27.3.06

Días de primavera, de poesía do teatro, da auga, da árbore...

Moitos días, moitas cousas. Xa hai coma vinte días desque non escribo, e aínda que agora xa teño con que (non era sen tempo!) fáltame a conexión, e aínda teño que recorrer aos cíber. Pois si: foron días de poesía (de intentos frustrados), de teatro, días de moita auga que nos fixeron nadar ao somorgullo máis do habitual... E máis ben pouca primavera. Días de cambio, de equinoccio, de remate de moitas cousas. Logo dun inverno metida no tobo, toca saír. Sigo buscando espazo de meu, e mesmo dubido se voltar ao niño. Tampouco teño o futuro moi claro... A ver que pasa. De momento estou, como diría o Silvio, "Como esperando abril."´egue a ser necesaria unha revolución en moitos ámbitos, para botar a andar dunha vez. Ás veces é mellor dar volta e volver andar o camiño de novo... Ai, mellor paso de poñerme trascendente. Estamos nun cíber, as súas costas contra as miñas, mirando cadaquén para a súa pantalla. Xa está ben! unha cousa é que nos coñeceramos nunha clase de literatura e cultura dixital, pero outra que esteamos abducidos polas máquinas... Se aínda tivese algo que dicir, eu tamén. Pois nada. Como non estou inspirada, vou sentar onda el e darlle a brasa un pouco (a ver como lle saen os post, que logo a xente non sabe como interpretalos... Abur!)

4.3.06

Día V

O xoves xa non quedaban entradas, e onte menos todavía. Pero finalmente conseguín entrar, e a vida era unha festa detrás das bambalinas do Principal. Unha chea de mulleres vestidas de negro, altas, baixas, gordechas, delgadas, sardas, italianas, inglesas, galegas, maiores, menores, enfeitándose e xustando o moño con cricas (simpática homonimia dos prendedores do pelo e os órganos sexuais), poñendo medias de reixa, enredándose en boas de plumas... Martina e Karen non paran, coa súa arte para téreno todo baixo control e as súas camisetas rosas, de arriba para abaixo... Mabel repasa e vai cambiando de roupa. Unha das actrices fai gárgaras para aliviar a noite de festa e licor café do día anterior, lóxica e necesaria despois dunha estrea.
Xan Casas enfeita como pode a outra das actrices, e a súa mirada entre olleiras delata que a festa foi enorme para el tamén. Subimos fumar un cigarro, e conta que o que onte aconteceu nesas táboas foi unha milagre...
Pero cando lle pregunto como se sinte ente tantas e tan tremendas mulleres, confesa que o primeiro día estaba "acojonado", e nunca me aparece tan acertada a expresión, perante tal exército de vaxinas.
Xa queda pouco. Martina anuncia que está a entrar o público, e dúas delas comen parte do atrezzo necesario para a escena do picnic... Fan un "merda" colectivo, que consiste nunha inmensa aperta, chimpan e berran, e míroas con admiración e parte de envexa. Moita merda, miñas nenas. Baixo onda Martina, que non conforme con dirixir a interpretación destas mulleres controla tamén luces e son, con esa incrible capacidade súa de facer mil cousas á vez e non perder o sorriso.
E de repente... Mabel Rivera dá paso a unha sucesión de monólogos nos que as conas silenciadas, rasuradas, inundadas, reprimidas, gozosas, violadas, paridoras, menstruantes, furiosas, de todas as mulleres do mundo, teñen voz. Río a rachar co cabaré no que Paola, Nati e Mónica falan coa voz que terían as súas vaxinas se puidesen, con Paola de novo explicando como aprendeu a querela dende que un home quería mirarlla con esa súa voz italiana de veludo, éncheme de tenrura a velliña que fala dela por primeira vez e a moza que atopa o seu clítoris, tremo e cáenme as bágoas cando Rachel se mete na pel dunha moza serbocroata para contar "A miña vaxina era unha aldea... os soldados invadíronna, arrasáronna, incendiáronna", e cando escoito a gravación final sobre a cantidade de mulleres asiáticas que foron convertidas en escravas sexuais polo exército xapónes (esta representación vai para elas, para que non se lles viren as costas, para non borralas dos libros de Historia, para que o goberno admita que pasou...) sinto complicidade, emoción, furia, conciencia, malicia... Cando todo remata, cunha chea de mozas vestidas de negro, enfeitadas, peiteadas e orgullosas de falar de vaxinas, chamando por Martina para que suba ao escenario con elas a recibir as ovacións e regalarlle un ramo de flores, eu miro para o reloxo... Son as 11, tiña que estar en antena... Marcho a correr, deixándolle unha nota a Martina enriba da mesa de luces. Pídolles perdón por non ir detrás das bambolinas a darlles unha enorme aperta a cada unha delas, pero teño que bulir... O post de hoxe (vaia, de hoxe, deste mes, coma se postease eu tanto) tiña que ser para elas. Parabéns dende o fondo do corazón... e da cona ;)

Día de celebración

Sabiades que
Rosalía de Castro ,
George Harrison,
Pablo Milanés ,
e Vieiros
naceron un 24 de febreiro?

