3.11.06

Día de paz... Por fin!

Non o podo crer. Rematou outubro. A muda de pel, a muda de casa, a muda de tantas cousas... Teño unhas maniotas que non podo con elas, ademais de feridas e negróns varios, pola carga, descarga e transporte dos meus efectos persoais dun lugar a outro. Paso de ver aos peregrinos que entraban polo Camiño Francés, coa Catedral como guieiro, a orientar aos que non se conforman co Camiño cristianizado, e fan a viaxe de verdade, ata a Fin da Terra. Do Medio á Poza. Estou tan feliz que non o acabo de crer.
Sobrevivimos á mudanza, sobrevivimos a tantas cousas... Na última semana vivín o desgaste físico e intelectual máis "jevi" da vida. Levaba moito acumulado, tamén. Coa de veces que teño montado e desmontado escenografías, a verdade é que a mudanza non debía significar nada. Pero o caso é que xa foi, xa pasou, xa están miles de libros, de cedés, de pezas de roupa e de cacharros de cociña onde teñen que estar, xa está na Rede o que ten que estar, e xa debe estar na UXA, tamén a matrícula que máis rapidamente resolvín na vida: unha hora e media entre teclear sinopses de filmes de Ghobadi e Kaurismaki abondou. Xa podo respirar...

Comezou novembro, un Samaín novo que se anuncia tranquilo. Só queda baleirar caixas, ordenar as cousas, e ordenar a vida. Estou como o Ghandoi, que anda flipado pola nova casa investigándoo todo, cheirándoo todo (rastros de Ulises, se cadra), e gozando do novo espazo por percorrer. Xa mudei a pel, como un verme na crisálida. Agora que temos cadanseu cuarto propio dentro dun espazo común, volvo ter a mesma sensación de hai case un ano. A ver que me inspira esta casa que Cesare deixou cargada de boas vibracións... De momento, o impresionante escritorio que seica saíu dun barco aportado e Mugardos xa incita abondo.

4 comentários:

Indómita disse...

Cando máis desesperados estamos, aparece esa man que nos saca do pozo... unha man en forma de miles de cousas... cecais un fogar novo, cecais alguén en quen se apoiar, cecais un mañá máis alentador...
Segue na brecha, loitadora, segue na procura dos teus soños.
Botándote a faltar, moitos bicos

Pintega disse...

Vaia, a vez anterior cambiamos á vez de casa, pero desta volta a min aínda me dura :-D
Como diría a miña avoa, que sexa para ben!

Lúa Neghra disse...

Todo é para ben! A vida non para de darme sorpresas nos últimos tempos. Levo un aniño de cambios... Indómita, sigue a loitar ti tamém. A ver cando lle tomamos algho! ;) Ídem, Píntega, xa podedes ir facendo unha visita...

Anónimo disse...

I am really Glad i discovered this website.Added lua-neghra.blogspot.com to my bookmark!