27.1.09

Días vermellos

Esta non é unha loita polo "dereito a amar", é unha protesta contra a prisión moral, mesmo a do sentimento exteriormente máis libre. Esta é a rebelión das mulleres da nosa época de transición que aínda non aprenderon a harmonizar a liberdade interior e a independencia coa paixón do amor que todo o devora.
(...) a nova muller que se liberou da servidume do amor érguese en toda a súa estatura, gozosa e orgullosamente. "A servidume mental chegou á súa fin", alédase a heroína de Kredo despois de convencerse de que xa lle pasou a intoxicación da paixón. "Fóra as penas e a excitación e adeus ao medo, agora é libre e o seu corazón deixou de sufrir, pois Viktor, a quen amara, desapareceu da súa alma case sen se decatar". (...)
Liberación da prisión dos pensamentos estraños, liberación dos pesares e dores, estes "agudos e mordaces abrollos dos bicos", ser de novo unha mesma e atoparse con unha! Que ledicia para a muller que se sente un individuo e que sentimento incomprensible e totalmente descoñecido para a muller do pasado!


KOLLONTAI, Alexandra: "A nova muller", en Novaya moral' i rabochii klass (A nova moral e a clase traballadora), Moscova, 1918

Podémola ler na colección "As letras das mulleres", que coeditan Sotelo Blanco e o Servizo Galego de Igualdade, en tradución de Fe González, ou no Marxists Internet Archive (en inglés).

2 comentários:

Mario disse...

Xa lle botaremos un ollo, aínda que eu sigo a ver o verdadeiro problema nesa formulación do problema. A idea do amor "que todo o devora" provén do mesmo macrorrelato romántico do que proveñen os contos de príncipes e princesas cos que tan ben nos domesticaron durante séculos. Por iso non me parece que o obxectivo sexa harmonizar os dous elementos, senón destruír e reconstruír o elemento amor, despoxándoo dos seus atributos burgueses.

O "todo por amor" da construción patriarcal burguesa conserva as súas propias limitacións (todo salvo arriscar a honra, practicar a bigamia, ou fuxir da dependencia perpetua). É posíbel un "todo por amor" feminista e revolucionario. Todo salvo o sometemento, a discriminación, a inequidade e a escravitude. Segue a ser unha construción artificial, pero polo menos esta renega desa estirpe. O resto é caer nas oposicións razón vs paixón feminina, que non deixan de ser outro instrumento sutil do patriarcado para o sometemento e a disidencia.

Xa o pensei lendo a Said, e reafírmome, hai que escribir "O romanticismo como instrumento do Imperio".

Como vai o proxecto gato 3.0?

Lúa Neghra disse...

Interesantísima achega, Mario, aínda lle dá unha voltiña. Ao final non se trata de renegar do amor, senón de repensalo. Temos ese café pendente...

En canto ao proxecto micho, a Catuxa nótolle a barriga un migallo máis grande, pero igual son cousas miñas...