18.2.06

Dies Veneris

(ía poñer as míticas, a de Boticelli ou a de Milo, que non ten brazos, pero esta con Pan ao lado fíxome graza).Día de Venus e de resaca... Esperto, logo de tres horas escasas de sono (nunca atopamos a Lamatumbá), ao carón do meu obxecto de desexo lesionado (xa cambia de lado da cama para que non lle roce a ferida) e cun cuarto de hora escaso para espelirme e ir traballar. Así non hai quen empece o día consagrado a Afrodita con xeito...
En fin, logo dunhas horas de traballo aceleradas (como se me puido pasar por alto que onte Blanca Marsillach e Néstor Rego ofreceron unha rolda de prena, hai que sacar un destaque polo menos... Eu, posta a escoller eventos teatrais, preferira a Carnicería, que me parece ben máis interesante, pero en seguida chaman do Concello para esixir o seu espazo publicitario), como, descanso, e a berregar cos pícaros...
Montamos un poboado indio. Entre pintármonos de peles roxas e organizármonos en tipis xa vai alá media tarde. Marchan, e o meu día non remata, porque aínda temos xuntanza do Foro da Mocidade para planear un macrofestival en abril (quen dixo que o Concerto pola Lingua só se pode facer na semana das Letras?). Váisenos a pinza até cotas insospeitadas, acabamos dedcndindo que Benicassim é unha merda comparado co que nós queremos facer... E tamén decidimos que hai que deixar de facer as xuntanzas en bares. Acabamos no de Morgan, arrodeados pola metade dos axentes culturais da cidade (o Cineclube en pleno coa súa cea dos venres na súa mesa, medio Berrobambán na barra, e de alí un pouco a única promesa que temos para o concerto). Un mencía e unha clara despois, imos para casa, e caio co sono aos cinco minutos. Vai día venéreo... (de Venus, non pensar mal)

16.2.06

Dies Iovis


Ou día de Xúpiter (Zeus, o mesmiño, aí con Xuno / Hera). Pois hoxe non teño un día particularmente divino... Pero feliz, ao fin e ao cabo. Traballo as horas que me corresponden, vou polo meu outro traballo non remunerado pero que me alimenta o corazón a levar uns monicreques que até hai pouco estaban postos a secar na trandeira (pena de non tirarlles unha foto, como a de María), e Nerea tivo o detallazo de axudarme a subir o carro da compra polas escaleiras da casa. Convideina a un licor café, que menos. Polo noso roteiro habitual atopamos a Brais e Antón, minutos antes de que se metan no cinema a ver unha de vaqueiros, e falamos durante un cacho das nosas vidas laborais, sobre todo. Vaia, un día intenso que aínda non rematou. Pode que me achegue á festa...

