8.11.05

Día intermináaaaaaaaaabel

Hoxe empezou hai moito e non dá rematado. Vou postear, digho eu, a ver se o tempo pasa máis rápido. É un día dos que duran anos. Comezou coa mala hostia de todos os días cando soa o espertador, ou os espertadores, habería que dicir (o móbil dá os tres ou catro primeiros avisos, e, como último recurso, o clásico cacharro de todo a cen a pilas con pito estridente avisa de que son as 8:20, a miña última oportunidade). Ao meu carón, Ø segue perdido polas fonduras do sono. Despois do susto fílmico de onte no Teatro Principal non me estrañaría que acordase sobresaltado con medo a que o ataque.
Despois da ducha ás escuras (tres semanas sen cambiar un portabombillas é preguiza e o demais son coñas), da mandarina que devoro á vez que ato os amallós dos zapatos, me peiteo e organizo mentalmente o día e dos bicos de despedida, saio á rúa. Chego tarde, coma sempre, e polo camiño atopo a un aduaneiro que non tarda en amosarme un tesouro, unha fábrica de maxia que conseguiron entre el e outra virtuosa da virtualidade.
Entusiasmada co que pode ser o comezo dunha bonita amizade editorialiterariocibernética, póñome en contacto co Gato Negro, que se emociona tanto coma min e se pon a espallar o nome da factoría de letras polo mundo.
Oito horas de tecleo compulsivo, sen o descanso cafeinómano de todos os días. Chove a bataghóns, que dirían en Matamá, e ver ao pobre Cesare entrar enchoupado co café en vaso de plástico quita a gana de saír ao mundo exterior. Á tarde segue chovendo, a amadora de Vermeer e máis eu solucionamos cuestións de intendencia, e o tecleo compulsivo continúa.
Saio, baixo 43-18... 25 números, e dentro da miña outra caverna sigo a teclear. E despois dunha xuntanza frustrada, desas das que todo o mundo foi avisad@ de que se cambiaba a data agás eu mesma (polo menos falo co señor do bar durante dez minutos sobre a lei do tabaco), chego á caverna, onde aínda tecleo compulsivamente durante outra hora. Día intermináaaaabel... Levo doce horas parindo letras cos dedos. Mellor vou durmir...

4 comentários:

Jan disse...

Eu ainda non me repuxen do susto, cheghamos a casa o Xeógrafo e mais eu secando ainda os suores fríos, ainda con todo ghustouno a peli, bastante impactante e os dous personaxes están soberbios.

Fermosa expresion..."parindo letras"...

Anónimo disse...

Ola Lúa Neghra,

Onte venres-sábado intercambiamos poucas palabras ás tantas. Tiñas unha 1/2 lúa neghra... non foi complicado atopala. Logo as cousas seguiron o seu xeito, sen máis. Agardo non romper equilibrios pois sería sen motivo.

Cando me vexa, fáleme.

Cesare disse...

Mire... se é pola lámpada, miro de levarlle unha que teño na casa...

Lua Neghra disse...

Non é pola lámpada, Cesare, é algho máis complicado: como xa enfaticei varias veces, na caverna a instalación eléctrica está fatal, e ademais da lámpada e o portalámpadas tería que facer un apaño nos cables... Demasiada preguiza. Remato por ducharme a escuras. Pero graciñas pola oferta. :)