21.4.07

Días armados:

Xa sei que non é xeito de postear así, nunha fermosa mañá de sábado primaveral, pero é inevitable: o luns quedamos pampos cando escoitamos a nova do masacre na redacción. Horas despois volvín quedar pampa na casa cando vin que a cifra de vítimas case se duplicara. Ao día seguinte aínda lle damos voltas ao tema: o país con maior taxa de mortalidade por armas de lume, o que máis armas vende tanto dentro como fóra das súas fronteiras, ergueuse estarrecido polo masacre. E aínda vén a ANR dicindo que se o alumnado da Universidade Politécnica de Virxinia estivese armado, como corresponde a cidadáns que miran pola súa seguridade, non tería pasado tal masacre porque se terían defendido. A lóxica do país que soluciona os problemas con inxeccións letais, guerras preventivas ou torturas en Guantánamo, a de "morto o can, acabou a rabia". Pero a rabia é moito máis fonda. Ten que ver co poder, ou coas ansias de poder. E sigo quedando pampa cando, para ilustrar a nova, busco no flickr (por aquilo dos dereitos) algunha fotografía ilustrativa. Dou cunha chea de usuarios que teñen armas nas súas casas, e, orgullosos delas, exhíbenas ao mundo dende o seu espazo virtual. Escollo unha en que o rifle está pousado nun mantel ou cobertor de flores. O paradoxo posto sobre a mesa: a normalización, ou domesticación, do masacre. Un terzo dos fogares con armas na casa. Quedo pampa.

Outro episodio de violencia menos drástico, pero ben máis próximo, tivo lugar hai unha semana. Un sábado de abril ben bonito, o barrio cheo de vida, ensaio da coral polifónica kolhoseira a tarde para ese tributo que queren gravar, e remata o día do mellor xeito posible: kolhós, churrasco e República (14 de abril)! Unhas horas máis tarde, resolta a marchar para a casa, a barbarie estoura na praza: un individuo chama "sudacas de mierda" a outros, e convoca a berros aos "españoles" a unha cruzada contra a inmigración. Intervimos e o interfecto ameaza: "Que tengo una 9 milímetros aquí detrás!" A poeta das ortigas e máis eu retrucamos, case ao tempo (púxonolo a "güevo", francamente): "Que che mide 9 milímetros o que?" Ter non tiña nada, á parte de farlopa a cen por hora por todas as arterias e algún transtorno psicótico, pero o caso é que choven hostias, retíranlle unha botella que ten na man antes de que se lle ocorra escacharlla a alguén na cara, e reparo no sangue que lle escoa pola caluga. Chamo a unha ambulancia mentres tentamos manter ao ghicho tranquilo, e finalmente mándana (primeiro os coches da policía, a ambulancia despois, sonche a hostia). Intervén aínda outro rapaz, "dejarme a mí, que soy militar!", "carallo, o que nos faltaba para a festa", penso. E deixamos alí ás forzas da orde pública, ao lexionario orgulloso de selo falando con eles e dando o seu diagnóstico da situación, e máis ao xenófobo endinado con 9 milímetros ficticia, e cada moucho ao seu penedo (uns mouchos para a casa e outros para o Maycar, vaia). Sigo quedando pampa. Hai un ano ataques homófobos, e agora este tipo que vén evidentemente a buscar liorta no sitio indicado, onde sabe que as súas palabras doen. Por que violencia gratuíta? Que lles (nos) pasa? Que ansia de poder se agocha tras do exercicio da violencia? Exercicio lexitimado, ás veces: que sensación ten o militar cando afirma que el ten potestade para solucionar o problema e falar coa outra forza pública, e aparta ao resto dos presentes? Que tería pasado se isto chega a ser Virxinia e a nove milímetros non fose unha fantasmada, senón real? Sen ser tan extremista, que tería pasado de seguir chovendo hostias, de non quitarlle a botella da man, de non reparar en que hai sangue enchoupando o asunto?

3 comentários:

Anónimo disse...

Eche así nena. Se miramos pra nosa xente máis próxima as veces parece q este mundo é maravilloso, pero a pouco que mires pouco + alá... Este mundo ta judido. Non, se teñen razóns algúns adolescentes pra estar todo o día deprimidos, escribindo poemas existencialistas, indo un día ó insti cunha metralleta... Eche unha pescadilla.

Anónimo disse...

A cousa está moito máis jodida do que se pensa. Tódalas fins de semana grupos de chavales líanse a hostias, navalladas, golpes, etc, por calquera motivo aparente ou non: miroume mal, mirou pra miña moza, chocou comigo nunha disco que hai 10000 persoas... E que a violencia gusta. E a moitos máis dos que pensamos...

Anónimo disse...

Supoño que a violencia forma parte do cotiá. O sangue, os golpes, as armas son os postres dos nosos xantares cos telexornais...Moitos pensan que a violencia é un vídeoxogo, o que pasa que na vida real o game over é moi diferente.