15.2.06

Dies Mercurii

Día de Mercurio, ou de Hermes, "o de alados pés." Aí arriba está con Atenea, que é das poucas do Olimpo que me cae ben...
Día para mandar mensaxes... Vou con retraso, porque hoxe é cando teño o día belicoso. unha zamorana mandoume un correo protestando porque lle pareceu de moi mala educación que eu lle respostase a unha solicitude en galego. Non lle gustaba que a web do Auditorio non ofrecese versión en castelán, e eu resposteille que todo se andará, pero que se estamos en Galiza e a nosa lingua oficial é o galego, o normal na páxina de inicio do Auditorio de Galicia é que estea en galego. Pois chamoume maleducada. Vaia. Quixera saber que fai esta señora cando le o Washington Post electrónico. tamén lles protesta por teren a versión orixinal en inglés? anóxase se lle respostan en inglés? Considera que para que o Auditorio DE GALICIA estea a "aberto ao mundo" teno que estar en castelán. Agrédeme a min, aos meus, á miña lingua, e á miña idiosincrasia afirmando que o galego non vale, non é lingua. E cando digo que me agrede, digo que me está ferindo no máis fondo, non é unha metáfora. E eu son a maleducada... Para min que a educación pasa, en primeira instancia, polo respecto. En fin, fágolle caso a Cesare e paso moito dela, porque se resposto igual me despiden...
Pero non estamos no día do deus da guerra, así que vou mandar unha mensaxe que levan tempo solicitándome. Aí van cinco da miña recua de manías:
1. Nada máis facer un bocata teño que pegarlle unha trabada, antes de sentar, nin de levalo para a mesa.
2. Sempre levo as mesmas xoias (vaia, abelorios, non se pode dicir que use xoias) Nun lado do corpo que noutro: un anel na man esquerda e dos pendentes na orella esquerda=un pendente na orella dereita, un anel na man dereita e unha pulseira. Tres e tres. Terá algo que ver que eu sexa libra?
3. Para lavar a louza sáenme cancións en portugués ou inglés. Cando me ducho, en galego. Que ten que dicir a psicolingüística ao respecto?
4. Algo da roupa exterior ten que ir a xogo con algo da roupa interior.
5. Cando entro en Pontevedra, conteño a respiración. Non sei se será a emoción de volver á patria chica ou o cheiro...
Nomeo a... Todo Nada. Sei que estás liada, pero veña... Todo o que ti queres (non tes excusa, xa remataches cos exames), O leo i arremecághona!!! (seguro que os punkis tamén teñen manías), El niño de la guía (e de paso dime quen es, que se coñeces á Sofi da Rúa Betanzos non andabamos lonxe...), e... Hummmm... Naraío Nazón, que hai tempo que non posteas (máis ca min, que xa é dicir). Que rule...

14.2.06

Dies Martis

Martes, día de Marte (Ares en Grecia, aí con Cupido / Eros), e aínda por riba San Valentín. Acordo entre dores (algúns me comparan cun pito que acaba de romper a casca do ovo e saír ao mundo). Algo semellante. Non son eu a que sae dun ovo, senón un ovo o que escacha no meu interior, e provoca tres días de contraccións, dores, mareos e febre todos os meses da miña vida fértil. Dubido durante interminábeis minutos se ir ao traballo ou quedar na cama e agardar a que pase un pouco. As dúbidas veñen de certo sedimento da educación que tod@s padecemos, polo cal non só tes que avergoñarte por menstruar, senón que amais tes que levalo con dignidade e enfrontarte ao mundo coma se nada pasase, nin sentises unhas poutas esgazando o útero. Como se fan esas cousas? Con que papo chamas ao traballo e dis que non vas ir até que te atopes mellor por algo que é connatural a ti e polo que se supón que tes que pasar? Finalmente fágoo, e por algunha estraña razón arrepíntome todo o día. Non polas horas na cama, a infusión e o ibuprofeno, que fixeron efecto, non polo tempo perdido de traballo, que farei por recuperar pola tarde e nos días vindeiros, senón por ser tan feble de admitir que a miña condición feminina me dá problemas, e non ter os "ovarios" de berregar co mundo pese a todo. Por que as mulleres sempre renegamos do dereito a que nos doa algo? Por que nos avergoñamos de deixar de cumprir coa nosa obriga porque algo que é tan "natural" pero que nos tortura e destroza o corpo non nos deixa nin pensar? Hoxe teño o día belicoso, como corresponde ao Dies Martis, pero conmigo mesma.
Tamén é un día que dedican ao amor, e mesmo quedo de pedra cando descubro que Galiza nova e Andaina andan polos colexios cunha campaña para "explicar o amor." E iso como se explica? Á fin dou co folleto, e me relaxo perante unha campaña que o que quere é desmitificar esa idea que nos aparva e nos fai pensar en mercar chorradas e celebrar algo o 14 de febreiro. Así e todo, miña nai, a única persoa que me fai agasallos de San Valentín, manda unha mensaxe para dicir que teño o meu en Pontevedra. E non vexan a ilusión que me fai, por moito que odie estas datas e non sexa o convencional... Iso demostra que os mecanismos do amor son ben máis complexos do que pensamos.
Detesto estas conmemoracións estúpidas, esta manía do catolicismo de cristianizalo todo e do capitalismo de explotar as datas que a relixión converte en especiais. Bah, que parvada, capitalismo e cristianismo sempre foron da man. Pero non podo evitar que esta muller que AMO me encha de alegría este día en que quero asasinar a Isabel Coixet (autora, por moi en secreto que o teña, da maioría dos anuncios de compresas), co seu agasallo de San Valentín.
É un día belicoso, pero xa me vinguei a gusto mirando a catro monstros da escena que mo fixeron pasar como nunca este venres en Porriño.
Última hora: mensaxe da miña amiga Iolanda (" No día en que almacéns venden amor monógamo heterosexual, eu reivindico outros amores, libres e eternos. Aí vai unha cestiña de apertas con cheiro a romeiro debuxado no aire. Quérote!") Non se pode ser máis acertada. Este post de dies martis no que non quero ser belicosa e me rebelo contra as miñas hormonas vai dedicado a ela, polos amores libres.

