúa Neghra disse...

Ei, graciñas, caufield! Hei mirar eu eses catro blogs que tes ti ;) Xornalista tamén? Da Boa Vila? Eu exactamente non, nacín en Poio, cara a cara co becho e os seus fumes... Sigue a crer en xigantes, e en fadas, e en fontes máxicas. Eu creo :) Nas utopías tamén. Crer nas cousas é o que dá gana de loitar. Alimenta a ese xigante ;)

Caufield disse...

:) Intentareino logo, xornalista?proxecto de me parece aínda! :D son de Cangas pero pasei/paso bastante tempo por Pontevedra, que bonita é!De Poio pouco coñezo, só o chiste ese de ¿cal é a única ponte que son ten apoio por un lado? A Ponte da Barca. Si, é ben malo xD unha aperta e a seguir! ;)

Lúa Neghra disse...

Dios, que horror... Toda a vida levo aturando ese chistiño. Pois de aí o Morrazo hai pouquiña distancia. Moito ánimo, Caufield. Os/as xornalistas sempre somos "proxecto de", nunca estamos acabad@s de facer :)

Caufield disse...

xDDD
sinto o do chiste, sempre igual, non podo evitalo ;)
ando de volta polo Morrazo, imos dar unha voltiña, a ver se está o mar cambiado! :D