5.11.07

Día tolo!

Hai días que parecen vinte pola cantidade de cousas que conteñen. Logo de loitar contra os elementos toda a infinita xornada, podo ver o resultado do noso traballo realizado, e síntome como se dese a luz. Botei moito de menos estes días a Ian e á súa enorme paciencia para ser quen de coordinarnos sen perder os nervios nesta ardua empresa que pesaba como unha espada de Damocles sobre as nosas cabezas todos os novembros. Pero xa está. Conseguímolo. Parir debe ser algo parecido: cando lle ves a cara ao fillo, esqueces todos os traballos.
E como sempre, vinte tarefas pendentes e moi pouco tempo: matricularse de novo no TIT (esta ten que ser a boa), recoller, deixalo todo ben aquelado, marchar, chegar... Parece que a cousa vai de tangos, todos soan a bandoneón polo blogomillo adiante, e a min estes días hai un que me soa con especial intensidade na cabeza...
Estaba por contestarlle a Zerovacas con outros oito tangos, pero tampouco estou tan posta no tema, malia telos mamado a esgalla grazas á paixón do meu abuelo e nai por eles. Así que voulle responder ao convite de Antuán (escachei coa risa mirando as túas, por certo). Oito cousas... Mmmm (agora entendo por qué lles chaman memes). Pois bótome de cabeza ao multimedia, e como xa escribín bastante, vou meter vídeos. Oito xoias das artes escénicas, musicais ou fílmicas que contaxian emocións. Deleitaivos:
1. Le Sacré du Printemps, de Igor Stravinski, por Pina Bausch. Stravinski en si e esta obra máis en concreto foron unha completa transgresión para a música no seu tempo. Esta brutal coreografía aínda multiplica o efecto:


2. Jimmi Hendrix en Woodstock: o mellor guitarrista do mundo está rematando 'Purple Haze' e, de repente, convértese nun animal eléctrico, instintivo, visceral...


3. Singin' in the rain. Si, que pasa, gústanme os musicais! Polo menos, esa cariña de Gene Kelly (que por certo, é o meu abuelo de Ferrol en campaña, si, o dos tangos) cantando debaixo da choiva fai sorrir á persoa máis deprimida do mundo.


4. Máis películas: último e precioso plano de Cinema Paradiso, cando o protagonista descobre unha fita que lle deixou Alfredo, con todas as escenas "cortadas" durante anos. O cine dentro do cine.


5. Non é vídeo propiamente, só unha sucesión de imaxes con son. Descubriuma Jan hai un ano e hai un par de semanas tiven o pracer de escoitala en directo. Pero poucas versións hai como esta de Ella Fitsgerald e Louis Armstrong:


6. Outra señora impresionante: Billie Holiday. Lady Day. Unha canción tristísima (estiven a piques de poñer estoutra, pero impresionoume moitísimo My man). Cando di 'He beats me too', sabe do que fala. É terrible:


7. Final do II Acto da Traviata. Violetta despídese de Alfredo.


8. Xa? Quédame curto... Pois nada, rematamos como cómpre... The End.


Teño que facer oito encargas, tamén? Van ser moitas... Seguro que as hai repetidas, pero van para Jan, Eue (dende hoxe na distancia), Sun Iou Miou, A Fontiala, Dreeu, a ver se revives ;), Ictio e... Pándigo, estréate nisto das memes, que morro de curiosidade de saber que oito cousas podes escoller... Ala, xa fixen os deberes.

8 comentários:

ictioscopio disse...

Boa sorte na "chegada", mirar pola xanela cada venres xa non vai ser o mesmo :)
moitos bicos, e o do meme.... a mirar, que eu non son muito de memes, e o último que me encargaron zafeino, ou case.
que sanmartiño che dea sorte nesta nova xeira ;)

Sun Iou Miou disse...

Voute amolar, lúa, mais xa dixen por ai noutra parte que non acepto desafíos: teño alerxia ás listas (sentido amplo da palabra) e négome (por preguiza e principios) a comprimir a miña vida. Á parte, a miña inestabilidade constante lévame decontino a odiar o que unha vez amei. Paso.

Mario disse...

Eu tamén gosto de Gene Kelly nese filme!!! ´Volvíno ver hai un par de anos (a última vez fora de pequeno) e gustoume aínda máis.

torredebabel disse...

fermoso meme pero hoxe chego aquí cunha morriña adiantada. Vouche botar de menos, mesmo ao lonxe. E farei que non se note vindo mais seguido por aquí e, se cadra, mandando crónicas tamen aqui para non deixar de molestar!!!! ;-))
En serio, foi unha ledicia e para min es unha amiga mais. Apertas moitas moitas!

Anónimo disse...

Lúa foi un pracer parir ese fillo, como todos os anos.
Estupendo o meme, emocionante, e moi musical como non podía ser menos.
Un bico e unha apreta moi, moi forte.

Zerovacas disse...

Que tal as cousas por Vigo? Espero que deixaras a mesa arrombada para mañá!! e a cadeira que non está rota!! ;)

Lúa Neghra disse...

Ei, que non marcho tan lonxe! Estou no Preguntoiro, e aínda teño que ir recoller algunhas trapalladas que deixei por alá (ademais da cantidade infame de trangalladas que hai no ordenador). A ver se vos podo facer unha visita. Bótovos de menos...

ictioscopio disse...

meme pagho aquí
;)