14.7.07

Días quentes

Quentura da febre traída directa dende o Entrimo. Logo dunha festa sen precedentes en que exorcizamos todos os demos que nos querían infundir co seu fétido alento Pablo Llorca e a SGAE, en que tod@s fomos piratas saltando á abordaxe, sábado de resaquiña caseira e viaxe flash-back cara á serra máis impresionante que pisei na vida. Se a Capelada non deixa de ser a miña matria, e os seus cantís a fin do mundo, o límite de todo, o Xurés - Gêres é a terra das repúblicas esquecidas pola historia, da fronteira, do pouso dos séculos, de miliarios romanos e lendas que sitúan alí o Río Leteo, convertendo o Limia nas augas do esquecemento. Sempre me encantou ese costume que temos os galegos de concentrarmos en nós todas as mitoloxías do mundo. O universo aseméllaselle un mundo a nós, que temos o Graal no Cebreiro, o Olimpo no Sintolo, a Caronte bogando polo Limia abaixo, varias fins do mundo e cando menos sete portas ao Alén. Á Medusa grega chamámoslle Orca Vella e cristianizamos a Iemanjá da outra beira do Atlántico na Virxe do Carme (tirabámoslle ofrendas ao mar ben antes de que chegase o culto católico). E falando de cruzar o Atlántico, teño unha ganiña de que chegue a Galiza a tan agardada Torre de Babel... De pórlle cara ás palabras con recendo a océano que todos os xoves mesturan acento porteño con rotacirmo e gheada, dozura bonaerense con orgullo de galega emigrada... Xa queda menos para térmola connosco.

O caso é que alí, no Xurés, eue, o Pándigo e máis eu revivimos, concentrando a intensidade de dúas semanas en día e medio, unha volta ao verán de hai dous anos. Que bonito foi daquela e que bonito volveu ser. Os cativos eran máis pequechos, e ter que marchar o domingo de madrugada co mel quente nos beizos foi o comezo do declive que me acompañou toda a semana. Iso, e o frío, o amago de gastroenterite e as febres que me torturan até hoxe (só queda unha miga de dor no ouvido esquerdo, polo demais xa estamos para outra...)

Quentura tamén da festa, que aínda segue, onte máis quente ca nunca en Caldas, onde nos entregamos a unha orxía de ritmos desenfrenados deses que levantan tanto po e terra que hannos saír os mocos marróns unha semana polo menos... E hoxe, festa hippy do abuelo nostálxico, ou 33 aniversario de eue. Pero se m)alicia e máis el decidiron quedar nos vinte e sete, algo de razón terán. Cómpre medrarmos só o necesario para non matar nunca aos cativos que temos dentro.

Ah, si! E a miña primeira intención ao redactar o post, que acabo metida nuns sarillos... Non puiden recitar estes poemas piratas na noite do venres 6 de xullo, e aínda por riba perdín as "Coplas á morte da SGAE" do Pándigo, por andar desquiciada loitando por que saísen ben as cousas na oficina (loitando contra a miña torpeza desmedida e o meu facer as cousas a última hora, máis ben), pero aquí vos deixo un poema de Anjela Duval, esa señora bretoa entrañable do pucho de la, que tivo unha escolarización moi básica, viviu sempre no agro e nunca casou, pero entre muxir as vacas e botar patacas escribía poemas na súa lingua e sobre o seu cada vez máis masacrado rural. Non traducín do bretón directamente porque non sei. Si do inglés, dunha tradución de Lenora Timm. Aí vos quedan:

ANOAZ (Resentimento)

Daquela, home rencoroso,
seica atopas pracer na miña pobreza,
e non o disimulas.

Coa túa enorme boca ben chea, dis:
"Eu acumulei cousas,
teño cartos, teño casas, teño terras...
E ti? Ti que fixeches?"

Pero quen ti andas a ridiculizar,
meu pobre,
loitou tanto coma ti.
Pero en camisa.
Non era grande coma ti.
Igual ca ti, non sabía
como carrexar auga para o seu muíño.

Pero eu terei que calar...
Os pobres non temos outro dereito
có dereito a estarmos calados.

Pero escóitame unha cousa:
todos os teus bens?
Non chos quero para nada!
En cambio ti, ti nunca tes abondo.
Habíache gustar teres tamén todo o meu.
Deixarme núa no chan.
E aínda rirías, coa túa enorme boca.

Así a todo, fachendoso,
un día vas ver
como as túas cinsas
non valen moito máis
cás miñas.

APREIXAR (Bac'ham)

Ai, si, énchete de orgullo,
superhome da era atómica.
Éncheteme ben de orgullo. Es o vencedor.
Es o amo. Que peniña...
Apreixaches o lume,
domesticaches a electricidade,
apreixaches a auga,
apreixaches a fala e a música
na gaiola das radios.
Apreixaches sombras e cores
detrás dos cristais dos televexos,
apreixaches os números
na caixa do computador.
Apreixaches a Ilustración
detrás dos muros das bibliotecas.
Chantaches a túa bandeira na lúa,
e chantaches ao que non pensa coma ti no cárcere.
Meteches a Deus no peto.
Canto traballiño...
Si que debes ser un superhome.
Énchete de orgullo.
Mentres poidas...

8 comentários:

Caufield disse...

lindos poemas, gran descubrimento :)
en Entrimo pasamos moitos veráns de campamento, coñecemos ese sitio de memoria :D
mellórese, unha aperta ;)

torredebabel disse...

agardo coa mesma ledicia coñecervos e saber como son as miñas fadas madriñas virtuais que viven nesa terra mítica e propia, alende o mar. Canto teño alí! Canta xente querida e importante! Cómo é posible estar alá e aquí ao mesmo tempo? Cousa da vida, que xa o dixo Castelao.

albagal disse...

A serra do Xurés transmíteme nostalxia, fun de pícara a Muíños a un campamento e o ano pasado voltei por alí e xa non estaba tan verde..

Graciñas por acollerme o outro día e por ese segundo almorzo (o primeiro foi ás 9 na praza de GAliza...)Es un sol, Lúa.

Debeu ser incríbel a festa hippie, mais xa quedara para ir a Caldas...Parabéns a eue e saúdos a Ghandoi!

Lúa Neghra disse...

Un pracer, albagal ;) Cando queiras, xa sabes... Segundos e terceiros almorzos sen fallo ningún. Faime graza ver que todo o mundo ten lembranzas bonitas da infancia no Xurés. Eu coñecino adulta, pero volvinme cativa outra vez alí dentro :) Aperta grande ás tres!!! Cada día menos "ao lonxe", Babel ;)

eue disse...

Este poema é unha pasada

Anónimo disse...

Pois á fina coñecimos a Torre, días de ledicia e de boa compaña.

Fermosísimos poemas. Canta verdade na sinxeleza...Xa o dícía Ken Loach, dicir a verdade é revolucionario.

Apretas e bicos

Anónimo disse...

Q quieres ...............

Lúa Neghra disse...

Así en termos xerais? Que quero da vida, ou... ? :)