13.2.06

Dies lunae

Pois si, hoxe é luns. Outro luns de tantos, cando xa todas as semanas parecen iguais. O día comezou cun estourido que nos provocou todas as hipóteses que se lle poden ocorrer a un cerebro adurmiñado ás seis da mañá: eu supoñía que rebentaría algunha bombona nunha casa, el ía máis alá e pensaba nun ataque terrorista... Todo o patio de luces alghareado, pero ao final non foi unha cousa nin outra. Só... fogos artificiais (e que conste que a miña primeira ide a antes de abrir os ollos e notar a vibración foi "pero onde son festas?")
En calquera caso, un día normal. Un luns moi luns: traballo, ensaio, agardo que sono reparador, media horiña para postear por primeira vez en meses, case... Noto que me atopo perdida dun tempo a esta parte, que me estou alleando. E hoxe que hai lúa chea, e pola semana romana estamos no día da lúa, agardo algo así coma unha catarse que remate de espelirme. Este blog tiña que ser algo máis ca un diario adolescente, e a miña vida tiña que ser máis ca gañar para sobrevivir e non ter tempo para vivir. A ver se algo dentro de min estoura dunha vez, como os fueghos de Calo.

8.1.06

Día morriñento

LonelinessEn memoria dunha poeta da que non lembro o nome:

"Déixasme a cama chea de pelos,/ de cousas..." (non sei máis).

Déixasme pelos na cama,
enrugas de sabas marcadas na pel,
o teu recendo entre as enrugas das sabas,
media tortilla co teu recendo na mesa,
o pan do teu corpo no sabor da tortilla,
farangullas do pan na lacena.

Déixasme notiñas musicais penduradas xunto cos manteis na trandeira,
xunto coas bragas, o xersei negro e as toallas,
(e máis a camiseta de propaganda de Cola Cao
e os calcetíns que son iguais ás luvas de María).
A guitarra deitada na cama,
o rebumbio da túa voz nas paredes,
a túa mirada de herba e ámbar nos meus espellos,
o teu riso polo medio das potas, das patacas, dos cartóns de leite
(Feiraco, que agora xa non teñen vaquiña, e poñen o van dunha anoréxica.)

Déixasme sorpresas tras da fiestra,
reviravoltas no setestrelo da parede,
unha baqueta de Def con Dos cando estiveran en Caldas no corredor,
un calendario 2006 que che deron no Froiz
que substitúe ao de bombeiros composteláns en bólas do 2005
(que Míster decembro resultou ser veciño da Nerea e compañeiro de facultade do Denís),
"un sumario de xerfa" polos cons do corpo.
As costuras tirantes.

6.1.06

Día para non durmir

Xa avisara, a falta de tempo e de infraestruturas non me permite postear con máis frecuencia. Pero hoxe hai lúa crecente, así que a petición expresa de eue, non vou agardar outro ciclo lunar. Con postear nos cuartos abonda, digho eu.
Resumo das últimas semanas: Ultranoite na NASA por cortesía de Cesare. É alucinante como nos concentramos catro blogueir@s en (penso) menos dun metro cadrado. Ao día seguinte, as dores que me han torturar até a menopausia ou a histerectomía, o que veña primeiro, non me deixaron erguerme até tardísimo. Sorte que teño un anxo (diabólico, por veces) ao meu carón que me fai poleo menta e me leva até a cidade que me pariu entre bafos de celulosa. Polo camiño aínda temos un susto coa buxía. Agardamos polo señor do guindastre, que é arxentino e ten bo humor como para sacalo da casa na Noiteboa, e cadaquén vai cos seus. Noite e día posterior de xuntanza familiar iesascosas...
Semana de choio (bastante morta, parece que morre a actividade cultural na cidade), nova fin de semana... Ceas coas compañeiras de fatigas e cos de aventuras, atopar coa xente que anda no exilio e volve, como o turrón, despedir o ano... Preferín cear na casa paterna, aínda que recibira un convite moi tentador. Pero logo fumos ø, unha botella de licor café póstumo do meu abuelo e máis eu, xunto con m)alicia, cesare e máis xente a unha casa preciosa. Benaventurad@s @s que vivides nela, que sexades felices nese paraíso.

