Segundo o astrólogo Stefan Nitschke, A Lúa Negra, tamén chamada Lilith, non é un planeta, senón un punto sensíbel que se pode identificar mediante determinados cálculos: observando a órbita elíptica da lúa arredor da Terra, e o eixo que forman os dous puntos máis afastados da Terra na elipse, a lúa negra estaría, nese eixo, no punto que se atopa á mesma distancia da Terra que do centro da elipse. Tarda uns nove anos en darlle a volta completa aos doce signos.

Por que se escolleu a Lilith para nomear este punto inmaterial e escuro do ceo? Foi a primeira muller de Adán, antes ca Eva, segundo a literatura rabínica e a Cábala (e foi feita de barro coma Adán, non a partir de ningunha costela), pero fuxiu do paraíso por non se querer someter a el, e cando mandaron anxiños ao Mar Vermello para pedirlle que volvese ao Edén, ela negouse. Foi castigada a parir nenos mortos. A tradición (babilónica e asiria) presentábaa coma unha deusa do mal, unha deidade feminina demoníaca, un súcubo.

A lúa negra aínda é un territorio escuro para a astronomía e a astroloxía, polos contidos negativos que se lle atribúen, relacionados coa tebra, coa apocalipse. É algo así coma a sombra da lúa, igual que Lilith é a sombra da "femininidade": se se identificaba o home co sol e a muller coa lúa, Lilith non ten xénero, ten que ver co que se rebela ás leis, coa sombra, co oculto e o non visible. De aí que Lilith se convertese tamén nunha icona feminista e das reivindicacións LGTB.
Hala, aí queda.
1 comentário:
É fantástica a explicación. Non sabía da orixe da túa tatuaxe. Eu tamén teño por veces a sensación de ter algo moi claro pero non sei como explicalo se non me sento a escribilo. Ciencias da comunicación ou socioloxía do coñecemento, lingüística ou filoloxía... Chámeselle como se lle chame é o noso!
Enviar um comentário