3.8.07

Hoxe teño o día pallaso...

Natural, con tanto nariz vermello agromando detrás de cada esquina. Como todo bo bufón, preciso moito humor, pero tamén moita carraxe. Levo varios días de sentimentos encontrados. Non sei se pasou un ciclo lunar enteiro dende o último post, pero si que as miñas mareas internas subiron e baixaron como tolas...

- Festa e contrafesta: eue celebrou por todo o alto a idade de Cristo, mentres loitaba contra os elementos. Eu gocei da festa como nunca, aproveitando os últimos folgos antes da fin de semana seguinte. Tamén foi festa abondo, pero previamente tiven que librar unha carreira de obstáculos. Amais, a chuvia enchoupou o último día e a operación de recollida de barra, tenderetes, instalación eléctrica... A nosa saúde pagou as consecuencias. Sorte que voltamos de Matamá cargadiños de limón e mel, que o curan todo.

- Dúas caras da cidade: estes días Compostela véndese ao Imperio. De repente baixan as cifras do paro, porque tododios conseguiu algún traballo precario na hostalaría, e prestámonos a servir ás leis da oferta e da demanda. Se polo camiño se perden cousas tan nimias como lingua, cultura, identidade e liberdade de expresión, que lle habemos facer, todo ten un prezo.

Tentando fuxir da grea humana que se congrega para ver a Soraya no Obradoiro, unha señora párame e dime en perfecto castelán "estás acreditada?" Mira ti, non levo o carné de prensa conmigo, nunca se sabe cando o podes necesitar para atravesares unha praza. "Non, pero só quero pasar... Non se pode?", "Pues no". "Hai que ghoderse", e dou volta por media cidade para un traxecto que me tería levado dous minutos. Pero chego a tempo de brindar co sangue do meu sangue e os seus colegas polos seus 21, e finalmente chego á macrofesta no piso dos gatiños cinéfilos, onde as risas e as conversas esconxuran o Apóstolo e toda a súa mitoloxía e merchandising. A xolda remata en Belvís, xa totalmente posuídos pola música e o "patriotismo", e veñen contarme que na Praza da miña aldea viñeron uns tipos drogados ata arriba e vestidos de azul cunha bandeira no ombro a meterlles de ostias, roubarlles e esnaquizarlles a festa aos que estaban a facer música. Dicían que había risco dun acto terrorista na cidade, e tiñan razón. O terror das porras e os descerebrados que as manexan fixo a súa aparición estelar na noite do 24.

Ao día seguinte cambiou o conto. Paso a correr polas congregacións do Toural e da Quintana, intercambio información coa xente que atopo sobre a(s) carga(s), e finalmente chego a Casa Felisa e consigo pórlle cara á voz que me acompaña todos os xoves ao lavar a louza, ás palabras que me chegan decote agarimosas, bulideiras e intelixentes polo correo, para que eu lles dea dúas puntadas e as coloque, brillantes e cheas de cor, no escaparate. Jan, O Breogán, A Pícara, Moralla e máis eu tivemos o pracer de xantar e conversar coa nosa querida Babel, e por un momento sentín como se fose un parente moi querido a quen hai anos que non ves, que un día decide volver. En certo modo, todos temos o pouso da emigración en nós.

E máis nada... Semana de traballo (tamén na fin de semana) non máis intenso do habitual, malia percibilo como máis duro. Cando sabemos que se achega o tempo da folganza, cada minuto de traballo faise máis e máis longo... Pero xa rematou! Escoito un aria de Gershwin, Summertime, como corresponde a este día que dá comezo ao meu auténtico verán, e prepárome para ir ver un pallaso, con moito humor pero tamén moita carraxe, que é imprescindíbel para calquera que se queira bufón.

E deixo este post de despedida, antes de marchar todo o lonxe que poida de ordenallo ningún, botarme ao monte, á praia, á festa, lembrar o que era mirar as estrelas, durmir debaixo dun carballo, subir ao máis alto dun monte, nadar até que a pel se enrugue e todas esas cousas que a cativa silvestre que teño dentro leva moito agardando por facer...

5 comentários:

Indómita disse...

Goza das merecidas vacacións churriña e teñas o mellor Summertime do mundo! Bicos

Caufield disse...

pásao ben!
seguiremos por aquí, derrubando o país ;)
disfruta das vacacións :)

torredebabel disse...

Que a cativa silvestre que levas teña o seu tempo de fartura e de descanso necesario, pero que a muller que tamén levas non se esqueza de voltar aquí, que ao lonxe tamén agardamos por ela. Bicazos! foi un agasallo que non imaxinaba coñecerte e coñecervos.

jan disse...

Agardo que vexas esta mensaxe o máis tarde posible, iso quererá dicir que estiveches lonxe do ordenador como desexas...

Un bico moi grande e goza das túas máis que merecidas vacacións.

un bico forte!

Lúa Neghra disse...

Graciñas ás catro polos vosos saúdos e cariño! Agardo que tamén esteades a gozar do Summertime (aínda que por veces pareza outono, e no outro hemisferio aínda sexa inverno). Apertas en todas as direccións, para os catro ventos!