Ao día seguinte, optamos polo remedio tradicional contra a resaca: peliculón, estomballe e comida.
Como dicía ao comezo, non apetece durmir nunha noite coma hoxe. @s que somos nen@s eternamente seguimos agardando que algo ou alguén entre pola porta do balcón e encha os zapatos de agasallos.
De pequena pedía Nenucos, libros e unha casa. De adolescente, un mozo e que me deixaran ir a un concerto de Bon Jovi (tiña trece anos, sexan comprensiv@s). E de maior, case non me quedan desexos que pedir. Hoxe tiven unha arroutada cando viña no tren, lendo e mirando para o Lérez. Decateime de que xa non quero nada máis: teño un traballo do que gozo moitísimo, un espazo propio, amig@s, ideas, proxectos, algo polo que loitar e no que investigar, marcas de sabas que nunca se han borrar, xente do teatro, tropa de carallo, seres queridos cos que comparto máis que sangue... Que lle pido aos Reises? Despois de ler a carta de María de Mallou, algo semellante. Pido para min e para quen quero mil momentos máis como os que xa puiden vivir, que tiremos con tanto egoísmo, tanto aghobio co material (paradoxal dicir isto no día mundial do consumismo desaforado), tanto comernos a cabesa, tanto facérmonos @s dur@s e madur@s, e tanta hostia, e vivamos. Felices Reises!!! E se traen carbón, benvido sexa. Vai tal frío no Franco... Despídome até a próxima lúa que xa é chea!!! Biquiños, aleghría, saúde e anarquía.

20.12.05

Día tolo

Dende que vivo no cuarto propio, na terra dos guiris, dos nenos con gaitiña estridente, de mozas que nuncanuncanuncajamasdelosjamases te ofrecen torta de santiago porque xa levas gravado na fronte que es de aquí, do guitarrista de nove a once que só se sabe dúas de sabina, "wish you were here" e media de kiko veneno, do cheiro a embutidos, mariscos e cocido que sae do "orella", e aghabea polas paredes até entrar polas fiestras da miña cociña, da mocidade festiva e etílica os xoves pola noite (panic!!! o outro día, tres deles afincados na praza do ourense miraron para min e unha moza díxolles: no armar escándalo, hombre, que la señora nos está mirando mal. AAAArrrGGG!!!), das tendas de souvenirs chorras... dende que vivo no corazón da cidade xa non blogheo.
Entre a mudanza, o Gran Día e a falta de ordenallo propio (que xa é o seguinte estadio, co cal Virginia Woolf non se tivo que enfrontar), a verdade é que non parei. E houbo tantos cambios... uns marchan, outras veñen, cambiamos de casa, cambiamos de pel (como ao principio deste blog, que bunito), cambiamos de máquina... Onte morreu nas miñas mans o que fora o meu compañeiro de traballo durante tres meses. Fielmente, axudoume nos peores momentos e soportou con paciencia a miña torpeza. pero non puido aturar máis, e onte vin como falecía. As súas últimas palabras: panic: we're hanging on. E nunca saberei que quixo dicir con iso... Agora traballo cunha tartaruga xigante. Lévalle o seu tempo responder ( xa cheguei ao punto no que vou a un ritmo máis rápido có da máquina, e todo), pero seguro que co tempo facémonos bos amigos, aínda que xa me deu algún susto.
Pois iso. A vida sigue. As noites de lúa neghra, tamén, pero xa son menos, dende que son unha SEÑORA que mira mal aos mozos que montan barullo (só me falta saír en bata e con rulos, que non uso, ao balcón a berrarlles que mañá traballo, ou a tirarlles caldeiros de auga, pero por coherencia comigo mesma non o fago. O que é a vida: non hai nin un ano era eu a que incordiaba aos veciños). Con todo, o venres pasado tiven unha reparadora sesión de autodestrución no maycar cos dous homes da miña vida, logo dun día marcado por estrañas sorpresas, das poucas noites de farra que lembro logo dunha estrea teatral en que empezas inocentemente cos pinchos e os viños, tes conversas interesantes, e cando te queres decatar estás... no maycar.
En fin: noites de lúa neghra, días de cambio. Cando escribo isto xa vén de estar chea, agora a lúa volve ir para abaixo. Vou agardar outro ciclo até volver escribir... A ver se teño ordenallo propio daquela!

1.12.05

Día para sentirse Virginia Woolf

Xa tiña non 500 libras, pero si 736 euros ao mes
(o que pasa é que ela sacounas dunha herdanza dunha súa tía e eu teño que encher buratiños con letras durante oito horas cada día). E sobre todo: xa teño UN CUARTO PROPIO.
A búsqueda foi dura: volvín por preto da Casa Máxica que derrubou a Cobiza (coma nun intento inconsciente de seguir a facer dela a miña veciña, ou polo menos a súa esencia, xa que deixo de tela en fronte), e mesmo fun vítima da morriña, do cordón umbilical tan fino que é case transparente, que tira por min dende a Aldea, un cordón invisíbel que integran a música dos Estalotes, Julia do Mosquito, Angelillo, quedar no Cruceiro, a Churrería, as festas xusto despois do San Xoán, a boa xente da Xuntanza, as camisetas retranqueiras, a tenda de Ulises, cada fiestra, cada porta, cada pedra, cada vez que se tivo que arreglar cada lastro da estrada, cada maceta con cadanseu xeranio, da miña casa. O meu auténtico lar, que me acolleu no seu útero de pan e coiro, entre pegadas dos peregrinos do camiño francés, lendas de aforcados e fontes máxicas, durante máis da metade da miña vida. Que comparto co Alfonso, a señora Sofía, que adoptou parte da prole dos meus ghatos, coa mesma María Liñeira que me dicía as verbas de Cunqueiro: "ti chegaches a Compostela coma quen chega a unha miragre." E así foi: o barrio de San Pedro apertoume nos seus brazos de pedra e señoras en bata cando aínda non levantaba un metro do chan, e alí seguín até hoxe.
Este post está virando melancólico... Pero a tod@s nos custa deixar o niño. Hale, a voar...

25.11.05

Día morto

Hoxe non hai ganas de nada. Nin de loitar cos pícar@s, nin de ir cear do grupo de teatro e despois atopar a Ø, que ha estar vingándose a gusto nestes momentos, e nadar ao somorgullo... Vale, disto último si, o que non hai son folgos.
Levo todo o día co corpo adurmiñado pola dor e o cansazo. A primeira decepción do día veu da man do Patum de Berga (xa dicía Ø pola mañá, "van comparar unha festa cunha cultura?" E horas despois escoitei: "os cataláns conségueno absolutamente TODO!"
E tamén tiven tempo de cabrearme coa "domesticación" da violencia de xénero por parte dos medios, no Día en que lembramos Ciudad Juárez, Afganistán e Cacheiras. Deixei un comentario no Libro de Estilo virtual.
E agora penso quedar na casa a escribir, mentres escoito o "meu" Tema, composto por Maurice Jarre (hoxe, o filme que me deu o nome hai corenta anos).

23.11.05

Días corsarios...

Onte quería ver que saiu do inquérito que fixo o meu idolatrado Pier Paolo pola Italia que lle tocou vivir alá polos 60, pero Ø tiña ganas de falar e de que lle / nos fluísen os post na cabeza segundo baixa o licor café. De camiño á caverna tiramos fotos da lúa.
Pero ao día seguinte hai que traballar. Invisto media mañá en repasar, filme por filme (ou metraxe por metraxe, fita por fita, película por película... Cesare ofréceme un mundo enteiro de posibilidades )que en todas as liñas de toda as fichas haxa un ([li]) e un ([/li]) para que as letras queden bonitas na pantalla, sen se amorear coma antes.
Contra a unha escapo para ir buscar unhas chaves, e polo camiño atopo á miña grávida e pletórica amiga Raquel (vaia, e a Paula, ou Ainhoa, aínda non se sabe, que estará flotando feliz no líquido amniótico). Despídome das dúas e volvo sachar letras no teclado outro cacho. Á hora do xantar vou mirar a miña primeira posibilidade de proxecto de fogar (a outra terá que agardar até mañá), e xa lle collo certo cariño, aínda que non me faga ilusión ter o Convento de Belvís en fronte cos seus pertinentes curas...
Volvo, bocata en man. A tarde pasa entre tecleos e ensaio frustrado, e a noite entre máis tecleos e Otis Redding (a ver cando dou asubiado coma no final de Sittin' on the dock of the bay). Como empecei este post, quedoume pena de non ver a Pasolini...

21.11.05

Días sen casa

O xoves á noite tecleaba compulsivamente (cousa rara, diredes) mentres devecía por durmir. Ao meu carón soaba unha guitarra. O venres saín da casa cedo, para ir berreghar coa actualidade cultural coma todos os días. Ao saír fun comer co Gato Negro, e espremer os miolos pensando como se pode distrer a atención dunha ducia de pícar@s durante hora e media de xeito educativo a la par que lúdico e sen que te chamen pederasta. Dura vida a d@ monitor/a de tempo libre. Finalmente conseguimos que @s cativ@s flipen durante cinco minutos coas luces apagadas, tres cirios acesos e unha historia de defuntos e samaíns... E que se disfracen para esconxurar os meigallos, e que se convirtan en sapos, curuxas, mouchos e bruxas... E algún vampiro, que mesmo me deixa unha trabada no brazo. Os nenos sonche así: cando levan unha capa poden voar, e non tardan en querer comprobalo tirándose dende as mesas, e se a capa é neghra como mis pecados, poden ser vampiros. Quero ser unha nena para podelo todo.
Saímos e vamos para outro magosto, outra festa ben distinta. Esgótanse cervexa e licor café, a música enméiganos a todos, veña da pandeireta de Camila, do bongó de Flavio, dos movementos capoeiros de Faísca ou do punk sen límites do Leo. Regalamos empanada, gozamos, desesperámonos co cambio dos billetes de 50 (estes jipis xa non son o que eran, van pola vida paghando licores cafeses con sabas de 50 eurasos), a vida é unha festa diante e detrás da barra.
Recollemos, a festa segue polo Insomnia, que se portaron guai deixándonos xeo, polo Tarasca, polo Maycar... E todos eses sitios que Ø non lembra.
Sábado de relax, erguéndonos case coa nova noite, despois de deitarnos co mencer ameazando polo patio de luces. Scorsese e arroz á cubana contra a resaca.
O domingo non é posíbel o relax: a nosa gran maquinaria se pon en marcha para que o público se volva escarallar con asento do Barbansa. Tensión sobre o escenario, calquera de nós se pode converter en Brutus chantándolle o coitelo ao Xulio César de Shakespeare, pero sen deixarlle falar despois. As bágoas mestúranse cos dez quilos de sombra de ollos, rímel e lapis que aínda levo tatuados días despois por moito que refregue, e ao público lle resultan críbeis, porque non dá nin chío.
Luns: logo de tres días sen pasar pola casa que non é miña, regreso cal filla pródiga, volvo ao traballo, xornada completa... E novas posibilidades. Logo de tres días de vagabundaxe, hai que ir buscando fogar.

8.11.05

Día intermináaaaaaaaaabel

Hoxe empezou hai moito e non dá rematado. Vou postear, digho eu, a ver se o tempo pasa máis rápido. É un día dos que duran anos. Comezou coa mala hostia de todos os días cando soa o espertador, ou os espertadores, habería que dicir (o móbil dá os tres ou catro primeiros avisos, e, como último recurso, o clásico cacharro de todo a cen a pilas con pito estridente avisa de que son as 8:20, a miña última oportunidade). Ao meu carón, Ø segue perdido polas fonduras do sono. Despois do susto fílmico de onte no Teatro Principal non me estrañaría que acordase sobresaltado con medo a que o ataque.
Despois da ducha ás escuras (tres semanas sen cambiar un portabombillas é preguiza e o demais son coñas), da mandarina que devoro á vez que ato os amallós dos zapatos, me peiteo e organizo mentalmente o día e dos bicos de despedida, saio á rúa. Chego tarde, coma sempre, e polo camiño atopo a un aduaneiro que non tarda en amosarme un tesouro, unha fábrica de maxia que conseguiron entre el e outra virtuosa da virtualidade.
Entusiasmada co que pode ser o comezo dunha bonita amizade editorialiterariocibernética, póñome en contacto co Gato Negro, que se emociona tanto coma min e se pon a espallar o nome da factoría de letras polo mundo.
Oito horas de tecleo compulsivo, sen o descanso cafeinómano de todos os días. Chove a bataghóns, que dirían en Matamá, e ver ao pobre Cesare entrar enchoupado co café en vaso de plástico quita a gana de saír ao mundo exterior. Á tarde segue chovendo, a amadora de Vermeer e máis eu solucionamos cuestións de intendencia, e o tecleo compulsivo continúa.
Saio, baixo 43-18... 25 números, e dentro da miña outra caverna sigo a teclear. E despois dunha xuntanza frustrada, desas das que todo o mundo foi avisad@ de que se cambiaba a data agás eu mesma (polo menos falo co señor do bar durante dez minutos sobre a lei do tabaco), chego á caverna, onde aínda tecleo compulsivamente durante outra hora. Día intermináaaaabel... Levo doce horas parindo letras cos dedos. Mellor vou durmir...

1.11.05

Días macabros

Púxenme a escoitar o Concerto Grosso de Häendel que tiña meu avó pola casa de Sarandón. A escolla dese disco foi se cadra un sinal subliminal do subconsciente para lembrarme a data en que estamos. Púxenme a mirar pola fiestra, como reflicten as pingas de auga os edificios de enfronte, coma microespellos convexos.

Chove. Choro. Xa está ben de pingueiras... Vou facer unha necrolóxica. Mellor, vou recuperar notas do protobló, de cando todavía escribía en papel: este poema escribino na noite do 30 de agosto.

