11.6.07

Días no sagrado (ou fóra):

Xa non sei que facer co tempo dende que non teño a obriga de ler. Ou si que sei, pero aínda non saín do aturullamento post-Día X. Seguir lendo, e seguir escribindo, iso sobre todo. Xa teño o ánimo polas nubes dende que unha voz amiga dende Barcelona gabou algo que fixen con certo cariño. Xa estiven na mesma illa onde estivo Reyes Yáñez Pérez, un mariño ferrolán de 21 anos, de quen teño unha foto na carteira e algún xen na cadea do ADN, que morreu no Val por dicir un "NON", hai setenta anos. Contra o cardume sobrecolleume, en parte, por non poder deixar de pensar en se o (real) protagonista, Urbano Rodríguez Moledo, puido ter coincidido con Reyes. O seu crime fora escribir unha obra de teatro. De certo, as palabras (un "non" de viva voz, unha obra literaria), poden ser ben perigosas.

Por iso, aínda que houbese reaccións negativas a certo discurso, eu SI creo na revolución da escrita. Gústame crer, que lle vou facer. Gústanme a utopía, a inocencia e o soño. Se non crese, estaría morta. Voulle retrucar un pouco ao meigo que me leu a man a certas horas da madrugada (sempre dende o cariño). Pesoume que unha novela fose, se cadra e para algúns, perigosa de máis, como para non gañar, pero non teño dúbida de que o resultado foi o xusto. Foi un descubrimento, unha sorpresa e un pracer coñecer á autora da novela misteriosamente anónima (como a outra ducia delas que houben de ler) que resucitou por un momento a Marita, ás súas compañeiras de mesa de braseiro, ao Reyes que recibiu o disparo co sorriso e A Internacional no bico, e ao meu "cardume" particular, a ese banco de peixes do que formo parte. Ora ben, NECESITO saber quen mira as cousas "dende a porta" para darlle os parabéns polo seu valor (prometo non dicir ren) e desexarlle de corazón a mellor sorte, porque a merece.

Pesoume tamén que non se crea certo discurso como verdadeiro, auténtico, se cadra, por mor do corpo e da voz dos que sae. A palabra é perigosa. Cando sae de certas voces que xa temos marcadas, etiquetadas, catalogadas, aínda molesta máis. Tento mirar dende a distancia, por aquilo do rigor, pero non podo evitar pensar que se o discurso tivese outro corpo e outra cara non tentariamos relacionalo cun comportamento ou buscarlle a volta.

E aínda a última hora da noite comprobei como de perigosa é a palabra: logo da romaría a cargo deste artesán da música, aínda houbo noite de furancho e revolução a catro voces, xa totalmente fóra do sacro. Pero o meu non saber estar, o meu non saber aturar as palabras dalgunha toupa do fascio que anda ao axexo onde sabe que molesta, o meu non ser consciente de que son unha urbanita coa cabeza chea de utopías, e que nas aldeas hai certas cousas das que non se pode falar alto, por medo a represalias, case leva á crise. Fixeron falta moitos quilómetros entre a toupa en cuestión e máis eu. Xa de volta na casa, dous días despois, aínda me afogan o peito as palabras que non puideron saír.

3 comentários:

meigo disse...

No me recuerdes el mar,
que la pena negra, brota
en las tierras de aceituna
bajo el rumor de las hojas

***********************

La luna vino a la fragua
con su polisón de nardos.
El niño la mira, mira.
El niño la está mirando.


Utopía, Inocencia e Soño. Claro que si. Eu tamén creo na Revolución da Escrita. Tamén na Revolución da Oralidade e sobre todo na Revolución da Xestualidade.

Pero todos somos un saco de prexuízos e non che quito a razón en que a voz, o aspecto e os precedentes condicionaron a miña opinión. Coa segunda lectura, na casa, sen condicionantes, sigo pensando que o texto é feble. Sabes por que? Pola perspectiva.

Tamén eu me pregunto a quen se albiscaría desde a porta, lúa. Sexa quen sexa, felicidades.

Lúa Neghra disse...

En el cielo de la copla
asoma la luna negra
sobre las nubes moradas.

Y en el suelo de la copla
hay unos yunques negros que aguardan
poner al rojo la luna.

Como estás aí ao quite!!! Non perdes detalle! Xa sei quen mira as cousas dende a porta, pero vou ser discreta. Cando che pase esa cantidade inxente de fotos túas de San Simón, dígocho. :)

Anónimo disse...

I am really Glad i found this web site.Added lua-neghra.blogspot.com to my bookmark!