16.12.08

Queridos Reis Magos...

... quero carbón.

Andei estes días detrás da pista do Apalpador, ese ser mitolóxico da montaña luguesa que, polo solsticio, lles apalpa a barriga aos cativos para ver se están ben mantidos e lles deixa castañas. É carboeiro, coma o Olentzero vasco. En Cataluña teñen o Tió, un toriño de madeira que "caga" os agasallos, e pola costa cantábrica tamén existe o costume do Esteru, que é leñador. Faime graza que os Reis Magos, esa figura creada polo cristianismo para cargarse este tipo de tradicións pagás, traen carbón se nos portamos mal. Un xeito nada sutil de dicirnos que, de non comportármonos como se agarda de nós, merecemos un castigo: unha icona da tradición popular, rural, connotada positivamente para os cativos que pasan frío e fame. Que se nos portamos ben, agasallos caros e que saen pola tele, e se nos portamos mal, o agasallo dos pobriños pailáns.

Quero carbón este ano. Porteime fatal.

Carbón para Mike

Contáronme que en Ohio,
a comezos do século,
vivía en Bidwell unha muller,
Mary McCoy, viúva dun gardavía
chamado Mike McCoy, en plena miseria.

Pero cada noite, dende os trens enxordecedores da Wheeling Railroad,
os gardafreos guindaban un anaco de carbón
por riba do valo da leira das patacas
berrando ao pasaren coa voz rouca:
"Para Mike!"

E cada noite, cando o anaco de carbón para Mike
petaba na parede posterior da chabola,
a vella erguíase, poñía,
adurmiñada, a saia, e gardaba o anaco de carbón,
agasallo dos gardafreos a Mike, morto
pero non esquecido.

Erguíase tan cedo, e agochaba
os seus agasallos aos ollos da xente,
para que os gardafreos non tivesen dificultades
coa Wheeling Railroad.

Este poema está dedicado aos compañerios do guardafreos McCoy
(morto por ter os pulmóns febles de máis
nos trens carboeiros de Ohio)
en sinal de solidariedade.

Bertolt Brecht

4 comentários:

Sun Iou Miou disse...

O carbón se é de queimar dá para quecer o corpo, se é doce, para agarimar o espírito: sempre é bo.

Unknown disse...

este poema é unha pasada. foi o último que me fixo chorar.

dicía brecht que sempre pensara que non había que darlle moitas voltas ao tarro para escribir.

Que con dicir o que pasa debería chegar.

Lúa Neghra disse...

"Eu sempre pensei que as palabras máis sinxelas deberían ser máis que suficientes. Con dicir o que pasa, a calquera se lle tería que romper o corazón".

Por certo... as actas do FBI sobre Bertolt Brecht. As palabras máis sinxelas son as máis perigosas, "dicir a verdade é revolucionario", dicía Gramsci. No xuízo contra el, no 1928, o fiscal Michele Isgró afirmou "debemos impedir que este cerebro pense durante 20 anos".

LM disse...

secundo o leo...
beijos