PLANS PARA O FUTURO
Cando xa non quede vida no meu corpo
non quero un cadaleito.
Non quero choros nin rezos,
non quero flores nin esquelas.
Que me abran e aproveiten o que poidan,
coma na mata do porco.
Se algho das miñas entrañas pode valer,
adiante, reciclémolo todo.
Iso si, ghardaime os ósos.
Soterrádeos ben fondo, mirando pró mar,
e metede con eles un caderno,
un bolíghrafo,
e un ollo de vidro.

31.10.05

Día de Santas Compañas

Hoxe están abertas as portas do alén. O Samaín dá comezo.
Tamén abrín as portas de outro Mundo soterrado: o da sociolingüística. Matriculeime no TIT despois dunha mañá empregada en vagabundar por Filoloxía, percorrendo todas as secretarías de todos os departamentos (que facían ponte), e esquivando ás vendedoras de "Autogestión" que me tentan enguedellar nas redes da pseudosolidariedade cristiá.

Pero aparece el no momento preciso para me rescatar das gadoupas dun voitre con lentes que insiste en que merque a revista. Atravesamos a cidade mentres sae o sol, que sempre agarda aos momentos en que tes paraugas ou alguén te leva no coche para saír, triunfante, despois de te mollares coma un pito. É a lei de Murphy.

Chegamos ao COIE, facemos cola durante media hora para conseguir unha carpeta e máis unha axenda de mala calidade e quedar oficialmente rexistrad@s coma presunt@s investigadores. Lembrámonos case ao unísono dun verso dunha pretendida poeta que sempre nos ha de acordar cando temos que aparentar formalidade: "as cousas que fixemos onte á noite", despois dos licores cafés do Atlántico e de cantar pola Rúa do Medio. A obriga de agardar na cola faise máis lixeira entre miradas de complicidade.

Cadaquén volve ao seu. Xantar cos meus. Tarde tranquila. Contra a noite comezan a chamarme as meigas da música e da noite. Presinto un aquelarre, unha noite de lúa neghra, as portas do Alén abertas para nos acoller.

29.10.05

Días do Yin e o Yang

Onte: ADRENALINA, Cineuropa, carteleira, II Simposio do libro e a lectura, tecletecleateclea...
Bocata de tortilla comido en cinco minutos in the rain, marchamos a Ribeira, escenografía, atrezzo, son, luces, vestirse, calzarse, peitearse, maquearse, bolboretas na boca do estómago... A escena. Moita merda!!!

O público escarállase con asento do Barbansa, aplaude, e a aleghría non me colle no peito. Paralelamente, en Tomiño, outro animal escénico tamén metido nun traxe de lunares andará a sentir o mesmo. O meu conxunto vacío, o infindo a reencarnarse nel. Deséxolle moita merda á miña folclórica preferida.

Desmaquearse, desvertirse, descalzarse, desmontar luz, desmontar son, desmontar atrezzo, desmontar escenografía, cargar furgalla, perderse polo porto de Ribeira, chegar a Compostela, descargar furgalla, birra, empanada e prá cama.

Hoxe: SEROTONINA, erguerse, almorzar, Mamá chama para solucionar dúbidas léxicas, comida familiar, Margarita Ledo cóntame as aventuras de Pepe Velo e compaña a bordo do Santa María (carallo, como cambiou a teuvegá), Papá cóntame que de pequeno viaxou a Venezuela nese mesmo barco, os ghatiños veñen ao sofá darlle calor ao meu ventre dorido polo estrago mensual de futur@s fill@s. Fóra da casa, no mundo, chove. Dentro, Lou canta por boca de Jim o que pasaba en Berlín. "It was very nice, oh, honey it was paradise."

Chama. Está na estación de tren de Vigo. Plans: Casa Encantada, ensaio, noite de lúa neghra...

24.10.05

Días para durmir

ERGO (sum) na cidade do aire violado. Viaxo a través da noite (07:33 - 09:05).

SENTO (mais non sinto): bicho mecánico que teclea sen pensar.

CHEGO á caverna. Como sobras, coma os cans. Loito contra os canos rotos e as bombillas fundidas.
Miña caverna, meu lar.

AFOGO para chegar a tempo a volver ser bicho mecánico (teclista de fotocomposición).

ACORDO. DUBIDO. RESPIRO.

El limpa o meu día neghro cos seus espellos de herba e de ámbar.

ACTÚO. Declamo, móvome, choro, berro, río, vístome, íspome. O escenario convértese en útero, e agóchome nel.

E remata o día: volvo á caverna. Dou bicos. Paro a pensar. Escribo. E durmo...