12.1.08

Días de relectura




Ao fío dunha efeméride, logo de cumprir moi polo aire coas esixencias laborais, releo O Segundo Sexo, de Simone de Beauvoir. Ao longo destes días escoitei (e tomei parte) en varios debates sobre as diversas posicións feministas, e penso que cómpre reler, ler entre liñas, ler por detrás do texto e mesmo ler o texto non escrito antes de emitir xuízos.

Hai unha serie de contraposicións que non acabo de ver xustificadas: feminismo da igualdade versus feminismo da diferenza, racionalismo versus experiencia da vida... A única que eu lle atopo clara ao texto é existencialismo / esencialismo. A postura é evidente, rexéitase toda inmanencia, os suxeitos somos responsábeis dos nosos actos. É o noso devir, a nosa transcendencia, o que nos sitúa no mundo. O interesante precisamente de De Beauvoir é que non é doutrinaria en absoluto, pon a cuestión sobre a mesa, faina visíbel, pero non dita sentenza. Emprega a moral existencialista, pero observa que as mulleres carrexamos un pasado histórico e vivimos nun contexto que nos oprime. Compáranos co proletariado, pero vai moito máis alá do emancipacionismo como solución. Hai quen a critica por asumir que os valores masculinos son os positivos e as mulleres deben acadar ese estadio de dominio, ou quen fai unha lectura simplificada de máis das súas teses sobre a maternidade, pero interpreto que vai moito máis alá. A liberdade, pero liberdade colectivizada, para todas e todos. Non sei se é que o miro todo polo meu prisma, digamos, anarcofeminista (aínda que me custa pórlle nome ao meu pensamento), ou que. Cada un(ha) conta a feira segundo lle vai nela, e cada un(ha) le cos seus ollos. O bonito disto dos blogs é que me permite dialogar co mundo, así que o debate queda aberto :)

Sem comentários: